Juan Fernández Latorre, nado na Coruña o 8 de outubro de 1848 e finado en Madrid o 14 de marzo de 1912, foi un empresario e político galego, fundador do xornal La Voz de Galicia.
Traxectoria Ingresou no Exército, onde chegou a sarxento de artillaría e participou na rebelión do cuartel de San Gil, un golpe de Estado progresista que tivo lugar contra a raíña Isabel II en xuño de 1866 en Madrid. En 1869 redactou unha proclama, pola que foi condenado á morte, pena que lle foi conmutada pola de cadea perpetua. Fuxiu a Francia, de onde volveu a España con ocasión da amnistía de 1870.
Foi secretario do concello de Granollers e deputado a Cortes na Primeira República. Tralo golpe do xeneral Pavía, Latorre exiliouse de novo a Francia.
De volta a Galicia, a canda Antonio Prieto Puga e José Manuel Martínez Pérez fundou La Voz de Galicia en 1882. En 1885 disolveuse a sociedade fundacional e Latorre converteuse en propietario único do diario.
Nas eleccións lexislativas de 1891 obtivo acta de deputado republicano por Ortigueira, e en 1910 conseguiu escano pola Coruña. Ademais de deputado a Cortes, tamén foi subsecretario de Gobernación en 1905 e en 1910. En 1911 nomeárono gobernador civil de Madrid, cargo que desempeñou ata o día da súa morte en 1912.
Vida persoal Casou con Felisa Ozores de Prado, e foi pai de María Victoria Fernández-Latorre."Falleció la hija del fundador de La Voz", La Voz de Galicia, 20 de decembro de 2000 .
Recoñecementos Na cidade da Coruña está o CEIP Juan Fernández Latorre, e en 1906 púxoselle o seu nome a unha avenida. En 2004 bautizouse co seu nome a biblioteca municipal de Ortigueira, localidade onde unha das súas rúas preserva tamén a súa memoria.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Biblioteca Gallega
Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Nados na Coruña Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en 1848 Categoría:Finados en 1912 Categoría:La Voz de Galicia Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Gobernadores civís de Madrid