Paula Fernández Pena, nada en Silleda o 29 de xaneiro de 1971, é unha aparelladora e política galega.

Traxectoria Diplomada en Arquitectura Técnica pola Universidade da Coruña, no 2007 decidiu introducirse na vida política presentándose como independente polo PSdeG-PSOE ás eleccións á alcaldía de Silleda, converténdose finalmente en alcaldesa de dita vila. Actualmente vive na parroquia de Cortegada.

O 19 de outubro de 2009, unha moción de censura presentada por 5 edís elixidos nas listas do PPdeG xunto con 2 tránsfugas do PSOE arrebatoulle a alcaldía, para outorgarlla a Ofelia Rey Recimil, concelleira tránsfuga do PSdeG-PSOE.

De novo, o 22 de maio de 2011 volveu ser elixida alcaldesa do concello de Silleda co 47,11% dos votos e con 6 concelleiros. Para gobernar con maioría pacta con Matías Rodríguez da Torre do BNG, que entrou a formar parte do goberno municipal ata a rotura de dito pacto en marzo do 2013. En xuño dese ano foi elixida senadora por designación autonómica en substitución de Pablo García, abandonando a alcaldía silledense, sendo substituída no cargo por Manuel Cuíña Fernández. Mantivo a súa acta de senadora ata xuño do 2015.

Mantívose como Secretaria Xeral do PSdeG en Silleda. Ocupou cargos de confianza na Deputación de Pontevedra, chegando a ser xefa de gabinete da presidenta Carmela Silva. Dende xaneiro de 2018 é vicesecretaria xeral do PSdeG na provincia de Pontevedra, renovando tralo congreso de febreiro de 2022. Tamén é Secretaria de Reto Demográfico na Executiva Nacional do PSdeG.

En xullo de 2021 regresou como concelleira en Silleda, trala renuncia dun compañeiro, facéndose cargo da concellería de Urbanismo. En xaneiro de 2024, logo da dimisión do alcalde dese momento, Manuel Cuíña, quen se presentaba nas eleccións ao Parlamento de Galicia, volveu ser alcaldesa de Silleda. En abril dese mesmo ano pasou a ocupar, a maiores, un escano no Congreso dos Deputados en substitución de David Regades. Renunciou ao escano en febreiro de 2025, sendo substituída por Luis Gómez Piña.Pena cierra su ciclo en el Congreso tras asumir el área de Obras en el Rural

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Silleda Lista de senadores galegos desde a Transición Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición

Ligazóns externas «Traballamos coas consellerías para ter proxectos para arrincar ou mandato», entrevista en La Voz de Galicia, 12 de maio de 2007 (consultado o 6 de setembro de 2022).

Categoría:Alcaldes de Silleda Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia

Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE

Categoría:Nados en Silleda

Categoría:Nados en 1971