A Unión de Juventudes Comunistas de España, ou Juventud Comunista, é a organización xuvenil do Partido Comunista de España. En Galiza, toma o nome de Xuventude Comunista.
Segundo os seus documentos
A Xuventude Comunista é a organización xuvenil do Partido Comunista de Galicia. Independente no organizativo e autónoma no político, a Xuventude Comunista considérase unha organización-escola de comunistas, de cadros, de activistas capaces de levar a bo fin a extensión da loita ideolóxica, política e económica pola superación do sistema capitalista e as súas contradicións.
É unha organización democrática, internacionalista, laica, revolucionaria e republicana que loita polos intereses da clase obreira na súa mocidade, formada por e polos xoves comunistas residentes na nación galega.
A Xuventude Comunista basea a súa teoría e práctica no materialismo histórico e dialéctico e no socialismo científico, tendo como principios o internacionalismo proletario, a loita contra o capitalismo, o imperialismo, o patriarcado e a explotación da clase traballadora, así coma o dereito de autodeterminación dos pobos, a preservación da natureza, a fin do fascismo, da xenofobia, da homofobia e de calquera das inxustizas do xénero humano, e como base ideolóxica o marxismo-leninismo e as achegas dos movementos de liberación e dos procesos revolucionarios que teñen contribuído ao progreso da humanidade.
Nacemento O 14 de novembro de 1921, uníronse os dous partidos comunistas, o Partido Comunista Español e o Partido Comunista Obreiro de España, dando lugar ao Partido Comunista de España (PCE). Este mesmo mes, fusionáronse as dúas organizacións de mozos/as comunistas, sementando os cimentos da “Unión de Juventudes Comunistas de España” (UJCE). O primeiro Secretario Xeral da organización foi Tiburcio Pico. No ano 1922 apareceu o primeiro voceiro, chamado O Xove Comunista. Durante estes anos centrou a súa actividade política na denuncia do carácter imperialista da Guerra de Marrocos.
Durante a ditadura de Primo de Rivera, sufriron persecucións e clandestinidade, e un proceso de constante absorción de cadros dirixentes por parte do Partido, que non paraba de sufrir baixas por mor dos encarceramentos. Isto debeuse a que a UJCE, o PCE, xunto con anarquistas da CNT foron os únicos que se opuxeron a dita ditadura, apoiada pola coroa e consentida por todo o resto de forzas do espectro político, incluídos o PSOE e UXT.
IIª República e guerra civil Os comunistas opuxéronse á proclamación da república o 14 de abril de 1931 por considerala unha república burguesa e por tanto allea aos intereses das clases traballadoras. Isto provocou que ficaran illados do resto de forzas da esquerda durante os primeiros anos da República.
En 1932 celebrouse o II Congreso da UJCE en Bilbao, no cal reorganizouse o movemento infantil comunista Pioneiros Vermellos. O Secretario Xeral sería Tifón Medrano, que logo atoparía a morte na defensa de Madrid contra as tropas franquistas.
No 1933 reorganízase en células de empresas, barrios e vilas. Coa vitoria nazi en Alemaña e seguindo o mandato da Internacional Comunista comézase a construír o xermolo da futura Fronte Popular. Constituíuse o Comité Nacional Contra a Guerra e o Fascismo, auspiciado polo PCE, a UJCE e coa Confederación Xeral de Traballadores Unitaria para as eleccións de 1933, obtendo pobres resultados, porén si incrementaron os votos comparando coas eleccións de 1931.
Nestes anos, a Xuventude Comunista organizábase xa de forma sectorial, creando células en fábricas, empresas, centros de estudo, barrios e vilas, no canto de crear organizacións territoriais, aínda que estas existían para posibilitar a coordinación entre as células.
A formación das Juventudes Socialistas Unificadas As JJSS, que daquela estaban dirixidas por Santiago Carrillo, asumiron ao igual que a Xuventude Comunista, a necesidade de unidade obreira e antifascista. A colaboración entre as organizacións xuvenís dos dous partidos marxistas ía encamiñada a este obxectivo de unidade. Trala Revolución de Asturias en 1934, acelera e afianza a colaboración, pero a represión lanzada polo goberno radical-cedista provocou a formación do primeiro comité de enlace entre ambas organizacións, nun primeiro momento, para acadar unha amnistía para os represaliados tralos sucesos de Asturias.
No VII Congreso da Internacional Comunista e o VI Congreso da Interacional Xuvenil Comunista, confirman esta orientación unitaria, relanzando as políticas encamiñadas a artellar a unidade entre todas as organizacións obreiras.
Por suposto, o PCE tamén asumiu esta política, mostra do cal foi a formación do Fronte Popular, unión de comunistas, socialistas e republicanos. Esta unión impúxose nas eleccións celebradas o 16 de febreiro do 1936.
Nese ano, dúas delegacións da Xuventude Comunista e das Xuventudes Socialistas viaxan a Moscova para discutir as bases da unidade. Desta xuntanza sairían os seguintes puntos:
Defensa diaria dos intereses da xuventude traballadora Educación no marxismo-leninismo e o internacionalismo proletario Capacitación dos mozos e mozas obreiras para fortalecer e desenvolver a organización e loitar na vangarda da xuventude contra o fascismo e polo socialismo
Este proceso culminou en marzo do 1936. Un mes despois da vitoria do Fronte Popular, fusionáronse a Xuventude Comunista e as JJ SS, creando así a Xuventude Socialista Unificada (JSU) e sendo elixido secretario xeral Santiago Carrillo. A JSU enmarcábase dentro da estratexia de formación un partido obreiro unitario, polo que, en canto de pertencer ao PSOE ou ao PCE, impulsaba esa unión dende as relacións fraternais que gardaba con ambos. Porén, esta estratexia non chegou a consumarse, agás en Cataluña coa formación do PSUC (Partit Socialista Unificat de Catalunya), provocando que a finais do 1936 a maioría da dirección da JSU anunciase o seu ingreso no PCE
En canto ás relacións internacionais, a JSU ingresou na Internacional Xuvenil Socialista (IXS), pactando previamente un achegamento entre esta e a Internacional Xuvenil Comunista (IXC), mantendo tamén relacións intensas coa IXC. Ambas organizacións internacionais tomaron o exemplo da JSU en España como guía na estratexia de formación do partido único do proletariado.
A JSU foi a organización xuvenil máis forte do bando republicano, con 250 000 militantes ao comezar a guerra e máis de medio millón ao finalizar a mesmo. Organizou os seus propios batallóns, destacando na defensa de Madrid. Na liña defendida polo PCE, apostou firmemente pola creación do Exército Popular da República, enfrontándose así a troskistas do POUM e anarquistas da CNT.
En outono do 1938, sectores socialistas, temerosos da influencia comunista na JSU, decidiron reorganizar as Xuventudes Socialistas.
A ditadura franquista Após a caída da República ante as tropas franquistas, a JSU pasou de novo á clandestinidade durante case 40 anos. Na posguerra apoiaron a loita armada contra o réxime franquista. Os guerrilleiros vinculados ao PCE e á JSU fixaron como obxectivo prioritario axudar os mozos e as mozas a escaparen da represión, así como derrubar o goberno franquista. Os ataques dos maquis dirixíronse sobre todo contra as institucións represivas, policía, Garda Civil e cárceres.
En outubro do 1945, trala segunda guerra mundial, constitúese en Londres a Federación Mundial da Xuventude Democrática (FMXD) agrupando a organizacións xuvenís de 63 países. A JSU foi unha das organizacións fundadoras. O principal membro desta federación foi a Komsomol Soviética (Xuventude Comunista da Unión Soviética)
Namentres, xoves socialistas ligados ao PSOE celebraron seu I Congreso en Francia. Así a JSU perdeu definitivamente o seu carácter unitario.
Ao longo dos anos 50, e por mor da formación das Xuventudes Socialistas, a JSU vaise vencellando paseniñamente ao PCE.
A reconstitución da Xuventude Comunista No VI Congreso do PCE, no marco da estratexia de chegar a todos os ámbitos da sociedade tralo crecemento da influencia do PCE na sociedade, a creación das CCOO, decídese a reorganización da organización xuvenil comunista.
O 1º Secretario Xeral da nova UJCE foi Agustín Gómez Huerta. Nese momento a táctica da Xuventude Comunista foi organizar células (chamadas colectivos) ligadas ás células do Partido correspondentes. Vistas as dificultades para organizar un Congreso, dotouse dun Programa e dunhas Normas, mais non de órganos propios de dirección. A reconstituída UJCE, asumíase herdeira da JSU, declarábase marxista-leninista, dotándose dunha organización federal, con 3 organizacións autónomas: a Euzkadiko Gazteri Komunistak no País Vasco, a Joventut Comunista de Cataluña (organización xuvenil do PSUC) e a Xuventude Comunista Galega
No 1967 impulsa as Comisións Obreiras Xuvenís, xermolo da futura secretaría de xuventude de CCOO. No ano 1969 crea os "Comandos Xuvenís" definidos como grupos móbiles de acción de mozos obreiros e estudantes.
A comezos dos anos 1970, e vista a implantación en todo o territorio do Estado Español, exponse dende o PCE a necesidade de artellar estatalmente a organización, convocando a I Conferencia da UJCE no 1970. Asemade, o 9 de xuño do mesmo ano, constitúese o Comité Nacional da Joventut Comunista de Catalunya
No ano 1975 celébrase a III Conferencia, en París, para celebrar apenas un ano despois, a IV Conferencia en Madrid xa finado Franco mais sendo aínda ilegal tanto o PCE como a súa organización xuvenil. Por mor disto, tivo que ser desconvocada no mesmo momento da súa apertura, ante os perigos que implicaba a súa realización. O Secretariado (8 persoas) é detido e levado aos sotos da Dirección Xeral de Seguridade na Porta do Sol, séndolles aplicada a Lei Antiterrorista e acusándoselles de promover a convocatoria do aínda ilegal 1 de maio. O ministro do Interior daquela era Manuel Fraga Iribarne.
Finalmente a IV Conferencia celébrase en outubro dese mesmo ano (1976). Na mesma participaron case 200 delegados e delegadas que elixiron un Comité Central de 90 membros, representando esta a primeira tentativa seria de dotar á Xuventude Comunista dunha existencia real como organización unitaria. O galego Ángel Ezama sería elixido Secretario Xeral. Tras ter este que acudir ao Servizo militar foi substituído ao pouco polo catalán Domenech Martínez.
O obxectivo formulado na conferencia foi o de acadar 100 000 militantes (o lema da Conferencia foi "Cara a Xuventude Comunista dos cen mil", "Hacia la UJCE de los cien mil"), así como o da publicación dun órgano de expresión "O manifesto" ("El Manifiesto"). Concíbese á Xuventude Comunista como unha ampla organización de masas, como movemento novo para a liberdade e o socialismo, con "unións" como organizacións de base e "federacións" en cada rexión ou nacionalidade. Cada unión foi concibida como espazos de formación, debate, lecer, e de definición de política. Aprobouse tamén a convocatoria dun I Congreso a finais do 1977.
Trala legalización do PCE o 9 de abril de 1977, a Xuventude Comunista, que carecía daquela de identidade xurídica propia á marxe do PCE, rexistrou unha importante actividade sobre todo no eido estudantil, en universidades e institutos.
Nas primeiras eleccións tralo franquismo, en 1977, foi elixido deputado no Congreso Josep María Riera, incluído na lista do PSUC. Foi o único militante da historia da Xuventude Comunista que foi deputado no Parlamento Estatal.
A Transición No I Congreso, celebrado finalmente en abril de 1978, e seguindo a estela do acontecido do PCE afloran tendencias socialdemócratas e anti-soviéticas da man da liña política definida por, entre outros, o secretario xeral do PCE, Santiago Carrillo, o eurocomunismo.