A píntega común ou salamántiga (Salamandra salamandra) é un anfibio urodelo común en Europa con preferencia por hábitats acuáticos de media e alta montaña, ecoloxicamente pouco alterados.

Ao longo do territorio galego recibe tamén os nomes vulgares de salamanca, pinchorra, sacabeira, sapagueira, sacarrancha ou saramagantaConde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega..

Localización e características Normalmente sae do seu acocho cando o tempo é frío e húmido. Adoita ser vista nos camiños, ás veces agóchase baixo as pedras. A súa lonxitude é de 20 cm como máximo.

É doado recoñecelas pola cor da pel, negra con pintas amarelas. Para evitar seren atacadas por outros animais, a súa pel contén pequenas cantidades de substancias tóxicas (pezoña).

A píntega ou salamántiga común ten unha subespecie de seu en Galicia, a Salamandra salamandra gallaica.

A píntega na cultura popular galega O imaxinario tradicional esaxera o carácter pezoñento da píntega, pero non só en Galicia. Xa na Idade Media, Hugo de San Víctor escribe -supostamente- o texto De bestiis et aliis rebus Que desenvolve o significado simbólico atribuido a certos animais, que representaban vicios ou virtudes.. Neste tratado asegúrase que o veleno da píntega era o máis forte de tódolos animais pezoñosos: mentres que estes poden ferir máis ou menos á xente, unha píntega pode matar a varios homes.

Crese que a píntega pode transmitir un aire particular, tanto por contacto como polo seu bafo. Incluso abonda con miralo, e só con iso xa pode provocar dores de cabeza e vertixes. Algúns din que o brazo ou perna que chegue a tocar a píntega pode terminar podrecendo.

Provoca un proído intenso, contra o que se poden aplicar numerosos remedios tradicionais. Algún destes inclúen utilizar o propio animal, e así, en Ponte Caldelas, por exemplo, hai que coller unha píntega, queimala e aplicar a cinsa na zona infectada. En Oímbra hai que cravar o animal nun pau e este nunha árbore: segundo morre a píntega, vai desaparecendo a pezoña. Outro remedio consiste en matar unha, enterrala en area grosa e colocar tres pedras sobre o corpo; á vez que se fai isto, cóbrese a lesión cunha camisa e rézanse algunhas oracións, e ó quitar a camisa estará curada.

No Irixo enchen unha cunca de barro con aceite de oliva e meten dentro unha corda de esparto. Cando esta está ben embebida de aceite, rodéase con ela a lesión e rézase un ensalmo.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, 422-423.

Outros artigos Catálogo galego de especies ameazadas Ligazóns externas Ficha da píntega común, no Ministerio de Medio Ambiente (pdf) Completa páxina sobre a salamántiga Salamandras con pedigrí, nova sobre a presenza das mesmas no Parque nacional das Illas Atlánticas

Categoría:Urodelos Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Anfibios de Galicia