San Cristovo de Armariz é unha parroquia do concello ourensán de Nogueira de Ramuín na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 204 habitantes (101 homes e 103 mulleres) distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 15 habitantes en relación ao ano 2000.

Patrimonio

Igrexa de San Cristovo de Armariz A igrexa de San Cristovo de Armariz edificouse no século XII. Existe un escrito de 1182 no que o rei Fernando II doa dita igrexa ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. A concesión destes privilexios supuxo que esas terras se encontran sometidas ao mosteiro e este ten dominio sobre o territorio. miniatura|Canzorros na igrexa de San Cristovo de Armariz. Esta igrexa atópase algo afastada do núcleo de poboación, apartada das aldeas da súa contorna e está rodeada polo cemiterio. É de estilo románico tardío. Na actualidade utilízase só para actos funerarios. Existen varios elementos da construción que confirman a antigüidade da igrexa, como os canzorros da cornixa, a portada ou a planta. Como era tradicional na Idade Media, a súa porta principal está orientada para o oeste e a ábsida para o leste. Crese que na entrada do atrio houbo un cruceiro, agora inexistente, no lugar que agora ocupa o gran carballo que a preside.

A igrexa permaneceu inalterada durante séculos. A primeira obra da que se ten constancia é de 1682. Foi a construción da sancristía, hoxe desaparecida, que se engadiu á parte esquerda do presbiterio, pola parte exterior do seu lateral norte, que abriu a correspondente porta a través do muro da igrexa. Cando as cerimonias parroquiais se trasladaron á capela de San Ramón, esta porta foi tapiada e a sancristía desmontada.

Na parede esquerda da igrexa construíuse un habitáculo con paredes de pedra dunha altura de dous metros que foi utilizado como osario. Alí depositábanse os restos óseos que se retiraban da terra do cemiterio e os que aparecían ao escavar novas sepulturas.

No ano 1731 inaugurouse o retablo da capela maior da igrexa que, tanto polo custo como polo número de artesáns que interviron na súa construción, foi unha obra de grande envergadura. Non houbo máis obras ata 1754, cando se construíu o campanario que loce actualmente.

Na igrexa hai tres altares laterais, ademais do altar maior dedicado a San Cristovo.

A pía bautismal é de grandes dimensións con decoración de motivos xeométricos no seu exterior e orixinaria do século XIII. No bordo superior ten dúas argolas de ferro opostas, que se usaban para pasar unha barra de ferro e así cerrar a tapa de madeira que a cubría cun parafuso. A pía de auga bendita é moito máis sinxela, a súa época é indeterminada, pero posiblemente sexa coetánea da pía bautismal.

Actualmente presenta un estado de abandono, motivado pola esixencia das autoridades culturais da Xunta de Galicia. Non se permite tocar os paramentos á espera de que os técnicos de restauración artística os examinen na busca de frescos antigos.

Lugares e parroquias Lugares de Armariz

Parroquias de Nogueira de Ramuín

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Lugares de Nogueira de Ramuín

Ligazóns externas Lembranzas de Armariz blogspot.com

Categoría:Parroquias de Nogueira de Ramuín Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cristovo