Berta Álvarez Cáccamo, coñecida artisticamente como Berta Cáccamo, nada en Vigo o 1 de setembro de 1963 e finada en Coruxo (Vigo) o 11 de maio de 2018, foi unha pintora abstracta galega.

Traxectoria Nada na familia Álvarez Blázquez, moi relevante no panorama cultural galego da última metade do século XX, en 1986 licenciouse en Belas Artes na Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi de Barcelona. En 1987 recibiu a bolsa Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia, e en 1990 a bolsa de Creación Artística Banesto en Madrid.

Comezou a expor en 1986, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. En 1989 obtivo o premio Cidade de Palma, na Bienal de Pontevedra e no I Certame Unión Fenosa da Coruña. Nese mesmo ano foi vivir a París, tendo unha estancia na Cité Internacional des Arts entre 1990 e 1991. En 1991 foi premiada no II Certame Unión Fenosa.

A súa pintura é abstractiva e conceptual, dentro da non figuración, con amplas manchas de tons axordados e dominio de cores ocres e negras. Hai unha estrutura xeométrica nas súas composicións, deliberadamente elementalizadas, con vagas referencias formais.Adoita usar lenzos de gran tamaño.

Foi profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro educativo da Universidade de Vigo, situado no campus de Pontevedra.

A súa obra está presente no Centro Galego de Arte Contemporánea, no Museo Provincial de Pontevedra e en coleccións particulares como a Colección Afundación, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa ou a da Fundación María José Jove.

En 2017 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.

En 2019 o CGAC rendeulle homenaxe.

Vida persoal Foi filla do escritor Xosé María Álvarez Blázquez e de María Luisa Cáccamo Frieben, e irmá de María Luisa, Xosé María, Alfonso, Elena e Celso Álvarez Cáccamo.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

I Mostra Unión Fenosa. Catálogo ficheiro. A Coruña, 1989. II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991. VV. AA.: Baiona horizonte Atlántico. Vigo, 1992.

Outros artigos Arte abstracta

Ligazóns externas

Compilación de bibliografía en pintoresgallegos.com

Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados en Vigo Categoría:Pintores de Galicia do século XXI Categoría:Premios da Cultura Galega Categoría:Nados en 1963 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Profesores da Universidade de Vigo