Zenón de Somodevilla y Bengoechea, nado en Hervías (A Rioxa), probablemente o 20 de abril (día de san Zenón) de 1702 e finado en Medina del Campo o 2 de decembro de 1781, máis coñecido co nome de marqués de la Ensenada, foi un político e ilustrado castelán.
Foi Conselleiro de Estado, sucesivamente, nos reinados de Filipe V, Fernando VI e Carlos III. Tamén ostentou moitos outros cargos como secretario de Facenda, de Guerra e Mariña e de Indias. Igualmente, foi nomeado sucesivamente superintendente xeral de Rendas, lugartenente xeral do Almirantado, secretario de Estado, notario dos reinos de España e Cabaleiro do Vélaro de Ouro e da Orde de Malta.
Foi o encargado de executar a denominada Gran Redada.
Traxectoria
Foi o primeiro artífice dun programa de despotismo ilustrado e o paradigma dos políticos que ían dirixir España polos seus méritos e non polos seus títulos. De orixe humilde, fillo dun fidalgo pobre rioxano, chegaría ser ministro de Facenda, Guerra e Indias co rei Fernando VI. Político fundamental na historia do século XVIII, serviu a tres reis: Filipe V, Fernando VI e Carlos III.
Hai que destacar del a reforma que tentou levar adiante sobre o sistema fiscal imperante, a magna pescuda catastral coñecida polo nome de Catastro de Ensenada, de maneira que os diferentes tributos que percibía o Estado se unificaran nun único imposto, proxecto saldado cun gran fracaso. A maior obra de Ensenada foi a a súa espectacular reorganización dos estaleiros e a construción de potentes buques de guerra. Tamén como político ilustrado destacou no impulso das obras públicas, como a construción de canais —coma o de Castela— e a mellora de camiños (como o de Madrid ó Guadarrama e de Burgos a Santander).
A Gran Redada
En 1749 executou, xunto co bispo de Oviedo Gaspar José Vázquez Tablada, un plan denominado Gran Redada que pretendía o exterminio biolóxico do pobo xitano en España e que, naquela altura, foi tamén coñecido como Prisión Xeral de ciganos. Tralo arresto, e decretado que debían de permanecer cativos até a morte, os ciganos foran separados en dous grupos: os nenos maiores de sete anos e os homes foron escravizados nos arsenais da Mariña española, como foi o caso do arsenal da Graña en Ferrol, e as mulleres e os meniños menores de sete anos foron escravizadas en fábricas ou ingresadas na cadea. A separación das familias tiña o obxectivo de evitar novos nacementos. Esta práctica xenocida durou até o ano 1765, mais sempre contando coa forte resistencia das mulleres e mais dos homes, como foi no caso das revoltas e fuxidas na Casa de Misericordia en Zaragoza. Calcúlase que entre 9 000 e 12 000 ciganos sofreron persecución, cadea ou escravitude neste período .
Recoñecemento En Ferrol hai dúas estatuas adicadas á súa figura. Unha, nos xardíns de San Francisco, feita por César Lombera. Outra, un busto, no parque Raíña Sofía.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Filipe V Fernando VI Carlos III
Categoría:Nados na Rioxa Categoría:Nados en 1702 Categoría:Políticos da Rioxa Categoría:Marqueses de España Categoría:Ministros de España Categoría:Cabaleiros da Orde de Malta Categoría:Finados en 1781