Samsung (en hangul: 삼성; en hanja: 三星; en coreano: Samseong) é unha das máis fortes e recoñecidas empresas surcoreanas a nivel mundial e líder en diversas ramas da industria electrónica e a industria en xeral.

Samsung foi a empresa que lanzou a primeira TV de plasma. Na área da electrónica, hoxe en día é a compañía con maior valor no mercado, gañándolle á xaponesa Sony.

Samsung Electronics, fundada en 1969, é o membro máis grande do Grupo Samsung, que é á vez unha das compañías de aparellos eléctricos máis importantes ao redor do mundo. Samsung opera en ao redor de 58 países e ten máis de 208.000 empregados. As súas vendas no ano 2003 foron de ao redor de 101.700 millóns de dólares (uns 86.200 millóns de Euros).

Samsung Electronics é recoñecida por ser unha das dez meirandes marcas de fabricantes no mundo; é especificamente a segunda maior produtora do mundo, tendo o primeiro lugar, a tamén coreana Hyundai; a cal ten á venda produtos de telecomunicacións, electrodomésticos e pantallas.

Hoxe en día, Samsung é a empresa número 20 con maiores ganancias e as súas maiores ganancias están na venda de teléfonos móbiles e chips de memoria.

Historia Primeiros anos esquerda|miniatura|Primeiro edificio de Samsung Sanghoe en Daegu (1938). As orixes do actual grupo Samsung remontanse ao 1 de marzo de 1938. Ese día, o empresario coreano Lee Byung-chul (1910–1987) inaugurou en Daegu unha compañía de importación e exportación de produtos perecedeiros á que chamou Samsung Sanghoe (en coreano, «tres estrelas»). Durante o tempo que Corea estivo ocupada polo Xapón, o principal negocio foi a venda de peixe seco e froitas a Manchukuo.​ Ao rematar a segunda guerra mundial, Corea recuperou a súa independencia e Samsung prosperou ao ampliar a súa actividade ao proceso de alimentos e a fabricación de téxtiles.

En 1948, Lee formou unha alianza co empresario Cho Hong-jai para crear a subsidiaria Samsung Moolsan, actual Samsung C&T, adicada ao comercio e á construción. No entanto, a empresa estabeleceu a súa fundación oficial en 1951, cando a alianza fica rota por desavinzas entre ambas as partes; namentres Lee asume a marca Samsung, Cho fundaría unha década máis tarde o grupo Hyosung.

Durante a guerra de Corea, Lee fuxiría de Seúl para asentarse temporalmente en Busan e abrir alí a refinaría de azucre Cheil Jedang. A presenza das tropas estadounidenses no sur da península coreana permitiulle reiniciar a súa actividade comercial. Ao acabar o conflito, converteríase nun dos empresarios chave ao beneficiarse de numerosos contratos de obra pública durante o goberno de Syngman Rhee.

Tras o ascenso ao poder de Park Chung-hee en 1961, Samsung convértese nun dos principais conglomerados (chaebol) que sustentarían o sector privado en Corea do Sur. Segundo este plan económico, as empresas debían investir en negocios estratéxicos se querían beneficiarse de axudas estatais, así que comezaron por diversificarse en aseguradoras en 1963 e compoñentes electrónicos en 1969.

Consolidación O 1 de novembro de 1969, Samsung fundou en Suwon a que chegará a ser a súa filial máis afamada: Samsung Electronics, especializada en tecnoloxía e electrónica. Grazas a un convenio coa nipoa NEC Corporation comezou a producir electrodomésticos e dispositivos audiovisuais, conseguindo vender máis de 10 millóns de televisións durante a década de 1970. A partir de 1974, desenvolvería os seus propios semiconductores ao absorber Korea Semiconductor, un dos pioneiros na fabricación de chips electrónicos e, en 1980, incursiona nas telecomunicacións.

En 1974, estabelécense dúas empresas importantes para o grupo: Samsung Heavy Industries, unha das maiores firmas de construción naval do mundo e a petroquímica Samsung Petrochemical, actual Hanwha Total. O desenvolvemento destas actividades consolida a Samsung no terceiro chaebol en volume de negocio, por detrás de Hyundai e Daewoo.

Lee Byung-chul mantivo o control de Samsung até a súa morte en 1987, e foi sucedido polo seu terceiro fillo Lee Kun-hee. Durante a década de 1990, o conglomerado foi dividido en catro grupos independentes para os seus herdeiros: Samsung, Shinsegae de grandes almacéns; CJ Group de alimentación e entretemento; e Hansol de produtos químicos. Deste xeito, Samsung ficou coas divisións máis rendíbeis: electrónica, construcións e estaleiros.

Situación actual Coa chegada do século XXI, Samsung consolidouse como a empresa máis importante de Corea do Sur en volume de negocio, en parte grazas á súa división electrónica. Samsung Electronics converteuse en 2012 no maior fabricante mundial de telefonía móbil ao superar a Nokia, que lideraba o mercado dende 1998. Ademais a dirección anunciou o aumento en dez anos dos investimentos en biofarmacia, biotecnoloxía e reloxos intelixentes, así como un novo cuartel xeral en Silicon Valley. Samsung foi recoñecida por Booz & Co. e Boston Consulting Group en 2013 como a segunda empresa máis innovadora do mundo, por detrás do Grupo Volkswagen, logo de aumentar un 15% as partidas de investigación, desenvolvemento e innovación.

A empresa asumiu dúas crises recentes en outubro de 2016. Por unha banda, a guerra de preitos entre Samsung Electronics e Apple por unha presunta violación de patentes en teléfonos intelixentes. Doutra banda, víronse obrigados a retirar do mercado todos os terminais Samsung Galaxy Note 7 por un fallo de fabricación que os facía arder ou estoupar.

En 2023, a Recensión Anual do sistema de Madrid (Madrid Yearly Review), a cargo da Organización Mundial da Propiedade Intelectual, situou a Samsung no posto 27 a nivel mundial conforme ao número de solicitudes de marca presentadas no marco do Sistema de Madrid, con 35 solicitudes internacionais de marca presentadas durante o devandito ano. Por outra banda, en 2023 e 2024, foi o segundo lugar en número de aplicacións de patentes conforme ao Tratado de Cooperación en materia de Patentes (PCT) con 4640 aplicacións presentadas no último ano.

En maio de 2026, tras fracasar as negociacións laborais sobre salarios e condicións de traballo, unha folga prevista en Samsung Electronics xerou preocupación en Corea do Sur, e o goberno dixo que utilizaría todas as opcións dispoñíbeis, incluído a arbitraxe de emerxencia, para evitala.

Os teléfonos móbiles Samsung utilizan as tecnoloxías celulares utilizadas polos principais operadores de telecomunicación móbil: CDMA, GSM e GPRS.

Casos de corrupción En abril de 2018, o ex-presidente surcoreano Lee Myung-bak foi inculpado pola Fiscalía dunha serie de delitos, entre eles aceptar presuntamente un suborno de Samsung para que indultara a Lee Kun-hee, presidente de Samsung Group, condenado por evasión de impostos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Sitio web de Samsung Korea

Categoría:Empresas de Corea do Sur Categoría:Empresas de electrónica