miniatura|O Vampiro, por Philip Burne-Jones (1897). Un vampiro (/bamˈpi.ɾʊ/) é unha criatura mítica que subsiste alimentándose da esencia vital dos vivos, xeralmente, chuchando o sangue destes. No folclore europeo, os vampiros son mortos viventes posuidores dunha forma humanoide, que adoitaban visitar aos seus seres queridos e causar problemas ou mortes nas veciñanzas que moraban en vida. Probablemente a base da maioría das ideas acerca de vampiros que forman parte da cultura popular actual sexa o libro Drácula de Bram Stoker, e as películas de cinema baseadas nel, como Nosferatu e Drácula de Bram Stoker. Algúns estudosos do vampirismo suxeriron que estas lendas se achan relacionadas total ou parcialmente con casos de patoloxías reais como a rabia; interesante o estudo do neurólogo español Juan Gómez Alonso Os vampiros á luz da medicina; ou a porfiria. Xunto co home lobo, o vampiro é quizais o máis famoso ser sobrenatural da cultura popular humana.

A palabra "vampiro" vén das linguas eslavas (do alemán vampir, que se deriva do polaco temperán vaper e este á súa vez do eslavo arcaico oper; con raíces indoeuropeas paralelas no turco e no persa). Significa á vez "ser voador", "beber ou chupar" e "lobo", ademais de facer referencia a certo tipo de morcego. Durante a expansión do Romanticismo en Europa, a principal reacción ó período previo de Ilustración enciclopédica e racionalista, o vampiro converteuse nunha temática común e pasou da lenda oral ós castelos e os salóns elegantes.

Outros nomes son vurdalak (ruso moderno), vrolok (eslovaco), strigoï ou strigoiul (romanés), bukolako ou vukodlak (serbio), upiro (polaco), nosferatu (do grego nosophoro (portador de enfermidade) e vampyrus (latín).

Características dos vampiros A descrición destas criaturas varía segundo a época, cultura e autor literario. As seguintes son un conxunto de características que lles foron atribuídas nalgún momento, pero dependendo do ámbito literario ou artístico no que apareza o autor pode elixir unhas poucas destas características ou incluso introducir outras novas.

Moitos dos vampiros tradicionais son cadáveres animados de mortais, pero agora atópanse nun estado intermedio entre a vida e a morte, de aí que en moitas ocasións se lles chame non-mortos. Precisan de sangue fresco para sobreviviren, aínda que non sempre é o sangue, senón algún tipo de “fluído vital” ou “enerxía espiritual”, pero o elemento nutritivo máis utilizado é o sangue. Posúen grandes e afiados dentes (a miúdo só os cairos). Poden infectar a outros seres coa súa condición non morta, mordéndoos e bebendo o seu sangue ata matalos, aínda que as condicións da transformación varían. Algúns vampiros son simplemente unha especie parasita similar á humana e reprodúcense sexualmente. Permanecen eternamente novos, co mesmo aspecto co que morreron. Son capaces de transformarse en morcegos e outras criaturas de reputación sinistra como ratas, lobos, gatos, curuxas ou corvos. Tamén poden disiparse nunha nube de po ou vapor. Tamén posúen certo control sobre as bestas. Poden hipnotizar as súas vítimas. Algúns practican a maxia, xeralmente algún tipo de sinistros feitizos de maxia negra ou necromántica. Posúen características físicas sobrenaturais, forza, percepción, carisma e axilidade moi superiores ós humanos. Non se reflicten nos espellos (supostamente porque carecen de alma), aínda que non é un trazo tan estendido. Adoitan ser rexeitados polos símbolos relixiosos, especialmente polos crucifixos e a auga bendita. Algunhas plantas como o allo, o espiño branco, ou as roseiras salvaxes, tamén afastan os vampiros. Dormen en cadaleitos, sotos, alxubes, cemiterios ou baixo terra, aínda que este costume tende a desaparecer nos relatos máis modernos. Algúns precisan durmir na terra na que naceron, e outros non dormen. Os seus ollos adoitan ter unha calidade animal, ou teñen cores estrañas, como vermella, dourada ou completamente negra. En moitos relatos só poden entrar nun edificio se son invitados a pasar polo dono legal ou por alguén que se atope dentro. Respecto á súa imaxe: Nos relatos máis antigos da tradición oral aparecen como cadáveres inchados, de mirada feroz, longos cabelos e unllas. O vampiro romántico é unha muller ou home aristocrático, de pel pálida, estilizado e sensual. Viste preferentemente de negro e a súa vestimenta está lixeiramente anticuada. Algúns presentan trazos monstruosos con trazos animais de morcego, rato e lobo, así como outras combinacións. Respecto á luz do sol: Algúns debilítanse baixo a luz do sol, perdendo parte dos seus poderes, e outros morren. Algúns quedan cegos baixo a luz do día. Algúns poden camiñar baixo a luz do día, aínda que non lles gusta. Respecto os medios de matalos: A maioría dos relatos afirman que só poden ser destruídos se se lles corta a cabeza ou se lles atravesa o corazón cunha estaca de madeira (ás veces dun tipo concreto de árbore) Algúns vampiros son afectados pola prata, aínda que se trata dun trazo máis propio dos lobishomes. O lume acostuma ser un medio eficaz para acabar con eles, aínda que en ocasións é preciso esparexer as súas cinzas.

Historia dos vampiros

Se ben existen lendas de criaturas vampíricas en todas as civilizacións da Antigüidade, dende Exipto a Sumeria, as primeiras referencias históricas do vampiro moderno atópanse nas antigas Grecia e Roma. Lucio Apuleio (125-180), un escritor e filósofo romano, conta na súa novela De Asino Aureo (O asno de ouro) a historia de dúas irmás malignas, Meroe e Panthia, que beben o sangue dun home, pechándolle a ferida cunha esponxiña para que non perciba a perda. Ó día seguinte, o home anicouse para beber auga nun río, a esponxiña caeu e morreu.

No folclore oral o vampiro como morto vivente bebedor de sangue xa era coñecido nas lendas de moitos países, atopándose relatos en Inglaterra e Dinamarca xa no século XII, nos que se fala de diversos tipos de seres vampíricos. Nos séculos XVII e XVIII desátase nos países de Europa Central e Oriental unha auténtica “histeria vampírica” e comezan a chegar novas sobre cadáveres que se levantan das súas tumbas para beberen o sangue dos vivos. Estas lendas parecen estar relacionadas con varios casos de epidemias de rabia que afectan á zona por esa época, que terminan mesturándose coas lendas locais. O abade Augustin Calmet (1672-1757) recolle en Tratado sobor dos vampiros (1746) moitos destes sucesos en terras de Austria, Hungría, Polonia, Serbia, Moravia, Silesia e Prusia, e aínda que tenta darlles unha explicación racional, non nega a súa existencia.

En Europa Occidental os filósofos da Ilustración critican a obra de Augustin Calmet e consideran os rumores e relatos vampíricos como meras supersticións. En España o padre Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro fai unha crítica sobre o vampirismo, considerándoo froito da ignorancia.

A Península Ibérica permanece á marxe das influencias vampíricas que se estenden dende Europa Central, aínda que no folclore local existen referencias a criaturas que amosan trazos vampíricos como as guaxas de Asturias, as guajonas de Cantabria e as meigas chuchonas de Galicia, todas elas vellas feiticeiras que cun só cairo beben o sangue das súas vítimas, sobre todo meniños. Algunhas tamén comen carne humana. En certo sentido a procesión fantasmal da Santa Compaña contén certo elemento vampírico, ó “roubar” a enerxía vital de quen é condenado a acompañar a procesión. En Cataluña existen lendas como a do ugarés e o conde Estruch, nas que se fala de terribles aristócratas que realizan pactos infernais para alongar as súas vidas e que cometen grandes atrocidades, como beber o sangue das súas vítimas.

Os vampiros na Antigüidade En Mesopotamia invocábanse deuses protectores para que acabasen cos Utuhu e os Maskin', seres moi similares ós vampiros que eran os culpables da propagación de enfermidades e pragas. Estes seres, xunto cos demos Alal e Telal, poden ser considerados os antecedentes máis antigos dos vampiros.

No Antigo Exipto atópanse deuses como a deusa Srun, unha muller loba de longos cairos que se alimentaba de corpos humanos. Os fenicios, e posteriormente os hebreos, crían que a mortalidade infantil era provocada polos ataques de Lilitu, un espectro errante que se alimentaba do sangue dos nenos. Posteriormente Lilitu converteríase en Lilith, a primeira muller de Adán que, rexeitada polo seu home e por Deus, se convertería nun diaño.

Na India, Kali Ma era unha deusa sanguinaria e feroz, con catro brazos, longa cabeleira e un colar feito con caveiras humanas. Ofrecíanselle sacrificios humanos nos que o sangue era o elemento principal. Outros seres vampíricos da mitoloxía hindú eran os butchas.

Na antiga China considerábase que os criminais que non purgaban as súas malas accións convertíanse en pantasmas e vampiros cando morrían. Os antigos chineses exhumaban as tumbas dos criminais e tronzaban os seus cadáveres para protexerse.

En América, o pobo mapuche ten no seu folclore un ser vampírico coñecido como o Pihuychen, que ataca principalmente a animais, pero tamén a humanos. Igualmente crían na existencia dunha criatura vampírica acuática coñecida como Trelke-wekufe (O coiro). Ámbolos dous seres pasarían á tradición de Chile. Os indíxenas aztecas crían no civataeo, que atacaba os meniños, que despois morrían dalgunha enfermidade. Dise que atacaba polas noites nas encrucilladas.

En Europa e na antiga Grecia, os gregos tiñan a lenda de Lamia, filla do rei oriental Belo, e tan orgullosa de seus fillos que a deusa Hera enrabechou e matounos cando soubo que Lamia tivera un romance co seu marido, o deus Zeus. Lamia toleou coa rabia e a pena e converteuse nunha monstruosa criatura que comezou a perseguir nenos para beber o seu sangue. Esta lenda estendeuse polas zonas rurais de Grecia, onde posteriormente se cría que Lamia adoptaba formas fermosas e atacaba os viaxeiros extraviados. Desta forma, Lamia comeza a mostrar moitos elementos dos vampiros modernos.

Outro ser da mitoloxía grega era Empusa, filla da deusa Hécate, un monstro con pés de bronce que podía mudar nunha fermosa muller e conquistaba os homes para beberlles o sangue. Tamén existían as striges, monstros con cara de muller e corpo de paxaro que bebían o sangue dos humanos mentres durmían (strix converteuse no nome das curuxas). Posteriormente, e quizais por influencia eslava, en Grecia xurdiu a figura do vrycolaka, que atacaba a súa propia familia despois de morto.

Os romanos asimilaron os mitos gregos pero tamén dispoñen dos seus propios seres vampíricos, como os lemures e os larvae, espíritos dos criminais, que adoptaban un estado esquelético e fantasmal para absorberen a vida dos homes.

O vampiro na Idade Media Na Idade Media, nos países de relixión musulmá había unha especie de ogros e vampiros chamados gul ou golas (se eran femininos), que se converten en monstros tras sufriren mortes violentas. Estes seres viven nos cemiterios e comen carne humana ademais de beberen sangue, e poden adoptar formas humanas para ocultaren a súa con diversos trazos animais. Aparecen en varios relatos e contos como os de As mil e unha noites.

Nos países nórdicos existían os cadáveres coñecidos como vagr. Nunha antiga saga viquinga cóntase que nunha expedición a Islandia un grupo de viquingos foi morto por unha especie de vampiros que lles chucharon o sangue.

A palabra upir (que é o termo polaco para os vampiros) usouse por primeira vez en Rusia no ano 1047 para referirse a un príncipe ruso.

En 1190 Walter Map escribe De Nagis Curialium, onde escribe moitos feitos ocorridos por ataques vampíricos en Inglaterra. Tamén recolle casos ingleses William de Newburgh nas súas Chronicles en 1196.

Patoloxía psiquiátrica e vampirismo Á parte das lendas populares non debe rexeitarse unha orixe psicolóxica na configuración do mito do vampirismo.