Francia () (), oficialmente República Francesa () () é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.

Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita co Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é do tipo capitalista cunha intervención estatal significativa dende o fin da segunda guerra mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.

Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Historia

A Francia actual é un país de lingua románica con superestrato xermano que ocupa a maior parte da antiga Galia celta conquistada por Xulio César.

Evolución do nome «Francia» e do seu territorio 250px|esquerda|miniatura|Bautizo de Clodoveo I, rei dos francos. O país tomou o seu nome dos francos, pobo xermánico cuxo nome significaba «homes libres». Os francos foron unha tribo que invadiu a Galia no século V, nos tempos da desintegración do Imperio Romano de Occidente. Os francos e os galos (xermanos os primeiros e celtas os segundos, ambos indoeuropeos) fusionados e xunto a outros grupos importantes, deron orixe aos franceses. Aínda na actualidade adóitase empregar "franco" ou "galo" para se referir ao que é "francés" ou ao que está en relación cos franceses.

Inicialmente, a palabra latina Francia designou a rexión do norte de Europa, poboada, ou máis ben dominada, por pobos guerreiros xermánicos autodenominados francos. Francia é unha adaptación latina do século III.do termo franco, nome que daban os francos aos seus dominios, entón situado probablemente na actual Flandres belga. En efecto, dende os séculos III e IV os romanos xa tiñan contactos cos francos, a quen enrolaban como mercenarios no seu exército, xa antes das invasións propiamente xermánicas. A denominación Francia non tiña daquela unha connotación política senón xeográfica ou sociolóxica, coma o Magreb ou os Balcáns no século XXI. Os francos eran ante todo un pobo de guerreiros que elixía un xefe caudillo, a quen nomeaban rei dos francos e que constituía a máxima autoridade para asuntos militares. Naqueles tempos a guerra considerábase o valor por excelencia da liberdade e isto fixo que co tempo o termo franco se convertese en sinónimo de libre.

En 1204, a palabra Francia designou, por vez primeira, o territorio sobre o cal exercía a súa autoridade o rei dos francos, a quen comezou a chamarse rex Francie. A autoridade dos reis francos sobre os señores do que se chamaba reino franco só constituía unha autoridade de señor a vasalo, de home a home. O vencello que unía as diferentes tribos francas era tan só de tipo militar, para facer a guerra. O rei franco só era señor no dominio territorial de seu. O feito de que o rei franco compartise costumes e cultura cos outros señores non significaba que mandase nos territorios e nas xentes dos territorios dos señores francos. O rei franco só era un xefe de guerra, non un xefe de estado.

É por isto polo que se compara o concepto de Europa de 1957, na que existe unha unidade de mando con respecto a un único tema, co modelo de reinado do rei franco. Para o rei franco, o que lle daba unidade a todos os territorios era a guerra de defensa do reino franco, mentres que para os europeos de 1957 era a economía de Europa (CECA). Para que fose recoñecido o concepto dunha autoridade civil de rei sobre un territorio habería que agardar ata o século XV cando, polas boas ou pola forza, así o entenderon a inmensa maioría dos señores.

A comezos do século XVI o concepto de res publica ("cousa pública") reaparece timidamente logo de esvaecer coa caída do Imperio Romano. En 1499, o contrato de casamento do rei Lois XII de Francia con Ana da Bretaña, que dispuña da propiedade de Francia, intentou, sen éxito, constituír un compromiso non só entre os asinantes, senón tamén entre os seus descendentes e mesmo os seus sucesores. O concepto de nacionalidade francesa comezouse a definir naquela época.

É tamén cara a esta época cando se iniciou o embrión do estado. Ata a metade do século XVI, o rei era un nómade que se desprazaba ao longo de tódalas súas terras, sen ficar nunca máis dalgunhas semanas na mesma residencia, o cal limitaba singularmente as posibilidades de centralismo das funcións estatais.

A principios do século XVII, a política exterior de Francia comezou a ir alén da defensa e da agresión militar directa ao introducir Richelieu a diplomacia como medio para facer levar a cabo as súas guerras por outros países.

A revolución francesa constitúe a partida de nacemento da nación francesa, e do pobo francés como actor político. Son as guerras napoleónicas, e sobre todo as grandes guerras de 1870, 1914 e 1939, as que conformaron a imaxe mental de Francia compartida polos franceses. As dificultades económicas vinculadas á globalización da primeira e segunda metade do século XX exacerban (como no resto de Europa) este sentimento nacional no nacionalismo.

Prehistoria, protohistoria e antigüidade

200px|miniatura|Escena da rendición de Vercingetorix ante César. A presenza humana sobre o territorio francés remóntase ao paleolítico inferior. Unha das localizacións máis antigas (1 800 000 anos a. de C.) onde se poden atopar vestixios dun asentamento humano é na localidade de Chilhac (no Alto Loira). Varios lugares franceses con datacións posteriores deron o seu nome a facies culturais, como o Achelense, o Musteriano, o Solutreano ou o Magdaleniano.

Ao longo do territorio francés atópanse un número importante de covas adornadas do paleolítico superior, das cales a máis coñecida é a cova de Lascaux (Dordoña) cuxas pinturas remóntanse 15000 a.C. A partir de 7000 a.C. aproximadamente, a rexión entrou no neolítico, o asentamento máis antigo coñecido é o lugar de Courthézon (Vaucluse), datado de 4.560 a.C. aproximadamente.

Aló polo ano 900 a.C. os celtas chegaron e instaláronse no territorio da actual Francia ata ocupar o conxunto no século III a.C. Por outra banda cara ao ano 680 a.C., os primeiros colonos gregos comezaron a instalarse no litoral mediterráneo, fundando a colonia grega de Antibes.

Cara ao ano 125 a.C. a Galia Narbonense, pasou a estar baixou o dominio romano. O dominio romano seguiu espallándose logo da guerra das Galias ata ocupar todo o territorio da actual Francia no ano 51 a.C. Baixo o Imperio Romano desenvolveuse unha próspera civilización galo-romana, achegando a Francia unha base de cultura latina e conducindo indirectamente á súa cristianización, a cal tería lugar nun lento proceso comezado no século II e rematado no século VI.

A Francia merovinxia e carolinxia

A partir do século V comezou a época das migracións bárbaras á Galia, destacando a presenza de varios pobos entre os cales se atopaban os burgundios, os visigodos e os francos.

Unha gran parte das rexións que constitúen a Francia actual uníronse baixo o dominio de Clodoveo I no ano 507, quen conseguiu reunir baixo a dominación franca, ou regnum francorum, os reinos e teritorios dos alamanos, os burgundios e os visigodos no norte dos Pireneos. Este "reino dos Francos" que se estendía sobre o que aínda se chamaba a Galia instaurouse coa lexitimidade e unidade que lle outorgaba a herdanza cultural romana. O reino franco, durante a dinastía dos Merovinxios, estivo á mercé das herdanzas dos herdeiros de Clodoveo, dividíndose e reuníndose logo durante varias ocasións. Cando estiveron divididos, estes reinos ulteriores eran a Neustria (París), a Austrasia (Metz), a Borgoña (Chalon-sur-Saône) e a Aquitania (Bordeos).

Na segunda metade do século VIII Pipino o Breve, rei non merovinxio dos Francos, estende considerablemente o reino dos Francos, pronto erixido en Imperio polo seu fillo Carlomagno e o seu neto Lois o Piadoso (Louis le Pieux). Logo da morte de Luís, o seu dominio é compartido en tres partes onde a autoridade central se afunde rapidamente, volvendo a organización da rexión á situación anterior: a Francia orientalis (ao leste), a Francia occidentalis (ao oeste) e entre as dúas a efémera Lotarinxia, dominio dun emperador moi teórico.