Sexismundo de Luxemburgo, nado en Núremberg o 15 de febreiro de 1368 e finado en Znaim o 9 de decembro de 1437, foi emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1410 a 1437 e rei de Hungría e Bohemia, e derradeiro monarca da dinastía Luxemburgo.

Traxectoria Foi o segundo fillo do emperador Carlos IV. Foi marqués de Brandeburgo desde 1378, ao suceder ao seu pai, ata 1388 cando renunciou a favor do seu curmán Jobst de Moravia. Logo da morte deste, en 1411, Sexismundo volveu converterse en marqués de Brandeburgo ata 1415, cando agasallou co territorio desta marca a Frederico I de Núremberg, dando lugar a que a familia dos Hohenzollern pasase a ser a máis importante de Alemaña.

Grazas ao seu casamento con María I de Hungría, Sexismundo ocupou o trono húngaro dende 1386. En 1396 fixo fronte aos turcos de Beyazid I que trataran de atacar o sur de Hungría pero as súas forzas foron derrotadas na Batalla de Nicopolis (actual Bulgaria) e o propio Sexismundo estivo a piques de ser capturado.

Contraeu un segundo matrimonio en 1406, con Barbara de Celje.

No ano 1410, falecido o emperador Roberto e tras unha complicada elección, foi elixido emperador do Sacro Imperio Romano. Os seus opoñentes foron Venceslau de Bohemia, que non aceptou a súa deposición como emperador dez anos antes de Jobst de Moravia, que resultou seleccionado pero faleceu poucos meses despois. Venceslau renunciou a favor de Sexismundo, permitíndolle ser recoñecido emperador de xeito unánime.

Sexismundo reinou dende 1419 en Bohemia, ao suceder a Venceslau pero estivo enfrontado cos husitas durante quince anos, e non foi recoñecido pola maior parte das faccións checas ata o ano 1437.

Tivo unha filla con Barbara de Celje, Sabela (1409-1442) quen casou co emperador Alberte II, que puido suceder ao seu sogro nos tronos de Hungría e Bohemia.

Categoría:Emperador do Sacro Imperio Romano Categoría:Reis de Alemaña Categoría:Reis de Hungría Categoría:Reis de Bohemia Categoría:Casa de Luxemburgo Categoría:Nados en 1368 Categoría:Finados en 1437 Categoría:Nados en Núremberg