Barry Sapherson, nado en Leeds (Yorkshire) o 24 de outubro de 1948 e finado o 28 de setembro de 2021, foi un cantante de pop británico coñecido como Barry Ryan, que chegou ó éxito mundial co tema "Eloise".

Traxectoria Barry Ryan é o nome artístico de Barry Sapherson, fillo da cantante de pop Marion Ryan e do produtor Lloyd Sapherson. Entrados os 60, Barry lanzouse como cantante e compartiu nun inicio o escenario co seu irmán Paul, un talentoso compositor.

O dúo Ryan logrou un modesto éxito nun inicio con temas como "Don't Bring Me Your Heartaches", pero pronto comeza a chegar a fama, con temas como "Have Pity on the Boy" ou "Missy, Missy" (1966). Porén, a presión á que estaban sometidos causou que Paul saíse do dúo; o estrés ó que estaba sometido era moi grande e os ataques de ansiedade e nerviosismo levárono a converterse no compositor do seu irmán.

Así pois, Barry logrou colocarse rapidamente no gusto do público británico grazas ás composicións de Paul, e en 1968 chegou o seu maior éxito mundial co tema "Eloise". É un tema orquestral de trazos progresivos e melodramáticos. A voz de Ryan alcanzou grandes momentos nesta gravación. O tema "Eloise" foi versionado por moitos grupos e cantantes, como The Damned, ou Tino Casal.

Barry gozou de grande aceptación en Alemaña, gravou varios temas en alemán (como "Die Zeit macht nur vor dem Teufel halt") Probablemente sexa o país onde tivo maior éxito (incluso máis que en Inglaterra), debido á gran promoción que lle facía a revista xuvenil Bravo.

Barry Ryan deixou o mundo da música a mediados da década de 1970.

En 1990 lanzouse un disco cos grandes éxitos de Barry compostos por Paul, falecido en 1992 a causa dun cancro.

Barry participou nunha xira en Gran Bretaña en 2003, sendo esta a súa última actuación en vivo, xa que desde entón vive retirado por completo do negocio musical.

Categoría:Cantantes de Inglaterra Categoría:Músicos de Inglaterra Categoría:Nados en Leeds Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 2021