miniatura|240px|Ovos de paspallás. O paspallás migrador, comunmente paspallás, codorna e codorniz, (Coturnix coturnix) é unha especie de ave da orde das galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das que integran hoxe en día o xénero Coturnix.

É unha ave de pequeno tamaño, unha das poucas galiformes que son migratorias, que é moi apreciada gastronomicamente pola súa carne e os seus ovos.

Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae,Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiæ: impensis direct. Laurentii Salvii. i–ii, 1–824 pp. na páxina 161, co nome de Tetrao coturnix.

Posteriormente foi reclasificada dentro do xénero Coturnix cando este foi creado en 1764 polo botánico e zoólogo francés François Alexandre Pierre de Garsault, ou en 1791 polo naturalista, tamén francés, Pierre Joseph Bonnaterre, segundo os autores.Genus taxon summary for Coturnix . AnimalBase.Coturnix Bonnaterre, 1791 no ITIS.

Etimoloxía O nome do xénero (e o da especie) está tomado do latín clásico cōturnīx, -īcis, 'codorniz',coturnix en Dictionary.com nome derivado do latín preclásico *quocturnix, relacionado coa onomatopea do grito desta ave.

Subespecies O número de subespecies descritas varía segundo os ornitólogos entre 4 e 8. Os técnicos do ITIS recoñecen estas cinco: miniatura|240px|Macho e femia no niño. Do libro Naturgeschichte der Vögel Mitteleuropas (Gera, 1897. tomo 6, táboa 14). Coturnix coturnix africana Temminck & Schlegel, 1849 - Distribúese por África desde Etiopía até Suráfrica, incluíndo Madagascar, as illas Comores e as Mascareñas. Coturnix coturnix conturbans Hartert, 1917 - Habitante das illas de Madeira, Canarias e Azores. Coturnix coturnix coturnix (Linnaeus, 1758), a subespecie tipo (nominal) - Distribúese por toda Europa, o norte de África (até o Sahel), e en Asia, desde a fronteira con Europa até o lago Baikal e o norte da India. Coturnix coturnix erlangeri Zedlitz, 1912 - Propia de Etiopía. Coturnix coturnix inopinata Hartert, 1917 - Propia de Cabo Verde.

Características É unha ave pequena, repoluda, que mide entre os 18,0 e os 21,9 cm, e pesa de 91 a 131 g. O peteiro é curto e curvado, de cor agrisada. A coloración da plumaxe nos machos é apardazada, esencialmente raiada con plumas máis claras, e cunha orella (franxa curvada que se estende detrás do ollo) branca, así como o mento (parte da cabeza situada debaixo do bico), na subespecie nominal, Coturnix coturnix coturnix. Como corresponde á súa natureza migratoria, ten as ás proporcionalmente máis longas que ás doutras aves de caza, cunha envergadura de até os 30 cm.Hume, A. O. & Marshall, C. H. T. (1880): Game Birds of India, Burmah and Ceylon. Volume II. Calcutta: A. O. Hume and C. H. T. Marshall. p. 148.

As femias son semellantes en forma e tamaño, pero o debuxo da cabeza é menos marcado, a cor de fondo da plumaxe é do tonalidade areosa, e toda a súa coloración é máis esvaída.

Bioloxía Hábitat e distribución Hábitat Crían en zonas de clima temperado de Europa, Asia e o norte de África. Pasan o inverno en África e nos países do sur de Asia.

O seu hábitat preferido na época de cría son as chairas cultivadas. En xeral, evitan zonas moi montañosas, pantanosas ou moi húmidas.

En Europa encóntrase en hábitats abertos, incluídas as terras agrícolas,Tucker, G. M. and Heath, M. F. (1994): Birds in Europe: their conservation status. Cambridge, U.K.: BirdLife International onde prefire os campos de trevos, trigo e outros cereais de inverno, así como o feo, pasteiros ásperos e barbeito. Evita solos espidos, e zonas con árbores e matogueiras,Cramp, S. and Simmons, K. E. L. (1980): Handbook of the birds of Europe, the Middle East and Africa. The birds of the western Palearctic, Volume II: Hawks to Bustards. Oxford, U.K.: Oxford University Press. ISBN 978-0-1985-7505-4.Aubrais, O.; Hemon, Y. A. and Guyomarc'h, J.-C. (1986): "Habitat and use of space in the Common Quail (Coturnix coturnix coturnix) at the onset of the breeding period". Gibier Faune Sauvage: 317-342. preferindo áreas cunha capa densa de herbas de menos de 1 m de altura.

Distribución Véxase a distribución das subespecies.

Costumes É unha especie terrestre, notoriamente difícil de ver, xa que se mantén oculta entre os cultivos, e é reticente a voar, preferindo afastarse do lugar en caso de perigo. A miúdo, a única indicación da súa presenza é a súa voz característica, repetitiva, que se escoita principalmente no luscofusco, ao amencer e ao anoitecer e, ás veces, pola noite.

É unha ave migratoria, a diferenza da maioría das aves de caza. O seu voo é rápido e, fóra da viaxe migratoria, baixo e pouco prolongado. A súa migración amosa aspectos característicos que a diferencian doutras aves. Algúns exemplares atópanse xa, por exemplo, en Exipto a finais de agosto. A estes únense un número meirande de aves en setembro, mentres que outros exemplares están aínda a criar no centro de Europa. O corpo principal dos migradores parte en setembro, pero a viaxe prosegue en outubro e certos individuos agardan mesmo a novembro antes de marcharen cara ao sur. Non se reagrupan para comezar a viaxe. Os bandos vanse formando polo camiño, e as grandes agrupacións fórmanse cando van emprender as grandes travesías marítimas. No regreso ao norte non sempre seguen o mesmo camiño da ida.

Alimentación Aliméntase de sementes e insectos, que apaña no solo.

Reprodución Ao alcanzaren unha idade de 6 a 8 semanas, comenzan a reproducirse. Os machos loitan entre eles para conseguir unha femia. Fan un niño nunha pequena depresión do chan, no que as femias adoitan poñer entre 8 e 13 ovos. Os polos rompen a casca despois duns 16-18 días de incubación, e permanecen coa nai entre 11 e 19 días. A reprodución efectúase en terras de cultivo e pasteiros abertos na maior parte de Europa e Asia.

Lonxevidade miniatura|140px|Xeroglífico exipcio representando un paspallás. Museo do Louvre. Vive até os tres anos na natureza e até cinco en catividade.

O paspallás e o home A mitoloxía grega conta que Asteria, filla dos titáns Ceo e Hebe, perseguida por Zeus, decidiu botarse ó mar convertida en paspallás. Así creou unha illa errante chamada, na súa honra, Asteria que posteriormente sería coñecida como Delos. Outra lenda di que nesa illa naceu Apolo, de Leto, outra amante de Zeus; Hera, a esposa de Zeus, perseguiu a Leto e prohibiu que ningún lugar a acollera no momento do parto, e por iso Delos foi recompensada por Zeus e fixada ó fondo do mar mediante unhas columnas PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro I, 4, 1 e nota da tradutora..

O Éxodo 16: 1-13 relata como os israelitas emigrantes pedíronlle carne a Deus, que lles subministrou unha multitude de paspallases migratorias (aínda que esta tradución do hebreo é cuestionábel).

A carne do paspallás fíxoo obxecto de caza masiva dende tempos remotos, e aínda hoxe é moi buscado como caza no seu paso pola área mediterránea. A caza masiva, xunto coa perda dos seus hábitats e o uso masivo de pesticidas, causou unha forte diminución das súas poboacións.

Como ave de granxa utilízase pola súa carne e os seus ovos. Sobre todo en Francia e no Xapón críase en grandes cantidades e os produtos derivados son comúns nos supermercados. Nalgúns países, ademais do seu uso como ave de granxa, úsase como ave de gaiola, curiosamente polo seu canto. Nalgunhas áreas de Asia central ten uso como ave de loita. Afaise ben á domesticidade, e pode chegar a ser confiado cando se lle amosa a atención necesaria.

No antigo Exipto usábase a súa imaxe nos xeroglíficos, que datan de ao redor do ano 5000 a.C., para representar os sons v e u.Hoffmann, E. (1988): Coturnix Quail. Canning, Nova Scotia: Hoffmann.

En Galicia En Galicia a única subespecie presente é a eurasiática, Coturnix coturnix coturnix. Foi común en tempos pasados, pero hoxe está en regresión. Ocupa trigais, pasteiros, outros cultivos e lugares abertos, especialmente en chairas, como na Limia, a Terra Chá e a meseta de Mazaricos e mesmo en zonas de alta montaña, até os 1 500 m de altitude. Na actualidade o seu status en Galicia pode cualificarse de "pouco común ", xa que se esta a producir un lento pero progresivo descenso das súas poboacións desde hai varias décadas, situación que non debe ser atribuída á súa caza, xa que en Galicia esta especie non posúe o atractivo que ten noutros lugares de Europa, e mesmo da Península Ibérica, senón máis ben á destrución de numerosos niños cando a colleita de cereais e de herba para ensilar, así como —probabelmente— á moderna introdución de insecticidas e herbicidas na súa cadea trófica.

Na gastronomía miniatura|190px|Ovos de Coturnix japonica. Desde tempos antigos os paspallases son obxecto de caza en todos os países onde habitan e, nos tempos modernos, tamén se crían en granxas para aproveitar a súa carne e os seus pequenos oviños. Por exemplo, na Península Ibérica, desde a Idade Media, a especie do país, Coturnix coturnix, foi a protagonista de receitas de alta cociña. Este paspallás posúe unha carne moi delicada, fina, suave e tenra, en especial o espécimes salvaxes, xa que presenta texturas algo máis compactas e sabedeiras que as variedades de granxa, que usualmente son da especie Coturnix japonica,Codorniz en Región de Murcia Digital. que foi domesticada hai máis de 600 anos, e da que se obtiveron, por mutacións, multitude de variedades. Hoxe a súa cría é industrial, tanto para a carne como para os ovos. A femia comeza a poñer á idade de 40 días, e produce o seu propio peso en ovos en 10 días; pode poñer máis de 200 ovos ao ano. O paspallás xaponés tamén se introduciu, para a caza, nos Estados Unidos e en Europa, o que ocasionou, neste último caso, non poucos problemas pola hibridación con Coturnix coturnix.

Ameazas En Europa, a intensificación da agricultura provocou a perda de pastos e de terra sen cultivar, e un aumento no uso de herbicidas e insecticidas, o que supuxo unha redución na dispoñibilidade de sementes e insectos. Por outra parte, a hibridación con papallases xaponeses (Coturnix japonica) é un grave perigo no sur de Europa.Chazara, O.; Minvielle, F.; Roux, D.; Bed’hom, B.:; Feve, K.; Coville, J. L.; Kayang, B. B.; Lumineau, S.; Vignal, A.; Boutin, J–M. and Rognon, X. (2010). "Evidence for introgressive hybridization of wild common quail (Coturnix coturnix) by domesticated Japanese quail (Coturnix japonica) in France". Conservation Genetics 11 (3): 1051-1062. Outras ameazas potenciais que impulsan a diminución das poboacións da especie en Europa son a caza, as flutuacións climáticas a longo prazo e a seca nas zonas de invernada subsaharianas.

Status A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais considera que a especie ten unha área de dispersión extraordinariamente grande e que, por tanto, non se aproxima ao limiar de vulnerábel segundo os criterios establecidos de "tamaño da área"; e que a pesar do feito de que a tendencia da poboación parece estar diminuíndo, non se cre que esta diminución sexa o suficientemente rápida como para acercarse ao limiar de vulnerabilidade, polo que o status da especie é avaliado como LC (pouco preocupante).BirdLife International (2018): Common Quail Coturnix coturnix na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 21 de xaneiro de 2019.

Imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía del Hoyo, J.; Collar, N. J.; Christie, D. A.; Elliott, A. e Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona: Lynx Edicions / Cambridge, UK: BirdLife International. ISBN 978-84-9655-394-1.