O lugar prehistórico de Beifudi (北福地), sito preto de Yixian, na Provincia de Hebei, China, é o sitio arqueolóxico dunha recentemente descuberta aldea prehistórica neolítica que, segundo os arqueólogos chineses, é un dos máis importantes e antigos sitios atopados desa época.. As escavacións foron dirixidas por Duan Hongzhen.

Características As primeiras noticias sobre a existencia dun sitio arqueolóxico en Beifudi remontan a 1985, aínda que non foi escavado até unha campaña realizada durante 2003-2004.

O sitio, cunha área de 3 ha na beira norte do río Yishui, contén artefactos dunha cultura contemporánea da Cultura de Cishan e da de Xinglongwa, datábeis arredor de -8000 / -7000, dous círculos culturais ben coñecidos, sitos ao leste das Montañas Taihang, e que enche un baleiro arqueolóxico entre ambas as dúas culturas do norte da China. A área total escavada é de máis de 1200 m². A colección de achados neolíticos do sitio pode ser datada en dúas fases.

Este sitio arqueolóxico foi votado na xuntanza anual dos arqueólogos chineses como o primeiro entre os dez máis salientables dos lugares descubertos no ano 2004.

Achados O descubrimento máis significativo das escavacións da primeira fase, cunha cronoloxía de -8000 / -7000, foi o elevado número de máscaras de cerámica, con formas humanas e de animais, as máis antigas atopadas en escavacións até agora. En Beifudi foron desenterradas unha ducia de carantoñas con rostro humano, de gato, de macaco e de porco. Unha das caretas humanoides ten o nariz e a boca realizada en baixorrelevo, é dicir relevo tipo exciso, entanto os ollos son realizados polo método de perfurado. Tal descubrimento, inédito en xacementos desta época, e que son dos primeiros artefactos de barro con gravados efectuados por excisión, engade varios milenios á historia chinesa do baixorrelevo.

Eses artefactos, xunto coas plataformas elevadas, ou altares, atopadas, poden fornecer información sobre da relixión primitiva e das prácticas xamánicas da China Setentrional. Aínda que as crenzas desas xentes neolíticas non son coñecidas, os chineses primitivos efectuaban sacrificios rituais e cremación de cadáveres (fanyi) sobre plataformas elevadas. Atopáronse tanto enterramentos de humanos como de animais. Cóidase que as máscaras formaban parte dos ritos a realizar durante os sacrificios e os enterramentos.Lui Xujie. Chinese Architecture. The Origins of Chinese Architecture. Yale University Press, 2002. páxs. 16-18. ISBN 0-300-09559-7

Os obxectos atopados nas escavacións, correspondentes á segunda fase cronolóxica, datábel entre -7000 / -6500, comprenden cerámica e artefactos líticos. A cerámica está formada por recipientes fu de fondo redondo, recipientes asentables, e máis concas bo, así como potes con dupla asa de boca pequena. Os arqueólogos tamén desenterraron os restos de dez cubertas de vivendas semisubterráneas, que estaban concentradas nunha parte do sitio, e nas que aparece unha disposición sistemática, coa cociña e áreas de xuntanza no centro dos habitáculos. Entre os artefactos achados nestas vivendas inclúense bloques de pedra, materiais de construción e pedazos de cerámica rota. Tamén se encontraron pozos de cinzas, lugares de sacrificio, pezas de xade e así mesmo máscaras, con baixorrelevos, de cerámica, moi ben conservadas.

Conclusións Baseándose en datos arqueolóxicos, xeolóxicos e antropolóxicos, os actuais investigadores ven as orixes da Civilización chinesa como a historia das interaccións entre culturas e grupos étnicos moi diferentes que influenciaron o desenvolvemento duns e doutros. Como o sitio de Beifudi atópase na China do Norte, onde o clima é máis seco que na do Sur, é verosímil que a cultura do lugar cultivase paínzo, aínda que non se atopou ningunha evidencia directa de tal feito. O achado de ferramentas de pedra para procesar os alimentos non é unha proba fiable de que a cultura de Beifudi desenvolvese a agricultura, xa que tales instrumentos foron usados desde antes de que aparecese o cultivo.Patricia Ebrey. The Cambridge Illustrated History of China. Cambridge University Press, 2006. páxs. 12-18. ISBN 0-521-43519-X

A importancia do sitio prehistórico de Beifudi asenta no seu potencial para fornecermos información arqueolóxica acerca das crenzas e das prácticas cerimoniais desta primitiva cultura, a través dos antiquísimos artefactos con baixorrelevos aquí atopados, así como datos para comprendermos mellor os comezos da arquitectura chinesa.

Notas

Ligazóns externas Institut of Achaelogy - Chinese Academy of Social Siciences IA CASS Top Ten Archaeological Discoveries of 2004 The Complete Collection of Jades Unearthed in China-Vol.1 Jades Unearthed from the areas of Beijing, Tianjin and Hebei 中国出土玉器全集-第一卷 北京-天津-河北出土的玉器 In Chinese and English bilingual http://www.chinatoday.com.cn/hoy/2005n/52000507/p48.htm Comunicación en China Today

Beifudi (sitio neolítico) Beifudi (sitio neolítico)