O Partido Comunista de España (reconstituido), tamén coñecido como PCE(r) foi un partido comunista español de ideoloxía marxista-leninista e maoísta. As autoridades xudiciais suspenderon a súa actividade no ano 2003 ao vinculalo cos GRAPO. O seu derradeiro secretario xeral foi Manuel Pérez Martínez, coñecido como camarada Arenas.
Historia Formouse en 1974, aínda que o seu Congreso Fundacional non se realizou ata o ano seguinte nunha xuntanza clandestina na Serra de Guadarrama, semanas antes da morte do ditador Francisco Franco, ao se disolver a Organización Marxista Leninista de España, nun primeiro momento o obxectivo do partido era a reconstrución do PCE, considerando que a dirección da época realizaba unha política revisionista pero nese ano formou os GRAPO como a súa fronte armada nun principio co obxectivo de procurarlle medios técnicos e económicos ao partido, mais deseguido a loita armada pasou a ocupar un lugar central no partido, actuando boa parte dos militantes tanto no partido como na fronte armada. Durante un tempo conservou como voceiro Bandera Roja, que tamén o fora da OMLE e despois pasou a denominarse Resistencia.
En xuño de 1977 celebrou o seu segundo congreso, tamén na clandestinidade, no cal definen os GRAPO como o xermolo dun exército popular. En outubro, a policía detivo os compoñentes do comité central do PCE(r). Arredor do PCE(r) xiraban outras organizacións como Socorro Rojo, Grupo Pueblo y Cultura e as Juventudes Antifascistas.
As súas bases máis activas atopábanse en Vigo (onde moitos militantes de Organización Obreira confluíron no PCE(r) cara 1972), Cádiz e o barrio madrileño El Pozo del Tío Raimundo, de onde é orixinario Manuel Pérez Martínez.
A nivel internacional mostrou o seu apoio ao Irish National Liberation Army (INLA), despois dunha entrevista publicada en Internet a membros desta organización armada de Irlanda do Norte, operativa ata 2009.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre
Ligazóns externas Páxina web de Antorcha arquivada en Wayback Machine o 4 de outubro de 2006.
Categoría:Partidos políticos desaparecidos de España Categoría:Partidos comunistas Categoría:GRAPO