Yellow Pixoliñas foi un grupo de rock de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo. Foi un dos expoñentes da escena musical da cidade, tradicionalmente dinámica no aspecto musical.
Historia A banda formouse en 1987 por Tico, Ton, Tito, Xabier e Juan. Pouco despois Juan abandona o grupo por discrepancias co resto. Pasado un tempo fichan outra persoa que toque a guitarra, pola necesidade dun solista, e o elixido é Manolo. Manolo dura pouco tempo por problemas de saúde e substitúeo Franki (1990). Un ano máis tarde Thierry entra a tocar o teclado dándolle así máis liberdade a Tico (vocalista e teclista), pechando a formación definitiva de Yellow Pixoliñas.
Con influencias do punk inglés e do ska entre outros estilos, elaboraban as súas letras en galego, facendo uso tamén do castelán e do inglés; enmarcados no posteriormente bautizado como rock bravú para definir a unha serie de grupos, como Os Resentidos de Antón Reixa, Los Berrones, Os Diplomáticos de Monte-Alto ou Heredeiros da Crus; maioritariamente de orixe galega e asturiana, tiñan como característica común o uso de letras combativas e un sentido do humor orientado ao rural; posteriormente o grupo decidiu desmarcarse desa corrente, debido á súa, segundo eles, marcada politización.
A súa colaboración no Xabarín Club abriulles un público máis amplo. O grupo disolveuse a finais dos anos 90, tras rexeitar a oferta de fichar por unha multinacional. Actualmente, algúns dos seus compoñentes residen en Monforte de Lemos, onde compaxinan os seus negocios particulares con diversos grupos musicais de grande aceptación local; así Thierry e Franki tocan en Doc Magoo's mentres que Tico tocou durante unha época en Lapanaback. Na súa vila organizouse un concerto-homenaxe ao desaparecido grupo, no que participaron músicos doutras formacións.
Discografía Galician people speak Galego (1992) Lacon lover (1994) Non pises a herba! (1996)
Membros Tico (vocalista) Thierry (teclista) Franki (guitarrista) Ton (guitarrista) Tito (baixista) Xabier (batería)
Véxase tamén Bibliografía Rock Bravú, a pasión que quema o peito (Xavier Valiño, Ed. Xerais, Vigo) ISBN 84-8302-367-9 Música sen fronteiras Galicia-norte de Portugal (Varios autores) ISBN 84-453-3560-X Ligazóns externas Myspace Oficial de Yellow Pixoliñas Artigo Yellow pixoliñas O bravú naceu nos bares, artigo sobre o Rock bravú en Vieiros (12 de decembro de 2005).
Yellow Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos de rock en galego Categoría:Grupos musicais do Xabarín Club