José Fernández Ramos, nado en 1955 e finado o 17 de maio de 2008, foi un político galego do PSdeG-PSOE.

Traxectoria Mestre de profesión, foi profesor da Escola Agraria de Guísamo e, logo de aprobar as oposicións, exerceu como docente no colexio A Solana de Narón e en distintos centros educativos de Bergondo e Betanzos. Foi presidente da Asociación de Veciños de Guísamo. Militante do PSdeG-PSOE, en 1983 encabezou a candidatura en Bergondo e foi elixido concelleiro. Repetiu liderado nas seguintes convocatorias electorais, mellorando progresivamente os seus resultados e recortando distancias co PPdeG. Conseguiu a alcaldía de Bergondo logo das eleccións municipais de 1999, nas cales logrou se-la forza máis votada e estableceu un pacto de goberno coa única concelleira do BNG. Nas municipais de 2003 experimentou unha suba en votos, co cal continuou como alcalde con maioría absoluta. Nas municipais de 2007, pese a repetir vitoria, perdeu a maioría absoluta e volveu ser investido de novo alcalde como cabeza de lista máis votado, formando un goberno socialista en minoría. En setembro dese mesmo 2007, foi escollido presidente do Consorcio das Mariñas, unha entidade supramunicipal desa comarca coruñesa. En marzo de 2008 delegou as funcións da alcaldía por razóns de saúde. Faleceu unhas semanas despois, no mes de maio.

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Bergondo

Ligazóns externas Artigo en La Opinión

Categoría:Alcaldes de Bergondo Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en 1955 Categoría:Finados en 2008