A batalla polo Noroeste (título orixinal en inglés: The Battle for Wesnoth), tamén coñecido como A batalla por Wesnoth ou simplemente Wesnoth polo seu nome en orixinal en inglés, é un videoxogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo de fantasía medieval. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos). O xogo é software libre, con licenza GNU GPL, e está dispoñible de balde para un gran número de plataformas.

Orixe

Aínda que o xogo é froito dunha grande comunidade virtual formada por unha morea de programadores, deseñadores, escritores, tradutores etc., o proxecto inicial partiu de David White —o actual coordinador do proxecto— en xullo do 2003. White baseouse en xogos da Sega Mega Drive tales coma o Master of Monsters e o Warsong, mais pretendendo apoiarse nunhas regras moi sinxelas, software libre, e unha boa intelixencia artificial —ademais de que o proxecto resultase divertido—. Isto orixinou a propia filosofía do proxecto, baseada no principio KISS: se se quere incluír unha nova idea esta non debe complicar o xogo.

O 2 de outubro do 2005 publicouse a primeira versión completa do xogo, a versión 1, traducido a 17 linguas.

Etimoloxía de «Wesnoth»

O nome de Wesnoth ideouno o creador do xogo como combinación de sílabas que lle poderían quedar ben como nome a unha terra fantástica.

A medida que o xogo foi medrando e volvéndose máis complexo, os desenvolvedores crearon unha etimoloxía ficticia para o nome: «os habitantes de Wesnoth proveñen do oeste (west en inglés) e do norte (north), o que deu lugar a Westnorth, que máis adiante evolucionou ata se converter en Wesnoth, tal e como se lle coñece hoxe en día». Esta etimoloxía explícase na campaña A orixe do Reino do Noroeste, e é a raíz da tradución ao galego de Wesnoth como «Noroeste».

Desenvolvemento

O xogo está escrito en C++. Está dispoñible para varias plataformas: pode xogarse en AmigaOS 4, BeOS, FreeBSD, GNU/Linux (incluíndo versións do mesmo de dispositivos móbiles, tales como a GP2X, e os Nokia N800 e N810), Mac OS X, Morphos, NetBSD, OpenBSD, Pandora, RISC OS, Solaris e Microsoft Windows.

O da Batalla polo Noroeste é un desenvolvemento descentralizado, grazas á súa natureza de libre e de código aberto. As campañas e unidades aprobadas oficialmente e empaquetadas coa descarga do xogo adoitan derivarse de contido creado pola comunidade, algo no que se diferencia doutros xogos privativos nos que o contido feito polo usuario non adoita incorporarse ás compilacións oficiais.

O wiki e mailos foros do xogo úsanse para desenvolver as campañas, incluíndo os novos tipos de unidades e o material gráfico para as historias. O xogo permite a descarga de novos contidos —mapas, campañas, eras etc.— dende o servidor oficial ou calquera outro. O contido dispoñible no servidor oficial de campañas debe estar protexido pola licenza GNU GPL, licenza baixo a cal se atopa o propio xogo.

Aínda deixando de lado os contidos da comunidade, a lista de contribuidores da versión oficial do xogo en si contén case 400 entradas.Revisado en maio do 2007. Entre os desenvolvedores do xogo hai algúns ben coñecidos, coma Eric S. Raymond ou Rusty Russell.

O xogo está internacionalizado e traducido a case 50 linguas, entre elas o galego por medio do Proxecto Trasno

Lanzamentos O desenvolvemento do xogo realízase en dúas pólas, a póla estable e maila póla en desenvolvemento ou inestable, como ocorre na maior parte do software. Pero, a diferenza doutras aplicacións, na Batalla polo Noroeste cada póla ten cadanseu tipo de número. Concretamente, os impares corresponden á póla en desenvolvemento, e os pares á estable.

Por tanto, os números das versións descompóñense en tres números diferentes:

versión global.versión secundaria.versión terciaria

Por exemplo, na versión 1.6.2: O 1 corresponderíase co número global da versión. Este número, como en tantos outros programas, non se cambia ata que os desenvolvedores consideran que o xogo xa avanzou moito, e que xa se diferencia moito da anterior versión global. Este número adoita ser 0 ata que o xogo se considera completo, e a partir de aí cámbiase cando o xogo sofre cambios moi grandes. A partir do número 6 podemos deducir que se trata da cuarta versión estable dentro da versión global 1 que viramos. Isto é porque as pólas estables correspóndense cos números 0, 2, 4, 6, 8 etc., onde 6 é, como podemos ver, o cuarto. O 2 indica que se trata do terceiro lanzamento dentro da póla estable 1.6. É o terceiro porque temos que comezar a conta desde o 0. No caso da póla estable, estas versións adícanse á corrección de erros, principalmente, así como a actualización de traducións. No caso da póla inestable (ou “en desenvolvemento”) cada unha destas versións supón un paso máis cara a seguinte versión estable, chegando as últimas versións a ter segundos nomes, como beta («en probas») ou release candidate («candidata a versión final»).

Características xerais 260px|miniatura|Exemplo dunha batalla. O xogo baséase nun mundo fantástico, cunha mitoloxía que recorda á do Señor dos Aneis, e onde o xogador controla unha serie de personaxes, con cadansúas características persoais, e avanza a través de distintos escenarios loitando ata cumprir os obxectivos de cada escenario.

Cada unidade ten unhas características propias que as diferencia das demais. Así pois, podemos ter un elfo arqueiro que sexa forte e rápido, que golpeará con maior contundencia aos inimigos e se poderá desprazar unha maior distancia cada quenda, e outro que sexa resistente e intelixente, que aínda que non golpee con tanta forza nin poida moverse tanta distancia cada quenda, terá máis puntos de vida e precisará menos puntos de experiencia para avanzar de nivel.

Pola outra banda, dependendo do tipo de unidade contarán ademais con habilidades diferentes. Os magos brancos, por exemplo, teñen a capacidade de sandar aos seus compañeiros, e os cabaleiros da morte conseguirán que os seus compañeiros loiten mellor grazas ao seu liderado.

As unidades teñen tamén unha maior ou menor defensa contra os ataques que reciben en función do terreo no que están situadas. Os ananos, por exemplo, son case invulnerables nas montañas, o mesmo que os elfos nos bosques, e algúns mesmo poden resultar invisibles a ollos dos inimigos grazas á súa habilidade de emboscar.

Así mesmo, existen diferentes tipos de ataques («corpo a corpo» e «a distancia»), de armas (folla, impacto, perforación, lume, arcano ou frío) e un ciclo entre o día e a noite, polo que segundo o momento do día, as unidades —que poden ser “legais”, “caóticas”, “neutrais” ou “crepusculares”— veranse favorecidas, prexudicadas ou indiferentes.

Por último, as unidades gañan experiencia a medida que loitan e matan aos seus inimigos e ao alcanzar unha certa cantidade de experiencia, transfórmanse en novas unidades, con novos ataques e habilidades, ademais de curarse completamente no proceso evolutivo. Ao chegar a un determinado nivel, que varía segundo a unidade, o paso ao seguinte nivel, cada vez máis difícil de acadar, non provoca transformación ningunha, traducíndose simplemente nun lixeiro aumento dos puntos de vida que pode ter a unidade, acompañado dunha restauración completa dos mesmos.

As unidades consomen un custo de mantemento dunha moeda de ouro por nivel desta, podendo conseguir este ouro mediante o control de vilas que hai nos distintos escenarios. Controlar os poboados do inimigo é máis beneficioso que tomar o control dos poboados neutrais, porque así, ademais de aumentar os ingresos propios por rolda, reducirase o volume de ouro obtido polo inimigo, que non poderá invocar novas unidades. 260px|miniatura|Manual do xogo. Toda esta información pode atoparse no completo manual do xogo, integrado neste.

Nas últimas versións do xogo poden descargarse contidos cun modo de xogo similar aos xogos de rol de taboleiro, por quendas. Pódense mesmo descargar novas armas, feitizos, e melloras, entre outras cousas.

Faccións Actualmente existen no xogo seis faccións:

Rebeldes Está formada na súa maioría por elfos, aínda que tamén hai woses, similares aos ents de Tolkien, sirénidos e magos. A maior parte das súas unidades contan xa dende o nivel 1 con ataques tanto corpo a corpo como a distancia, o que fai dos rebeldes unha facción moi versátil. Aos elfos non lles afectan nin a noite nin o día, e deféndense ben nos bosques, onde algúns poden pasar desapercibidos para o resto das unidades. Son a miúdo rápidos, mais noutros terreos adoitan ser febles.

Alianza de Neilga Trátase de lentos pero rudos e bravos ananos con fortes ataques corpo a corpo, aliados con humanos foraxidos que loitan especialmente ben ao amparo da noite. Por regra xeral, a defensa dos ananos é maior cando se atopan nunha montaña ou outro tipo de elevación, ademais de que son insuperables cando de camiñar por covas se trata, e non lles afecta o momento do día no que loiten. Non son moi bos en campo aberto, terreo onde destacan os humanos foraxidos.

Leais Está composta por cabalaría humana, magos e infantaría —unidades todas elas legais que adoitan loitar mellor polo día—, así coma por aliados sirénidos. Trátase da facción con maior diversidade de unidades despois da Alianza de Neilga.

Nórdicos É a facción dos orcos, con aliados trasnos, trolles e nagas. O seu punto forte é o reducido custo das unidades, xunto coa forza bruta, e o combate en distancias curtas e ao amparo da noite. A maioría das unidades non requiren de moita experiencia para subiren de nivel. Ademais aumenta a súa mobilidade ao se desprazaren por terreos elevados. dereita|miniatura|Liche, unidade dos non mortos. Non mortos Esta facción inclúe criaturas de gran resistencia no combate que poden esmagar aos seus rivais con facilidade, pero vulnerables a ataques de lume, impacto e arcanos (máxicos). Os non mortos contan con fácil acceso a ataques máxicos e velenosos. Algunhas das súas unidades son capaces de absorber vida ás unidades inimigas en beneficio propio, e a maioría delas son inmunes ao veleno. Ao contrario que a maior parte das outras faccións, as unidades dos non mortos non teñen características persoais nin nome.

Draconiáns Esta facción está composta por unhas criaturas semellantes en forma aos dragóns (de acordo co xogo, descendentes “menores” destes) cuxos individuos loitan mellor polo día. A maior parte das súas unidades poden voar e botar lume pola boca. Contan ademais cos seus aliados, os saurios, que son máis rápidos e fortes pola noite, e en terreos escarpados. Ambas as dúas especies son vulnerables ao xeo. Os draconiáns son a facción con maior facilidade para manobrar, xa que o seu tamaño lles permite atacar meirandes áreas.

As unidades usadas por cada facción, así coma os seus nomes, cambian segundo a era ou a campaña. Estas faccións son as da era predeterminada, a máis xogada do modo colectivo canda a súa extensión “Idade dos heroes”.

Hai ademais unha morea de faccións creadas polos usuarios, moitas das cales agrúpanse en “eras” que poden descargarse. Por exemplo, a “Era Imperial” inclúe laviniáns —baseados nas tropas do antigo Imperio romano—, rondadores e elfos salvaxes, incluíndo árbores de unidades e habilidades completamente novas. Así e todo, non é moi frecuente que as faccións creadas polos usuarios se utilicen nas eras predeterminadas, dependendo da súa aprobación por parte dos creadores.

Criaturas 260px|miniatura|Neste escenario enfróntanse non mortos e humanos. O xogo inclúe as seguintes especies principais: Ananos Draconiáns Elfos Humanos Monstros Nagas Non mortos Orcos Saurios Sirénidos Trasnos Trolles

Tamén se poden atopar no xogo grifóns, lobos, morcegos, ogros e woses.

Campañas 260px|miniatura|Escena da campaña «O herdeiro ao trono».