En Vigo celébrase con nome de Reconquista de Vigo unha sublevación popular que se encadra na Guerra da Independencia española.

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o Al-Andalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado, dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos dos monarcas do Reino Visigodo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Polo tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista Cristiá, Conquista Feudal de Al-Andalus, ou directamente Colonización Feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.

Fai falla ter presente tamén que a colonización de Al-Andalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do feudalismo, ó centre de Europa Occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

Antecedentes Período tardorromano No século V o Imperio Romano de Occidente vai demandar ós visigodos, un pobo bárbaro fortemente romanizado e que estaba federado ó imperio, que expulsasen ós vándalos e alanos de Hispania. Como pago pola súa lealdade, os visigodos recibiron esta provincia romana e o sur da Galia como foedus. Coa deposición do derradeiro emperador romano por Odoacro no 476 os visigodos gobernaron estes territorios como reino independente, primeiro como Reino de Tolosa e, despois da derrota a mans dos francos no 507 na batalla de Vogladum, unicamente a Hispania como Reino de Toledo. Aínda así a achega de poboación dos visigodos á península foi moi reducida.

Ocupación musulmá da península

miniatura|Guerreiros cristiáns e musulmáns

Ó pasamento do rei visigodo Vitiza, no 710, vaise producir un conflito entre os partidarios da monarquía hereditaria cos fillos do rei morto á fronte, e os partidarios da monarquía electiva a favor do novo rei Rodrigo, un conflito que tiña, así mesmo, un fondo relixioso entre católicos e arianos.

No 711 o conde de Ceuta, Xulián, que estaba refuxiando á familia e partidarios de Witiza e que mantiña relacións co gobernador de Tánxer, Tariq ibn Ziyad, e o seu emir Musa ibn Nusayr, vai demandar axuda ás poboacións árabes e bérberes do norte de África para intervir no conflito e doarlle axuda na súa loita contra Rodrigo. Os historiadores difiren na intención de Mussa neste momento da historia; sexa que planeaba unha conquista completa, unha invasión limitada para confirmar unha alianza, ou só un ataque para debilitar as forzas visigodas.

As forzas musulmás, comandadas por Tariq, atravesan entón o Estreito de Xibraltar e van derrotar a Rodrigo que segundo as lendas morrería na batalla de Guadalete no ano 711, a causa en parte pola deserción das tropas baixo o seu comando a petición do bispo Oppas (o sobriño do cal, Akhila, era fillo de Vitiza). Despois da batalla, o dominio visigodo vaise desmembrar, e Akhila rendeu as súas terras no 712.

Durante os tres anos seguintes os musulmáns van ocupar o resto da antiga Hispania mediante pactos coa nobreza visigoda. No 713 caeu Toledo e no 714 Zaragoza. O exército árabe-bérber continuou cara ao norte até ser derrotado por Eudes de Aquitania preto de Tolosa en 721, e finalmente por Carlos Martel no 732 na batalla de Tours, abandonando aí os seus plans de conquista de Europa. Os musulmáns, entón, asentáronse na Península Ibérica, establecendo un emirato subordinado ó califa de Damasco. A meirande parte dos nobres visigodos mantiveron as súas propiedades e o seu status social converténdose ó islam, xa que que o troco de goberno non afectaba seriamente as actividades cotiás. As divisións como tal vanse manter, mais a administración local mudou; os musulmáns ocuparon os lugares chave dado que ningún non-musulmán podía gobernar a un musulmán. A poboación de cristiáns e xudeus tiñan que someterse ó código de Umar, que aseguraba a supremacía do islam sobre as outras relixións. Dende entón coñeceuse ó territorio musulmán da península como Al-Andalus.

A rexión norte de Hispania, atravesada pola cordilleira Cantábrica, era habitada durante o primeiro milenio a. C. por grupos tribais que os estranxeiros nomeaban galaicos, ástures, cántabros e vascóns. Non van poder ser conquistados polos romanos e no século I Augusto illounos rodeándoos con campamentos romanos, onde despois xurdirían cidades como León e Pamplona. Estas poboacións montañosas non romanizadas resistiron tamén a ocupación musulmá, creándose así os primeiros grupos de resistencia ó norte da península.

Nun primeiro momento o maior pulo da Reconquista será polo oeste, onde o Reino de Asturias faise con relativa velocidade, se se compara co resto da reconquista, co control do antigo Reino de Galicia, e coas terras ata o río Douro, formando así o núcleo do futuro Reino de León. Pola falta de poboación para repoboar, é imposible avanzar máis na Reconquista. Mentres tanto, os reinos do leste manteñen unha dura loita cos musulmáns na marxe do río Ebro, ata o que non chegarán ata varios séculos despois, seguindo dentro da órbita de influencia francesa, especialmente no caso dos condados cataláns, vasalos en teoría do rei de Francia pero sempre nun permanente estado de semi independencia pola debilidade dos monarcas de París.

O pulo inicial da Reconquista verase freado polas rivalidades entre os diferentes reinos cristiáns e pola forza do Califato de Córdoba, que se independiza e que chega a ameazar seriamente os reinos cristiáns na figura do seu caudillo militar Almanzor, chegando este a saquear Santiago de Compostela e a roubar as campás de ouro da catedral. Destaca tamén a constitución, na marxe oriental do Reino de Aragón, do condado de Castela, un territorio fronteirizo co Reino de Navarra, os musulmáns do val do río Ebro e os musulmáns do sur, que polas súas condicións especiais atrae a moitos repoboadores vascóns.

Orixes dos Reinos Cristiáns Reino de Asturias

miniatura|Monumento a Don Paio.

No ano 718 un nobre chamado Paio sublevouse. Fracasou, foi feito prisioneiro e enviado a Córdoba (os escritos usan a palabra Córdoba, pero isto non implica que fose a capital, xa que os árabes chamaban Córdoba a todo o califato).

Con todo, conseguiu escapar e organizou unha segunda revolta nos montes de Asturias, que empezou coa batalla de Covadonga do 722. Esta batalla considérase o comezo da Reconquista e do primeiro reino cristián, que foi o Reino de Asturias. A interpretación é discutida: mentres que nas crónicas cristiás aparece como unha gran vitoria fronte ós infieis, grazas á axuda de Deus, os cronistas árabes describen un enfrontamento cun reducido grupo de cristiáns, aos que tras vencer desístese de perseguir ó consideralos inofensivos. A realidade é que esta vitoria de Covadonga, por pequenas que fosen as forzas contendentes, tivo unha importancia tal que polarizou en torno a Paio un foco de independencia do poder musulmán, que lle permitiu manterse independente e ir incorporando novas terras aos seus dominios.

O Reino de Asturias recibiu dende o principio o apoio do Ducado de Cantabria, que estaba nunha situación de relativa independencia respecto dos musulmáns. En calquera caso, os árabes desistiron de controlar a zona máis setentrional da península, dado que na súa opinión, dominar unha rexión montañosa de limitados recursos e invernos extremos, non pagaba a pena. Os cristiáns da zona non supoñían perigo, e controlar o extremo máis afastado supoñería máis custos que beneficios. De todos os xeitos, a sorprendente expansión do minúsculo estado pronto preocupou ás autoridades califais. Houbo sucesivas incursións (en tempos de Afonso II, fíxose unha cada ano en territorio asturiano), pero o reino sobreviviu e seguiuse expandindo, con sonoras vitorias, como a batalla de Lutos, Polvoraria e a toma de Lisboa no 798.

O reino de Asturias era inicialmente de carácter indíxena e foi sometido nas súas últimas décadas a unha sucesiva gotificación debida ós inmigrantes de cultura hispanogoda fuxidos ao reino cristián do norte. Así mesmo, foi un referente para parte do espazo cultural europeo coa batalla contra o adopcionismo. O reino estivo por épocas moi vinculado ao dos francos, sobre todo a raíz do "descubrimento" do sepulcro do apóstolo Santiago. Esta idea "propagandista" conseguiu vincular á Europa cristiá co pequeno reino do norte, fronte a un Sur islamizado.

O Reino de Asturias tivo varias escisións. A primeira á morte do rei Afonso III o Magno, que repartiu os seus dominios entre tres dos seus cinco fillos, García, Ordoño e Froila. Estes dominios incluían, ademais de Asturias, o condado de León, o de Castela, o de Galicia, a marca de Áraba e a de Portugal (que entón era só a fronteira sur de Galicia). García quedou con León, Áraba e Castela fundando o Reino de León. Ordoño quedou con Galicia e Portugal, e Froila quedou con Asturias.

Campañas francas e a Marca Hispánica

O territorio situado entre o oriente de Navarra e o mar dividiuse en condados sometidos aos francos. Os condados cataláns foron divisións da zona occidental Marca Hispánica e os condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza ocupaban a zona intermedia. Foi unha zona de contención militar que tomaron os francos para frear as incursións sarracenas. Aínda que a intención inicial destes era levar as fronteiras ata o Ebro, a Marca quedou delimitada polos Pireneos no norte e polo Llobregat no Sur. Co tempo independizouse do dominio franco con condes como Wifredo o Velloso e Aznar Galindo.

Na zona dos condados cataláns, o Condado de Barcelona converteuse moi cedo no condado dominante da zona. Co tempo, trala unión dinástica entre o Condado e o Reino de Aragón que daría orixe á Coroa de Aragón, os dominios desta coroa estendéronse cara ao sur e o Mediterráneo.

O Reino de Aragón ten a súa orixe nun condado tamén dependente desta marca, que sería anexionado por unións dinásticas por Navarra. Trala morte de Sancho III de Navarra, o seu reino foi dividido, nomeándose ao seu fillo Ramiro rei de Aragón. A morte dun irmán seu, Gonzalo, fixo que Ramiro I unise aos condados de Aragón, Sobrarbe e Ribagorza no novo reino. Pouco despois, chegou a anexionarse Navarra, aínda que trala morte de Afonso I o Conquistador a unión desfíxose. Por esa época, tras unha dura loita coas taifas de Zaragoza, o Reino aragonés chegou ó Ebro, conquistando a capital en 1118.

Máis tarde produciríase a unión dinástica, co matrimonio de Petronila (filla única do rei de Aragón) e Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona, o que conformou a Coroa de Aragón, confederación que agrupaba ao Reino e ós Condados. Hai que destacar que só foi unha unión dinástica: ambos territorios continuaron coas súas institucións.

A Coroa acabaría por unificar co tempo o que hoxe é Cataluña, arrebatando ós árabes o resto de Cataluña, a Cataluña Nova, e anexionándose os restantes territorios, aínda que hai que destacar que os diversos condados seguiron gozando de certa autonomía.

Proceso de colonización