A larinxe é un tubo músculo cartilaxinoso da parte superior do aparello respiratorio e órgano esencial na fonación. Forma parte do eixo visceral do pescozo, localizada na liña media, por diante da farinxe, de tal maneira que a parede posterior da larinxe está pegada á parte anterior do esófago. Os aneis cartilaxinosos da larinxe mantéñena sempre aberta, pero a estrutura péchase durante a deglutición para evitar broncoaspiracións. Máis concretamente é unha cartilaxe larínxea denominada epiglote a encargada desta acción.

Esténdese dende a segunda ou terceira vértebra cervical ata a sexta, punto no que comeza a traquea. Mantense nesta posición debido a que está unida ó hioide, á lingua, á base do cranio, á farinxe e a que se continúa coa traquea.

Relacións da larinxe Relacións anteriores: Músculo cutáneo do pescozo, envolto na fascia superficial do pescozo. Veas xugulares anteriores, unidas entre si por unha anastomose. Músculos infrahioides: esternohioide, esternotirohioide, tirohioide, omohioide. Lóbulo piramidal da glándula tiroide. Este lóbulo é inconstante.

Relacións laterais: Paquete vasculonervioso do pescozo: arteria carótide común, vea xugular interna e nervio vago. Arteria tiroide superior. Nervio larínxeo superior. Nervio larínxeo inferior. Lóbulos da glándula tiroide.

Relación posterior: Esófago.

Cartilaxes larínxeas Presenta nove cartilaxes, unhas son únicas: tiroide, cricoide e epiglote, e outras dobres: aritenoides, cuneiformes e corniculados. Pode haber outras cartilaxes que, a diferenza destas, son inconstantes: son os tritíceos e os sesamoides.

Articulacións larínxeas Hai dúas articulacións larínxeas móbiles: a articulación cricotiroide (plana, só permite pequenos desprazamentos) e a articulación cricoaritenoide (tipo trocoide, permite desprazamento e rotación; é a articulación da tensión das cordas vocais).

A primeira delas establécese entre a cartilaxe cricoide (na confluencia da lámina co anel cricoide) e as hastas menores da cartilaxe tiroide. A segunda, cricoaritenoide, establécese sobre a superficie superior do anel cricoide e a base das cartilaxes aritenoides.

Existe unha terceira articulación larínxea, pero non é móbil. Trátase da articulación aritenocorniculada, entre as cartilaxes aritenoides e os corniculados.

Membranas e ligamentos Membrana tirohioide: une a tiroide ó óso hioide. Os bordos laterais son os ligamentos tirohioides laterais. A membrana está perforada polo ramo interno do nervio larínxeo superior e polos vasos larínxeos superiores. Membrana cricotiroide: une tiroide e cricoide. Membrana cricotraqueal: une o cricoide ó primeiro anel traqueal. Ligamento glosoepiglótico. Ligamento hioepiglótico. Ligamentos aritenoepiglóticos. Ligamento tiroepiglótico. Ligamentos tiroaritenoides superior e inferior. Membrana fibroelástica.

Músculos da larinxe Músculo cricotiroide ou tensor das cordas vocais. Músculo cricoaritenoide posterior ou dilatador da glote. Músculo tiroaritenoide interno ou vocal. Músculo tiroaritenoide externo. Músculo ariaritenoide ou interaritenoide. Músculo cricoaritenoide lateral.

Véxase tamén

Outros artigos

estridor farinxe larinxite

Categoría:Aparato respiratorio Categoría:Órganos