José Rúa Figueroa, nado en Santiago de Compostela o 20 de maio de 1820 e finado en Madrid o 22 de maio de 1855, foi un xornalista, revolucionario e escritor galego. Foi un dos pais do movemento provincialista en Galicia.

Traxectoria Estudou Medicina na Universidade de Santiago. Publicou alí o seu drama El arzobispo don Suero (1840), que a censura eclesiástica local impediu representar. Con Antonio Romero Ortiz fundou Santiago y a ellos (1842), periódico satírico de literatura e costumes, e xunto ó propio Romero Ortiz e Antolín Faraldo Asorey, El Porvenir (1845), que recollía os ideais do provincialismo galego. Participou na revolta de 1846, escribindo a súa historia en Madrid baixo o pseudónimo de Juan do-Porto.

En Madrid interveu na revolta de 1848, dirixíndose logo á Coruña, onde foi encarcerado. Na prisión escribiu o drama inédito También por amor se muere. De novo en Madrid dirixiu o periódico progresista La Nación, e desde 1854 La Gaceta. Colaborou no Semanario Pintoresco Español con artigos costumistas sobre Galicia, como "La cascada de Toja", "Monte Furado" ou "Paso del Ulla en San Juan de Cova".

Interveu na revolución progresista de 1854, estando detido en diversos momentos. Resultou elixido deputado no Congreso en 1854 pola provincia da Coruña, morrendo no ano seguinte pouco despois de cumprir os trinta e cinco anos.

Obra Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (1846) Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ricardo Navas Ruiz, El Romanticismo Español. Madrid: Cátedra, 1982 (3.ª ed.). Outros artigos Ramón Rúa Figueroa (irmán) Romanticismo Ligazóns externas Obras dixitalizadas de José Rúa Figueroa Biblioteca Digital Hispánica, Biblioteca Nacional de España.

Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Xornalistas de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1820 Categoría:Finados en 1855 Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña Categoría:Deputados nas Cortes Españolas durante o reinado de Isabel II