Suecia (), oficialmente Reino de Suecia, é un país nórdico situado na península escandinava. Limitado ao norte e oeste con Noruega e ao leste con Finlandia, está conectado con Dinamarca pola ponte-túnel de Oresund, cruzando o estreito de Öresund. Bañada tamén polas costas do Mar Báltico, forma o Golfo de Botnia xunto con Finlandia.

Pertencente á Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 1995, é o terceiro estado membro maior dela e o quinto de Europa, que xunto cunha poboación de pouco máis de nove millóns de habitantes, supón unha das menores densidades de poboación do mundo. Con todo a meirande parte da poboación vive na parte sur do país, o 85% deles en zonas urbanas. A capital, Estocolmo, é ademais a cidade máis poboada, e chega aos dous millóns de habitantes na súa área metropolitana. As dúas seguintes cidades máis poboadas son Gotemburgo e Malmö.

A poboación de Suecia goza dun alto nivel de vida, e é un país xeralmente percibido como moderno e liberal. A conservación da natureza, protección dos ecosistemas e a eficacia enerxética son polo xeral prioridade na formulación de políticas e contan con acollida por parte da poboación sueca en xeral. Suecia ten sido durante moito tempo un importante exportador de ferro, cobre e madeira. Ademais, na década de 1890 a escolarización universal e a industrialización permitiron ao país desenvolver unha grande industria manufactureira. No século XX foi clasificada constantemente entre os países con mellor Índice de Desenvolvemento Humano, e en 2017 ocupaba o sétimo posto a nivel mundial.

Etimoloxía O nome sueco Sverige significa literalmente 'Reino do pobo sueco', excluíndo os Gautas de Götaland. A etimoloxía dos suecos, e polo tanto de Suecia, considérase habitualmente que deriva do protoxermánico Swihoniz, que significa 'propio dun', referíndose á propiedade dunha tribo xermánica.

A maioría das linguas utilizan nomes semellantes, Sweden en inglés ou Svezia en italiano. En danés e noruegués utilizan Sverige como en sueco. Porén, destacan as excepcións das linguas ugrofinesas, que utilizan Ruotsi, en finés e Rootsi, en estoniano, nomes que xeralmente se consideran etimoloxicamente relacionados coa mesma raíz que a palabra Rusia, que se refire ao pobo rus', orixinario das zonas costeiras de Uppsala.

Historia Prehistoria miniatura|esquerda|Runa de Aspa, en Condado de Södermanland, onde se atopa a primeira referencia a Suecia, suiþiuþu, século XI. A prehistoria en Suecia comeza no período chamado Oscilación de Allerød, ao redor do ano 12000 a.C., durante o paleolítico superior, coa chegada de grupos nómades de cazadores-recolledores na zona sur do país, caracterizados polo uso de puntas de frecha feitas de pedra. A agricultura e a gandaría, xunto coa construción de monumentos megalíticos, chegaron do continente coa cultura dos vasos de embude ao redor do ano 4000 a.C. O sur de Suecia foi parte da área onde se desenvolveu a Idade de Bronce nórdica. Este período comezou preto do ano 1700 a.C. co inicio da importación do bronce do centro de Europa. A minería non foi practicada durante este período, e como Escandinavia non posúe grandes depósitos, tódolos metais eran importados. A Idade de Bronce Nórdica foi completamente pre-urbana, xa que a xente vivía en pequenas aldeas e granxas, en casas comunais feitas de madeira.

Na ausencia da dominación do Imperio Romano, a Idade de Ferro sueca é considerada a partir da introdución da arquitectura de pedra e de ordes monásticas ao redor do ano 1100 a.C. Como os rexistros escritos desta época son de baixa credibilidade, este período é considerado protohistórico, é dicir, que aqueles rexistros apareceron despois do período en cuestión, foron escritos en distintas áreas, ou que os rexistros locais e contemporáneos son extremadamente curtos. Durante esta época o clima empeorou, forzando aos granxeiros a resgardar os seus animais dentro durante os longos invernos. Isto levou a unha acumulación anual de esterco, que puido ser usado por primeira vez de xeito sistemático para o enriquecemento do chan.

Un intento dos romanos por tentar levar o seu imperio máis aló dos ríos Río Rin e Elba foi abortado no ano 9 d.C., cando os xermanos derrotaron as lexións romanas baixo o mando de Publio Quintilio Varo cando os emboscaron na Batalla da fraga de Teutoburgo. Ao redor desta época houbo un gran cambio en materia de cultura en Escandinavia, resultado dun maior contacto cos romanos. A comezos do século II, gran parte do chan cultivado ao sur de Suecia foi dividido en lotes con bardas pequenas feitas de pedra. Dun lado do muro estarían os plantíos permanentes e prados para a forraxe de inverno, mentres do outro estaría o bosque e a terra que era usada para pastar o gando. Esta división da terra foi usada até o século XIX. O período romano tamén viu a primeira grande expansión da agricultura cara á costa norte do mar Báltico.

Suecia entra á protohistoria co libro Xermania de Tácito no ano 98. Aínda que a pouca información que reporta sobre esta distante área foi atopada como incerta, fai mención de varias tribos como os swedes (suiones) e os saamis de séculos posteriores. En canto á escritura en Suecia, o alfabeto rúnico foi inventado entre a elite do sur de Escandinavia no século II, mais todo o que chegou ao presente do período romano, son breves inscricións en artefactos, principalmente nomes masculinos, pondo en evidencia que os pobos do sur de Escandinavia falaban proto-nórdico naquela época, unha linguaxe do que se derivou o sueco e outras linguas nórdicas.

Época viquinga e Idade Media

miniatura|esquerda|Cidade medieval de Visby, en Gotland, declarada Patrimonio da Humanidade en 1995. A época viquinga sueca abrangue os séculos VIII e XI. Durante este período, crese que os suecos se expandiron cara ao leste de Suecia, mesturáronse cos gautas do sur.Sweden, The Columbia Encyclopedia Os viquingos suecos e os viquingos guter viaxaban principalmente cara ao leste e cara ao sur, indo a Finlandia, os países Bálticos, Rusia, o Mediterráneo e a cidades tan afastadas como Bagdad. As súas rutas atravesaban os ríos de Rusia até chegar á capital do Imperio Bizantino, Constantinopla (actualmente Istanbul, Turquía), de onde partían por distintas direccións. O emperador bizantino Teófilo notou as súas destrezas para a guerra, e convidounos a servilo como os seus gardacostas persoais, coñecidos como a Garda varega. Tamén se cre que os viquingos suecos, chamados "rus", son os pais fundadores de Rusia. As aventuras destes viquingos suecos son conmemoradas en moitas pedras rúnicas en Suecia, tales como as pedras rúnicas gregas e varegas. Houbo tamén considerables participacións viquingas en expedicións ao oeste, que son conmemoradas nas pedras rúnicas inglesas. A última grande expedición viquinga foi a errada viaxe que dirixiu Ingvar o Viaxeiro, á rexión do sueste do Mar Caspio. Os seus expedicionarios son conmemorados nas pedras rúnicas de Ingvar, ningunha das cales menciona a algún sobrevivente. Descoñécese o que sucedeu á expedición, pero crese que foron vítimas dalgunha epidemia.

Non se sabe cando nin como se creou o reino de Suecia, pero a lista de monarcas suecos só nomea a aqueles que reinaron Svealand (Suecia) e Götaland (Gothia) ao mesmo tempo, sendo o primeiro Erik o Vitorioso. Previamente, Suecia e Gothia permaneceran como nacións separadas. Con todo, non se sabe dende cando existían aqueles reinos, mais "Beowful" descríbeos nas semi-lendarias guerras entre suecos e gautas do século VI.

Durante os primeiros anos da era viquinga en Escandinavia, Ystad en Escania e Paviken en Gotland, foron grandes centros do comercio daquela época. Existen ruínas do que se pensa era un gran mercado en Ystad, que data de entre os anos 600 e 700. En Paviken, un importante centro de comercio da rexión Báltica durante os séculos IX e X, atopáronse restos dun gran peirao da era viquinga con talleres de construción de barcos e industrias artesanais. Entre os anos 800 e 1000, o comercio levou unha abundancia de prata a Gotland e de acordo con varios especialistas, os guter daquela época tiñan máis prata que todo o resto da poboación de Escandinavia xunta. San Óscar introduciu o cristianismo no ano 829, mais a nova relixión non comezou a substituír as crenzas tradicionais senón até o século XII. Durante o século XI, o cristianismo converteuse na relixión predominante, e cara ao ano 1050 Suecia era contada como unha nación cristiá. O período entre 1100 e 1400 estivo caracterizado por loitas internas polo poder e a competencia entre os reinos nórdicos. Os reis suecos tamén comezaron a expandir o seu territorio cara a Finlandia, creando conflitos cos rus, que xa non tiñan ningunha conexión con Suecia para ese momento.

No século XIV, Suecia foi afectada pola peste negra (peste bubónica). Durante este período as cidades suecas tamén comezaron a adquirir mellores dereitos e foron fortemente influenciadas polos mercadores alemáns da Liga Hanseática, activos especialmente en Visby. En 1319, Suecia e Noruega foron unidos polo rei Magnus Eriksson e en 1397 a raíña Margarida I de Dinamarca efectuou unha unión persoal de Suecia, Noruega e Dinamarca, nacendo así a Unión de Kalmar. Con todo, os sucesores de Margarita, cuxo poder só estaba situado en Dinamarca, non podían controlar a nobreza sueca. O poder real tíñano por longos períodos de tempo, rexentes elixidos polo parlamento sueco. O rei Christian II de Dinamarca, quen fixo valer a súa condición a Suecia por medio das armas, ordenou un masacre da nobreza sueca en Estocolmo. A matanza foi coñecida como o "Baño de sangue de Estocolmo" e incitou á nobreza sueca a formar unha nova resistencia e, o 6 de xuño, hoxe a festa nacional de Suecia, de 1523, nomearon a Gustavo I de Suecia como o seu rei. Este feito a miúdo é considerado como a fundación do estado moderno de Suecia. Pouco despois, Gustavo I rexeitou o catolicismo e introduciu a Suecia á Reforma protestante. Por estes acontecementos Gustavo I é considerado como o "Pai da Nación".

Imperio Sueco

miniatura|300px|Formación do Imperio sueco, 1560-1660. Durante o século XVII Suecia emerxeu como unha potencia europea. Antes de xurdir o Imperio Sueco, Suecia era un país moi pobre, escasamente poboado, pouco coñecido no norte de Europa e sen ningún poder importante nin reputación. Con todo, foi repentinamente convertido nunha das nacións líderes en Europa por Axel Oxenstierna e o rei Gustavo II Adolfo de Suecia, grazas á conquista de territorios de Rusia e Polonia-Lituania, mais tamén grazas á súa participación na guerra dos 30 anos, a cal converteu a Suecia no líder continental do protestantismo até o colapso do imperio en 1721.

A guerra de Gustavo II Adolfo en contra do Sacro Imperio Romano Xermánico tivo un alto custo para este último, morrendo un terzo da súa poboación, e conquistando Suecia preto da metade dos estados que o compuñan. O plan de Gustavo II Adolfo era converterse no novo emperador do Sacro Imperio, sobre a base da unidade entre Escandinavia e os estados xermánicos. Porén, despois da súa morte en 1632 na batalla de Lützen, os reveses comezaron a sucederse. Despois da batalla de Nördlingen a esperanza de controlar os estados xermánicos volveuse improbable, e as provincias conquistadas separáronse do dominio sueco unha a unha, deixando a Suecia con só un par de territorios ao norte de Alemaña: Pomerania Sueca, Bremen-Verden e Wismar.