Este artigo é sobre un militar. Para o seu pai avogado, político e músico, véxase José Millán Astray
José Millán-Astray y Terreros, nado na Coruña o 5 de xullo de 1879 e finado en Madrid o 1 de xaneiro de 1954, foi un militar galego vinculado ao franquismo e fundador da Lexión Española. Traxectoria Comezos O seu pai foi o avogado e director do Cárcere Módelo de Madrid José Millán Astray, e a súa nai Pilar Terreros Segade. A súa irmá foi a escritora Pilar Millán Astray. Moi vinculado ao seu pai, utilizou legalmente os seus dous apelidos, e cando tivo idade ingresou na carreira militar, o que non puidera facer seu pai ao obrigarlle o seu proxenitor a estudar dereito. O 30 de agosto de 1894 ingresou na Academia de infantería de Toledo, aproveitouse dun programa de estudos abreviado que o goberno permitiu polas necesidades de oficiais para os conflitos de Cuba e as Filipinas. Así, en febreiro de 1896 José Millán-Astray graduouse como tenente segundo. Após servir seis meses nun rexemento de Madrid, ingresou o 1 de setembro de 1896 na Escola Superior de Guerra para obter o diploma de Estado Maior. Interrompeu os seus estudos para pedir o traslado ás Filipinas para loitar contra os independentistas. Pola súa actuación na defensa da vila de San Rafael recibiu a Cruz ao Mérito Militar de Primeira Clase e volveu a España convertido nun heroe. Continuou os seus estudos na Escola Superior de Guerra e en 1905 ascendeu a capitán.
África En 1906 casou con Elvira Gutiérrez, filla do xeneral Gutiérrez Cámara. Pasou a formar parte do Estado Maior da Academia de Infantaría de Toledo en 1910, mais aos dous anos solicita o traslado a África, onde serviu nos Regulares Indíxenas. Ascendeu a comandante por méritos de guerra en 1914. Cando en 1917 recibiu destino en Madrid comezou a preocuparse pola necesidade que España tiña de contar cunha forza formada por mercenarios estranxeiros, ao xeito da Lexión Estranxeira Francesa. Tras obter o apoio do ministro da Guerra, José Villalba Riquelme, a Lexión Estranxeira estableceuse por real decreto o 28 de xaneiro de 1920 con Millán-Astray, xa tenente coronel, como o seu xefe e Francisco Franco, un dos seus grandes apoios, como xefe segundo. Millán-Astray trasladouse a Ceuta, onde se establecera o cuartel da Lexión. Destemido no campo de batalla, foi ferido en numerosas ocasións, e perdeu un brazo e un ollo. Foi o principal valedor da fracción africanista do exército español no seu enfrontamento co sector máis liberal. Redactou en 1922 unha carta aberta dirixida ao rei Afonso XIII para renunciar á xefatura da Lexión en protesta pola pouca influencia dos africanistas. Trasladado á Península xa na ditadura de Primo de Rivera, ascendeu a coronel e recibiu destino no alto comisariado de Marrocos. En 1926 volveu á xefatura da Lexión durante un ano.
Guerra civil española Na guerra civil española tivo un papel secundario no bando franquista, e dedicouse á propaganda. Foi famosa a agarrada que tivo con Miguel de Unamuno o 12 de outubro de 1936, durante o acto de comezo do curso académico (que concidía coa celebración da "Festa da Raza"), no Paraninfo da Universidade de Salamanca. Despois dunha serie de discursos de oradores atacando a "anti-España", ao pechar o acto como reitor, Unamuno fixo un discurso improvisado, criticando duramente como se estaba a levar a rebelión, sentenciando ao rematar:
Reacción de Millán-Astray perante Unamuno Tralo seu discurso, Millán-Astray berroulle "A min a Lexión", "viva a Morte" (lema da Lexión) e "abaixo a intelixencia". A isto, Unamuno contestoulle "viva a vida" (case un insulto á Lexión). A continuación o xeneral levantouse, e José María Pemán tratou de aclarar: "¡Viva a intelixencia! ¡Morran os malos intelectuais!".
Honras En 1922 foi nomeado fillo predilecto da cidade da Coruña, homenaxe que lle retirou o concello e que en 2011 tivo que repoñer logo do recurso presentado pola súa filla por vía xudicial. Finalmente a retirada foi avalada polo TSXG en 2013.
En 1970 o concello da Coruña erixiu unha estatua na praza que levaba o seu nome en memoria dos 50 anos da fundación da Lexión Española. A estatua foi retirada en 2010 en aplicación da Lei de memoria histórica, decisión ratificada xudicialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A praza foi rebautizada como praza das Atochas en 2015.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Biografía de José Millán y Terreros (Millán Astray), na Base documental d'Història Contemporània de Catalunya.
Categoría:Militares de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Guerra do Rif Categoría:Nados en 1879 Categoría:Finados en 1954 Categoría:Protectorado Español de Marrocos Categoría:Militares da guerra civil española do bando sublevado