Raziel é un personaxe de videoxogos, tendo un rol principal na saga de videoxogos Legacy of Kain, especificamente en Legacy of Kain: Soul Reaver, Legacy of Kain: Soul Reaver 2, e Legacy of Kain: Defiance. Raziel é un antiheroe e un espectro (como é chamado en Defiance), e a medida que o xogo progresa, a súa historia é revelada cara a atrás. Antes de ser espectro foi vampiro, e moito antes, un humano sacerdote da Orde guerreira dos Sarafan.

O nome de Raziel, cuxo significado en hebreo é Segredo de Deus, está baseado no do príncipe dos querubíns. Segundo a mitoloxía, debido á súa proximidade ao trono de Yahvéh, o arcanxo Raziel tomou nota de todo aquilo que este dixo e plasmouno no chamado Sefer Raziel HaMalach (O libro de Raziel) que está considerado como un libro de maxia.

Historia Como Sacerdote Sarafan

Raziel naceu uns 520-550 anos antes da caída dos Alicerces, e eventualmente converteuse nun dos guerreiros Sarafan, adquirindo postos nos altos rangos. El, xunto con outros cinco guerreiros Sarafan, Turel, Dumah, Rahab, Zephon, Melchiah, Malek (este último non é convertido en vampiro por Kain) asediaron o retiro da montaña de Janos Audron, asasinando o ancián vampiro e arrincándolle o corazón, coñecido como o Corazón da Escuridade, roubándolle ademais a Soul Reaver, a antiga arma sagrada dos vampiros, que estaba baixo custodia do ancián. De regreso á fortaleza dos Sarafan, os seis guerreiros son asasinados por un espectro que, aínda que o mesmo Raziel non o sabía, tratábase do seu propio eu futuro. Os guerreiros son momificados como mártires e Raziel é venerado como heroe por acabar con Janos Audron.

A non-vida vampírica

Aproximadamente mil anos despois da súa morte, Raziel é resucitado por Kain como vampiro, logo de que este roubase a súa alma do inframundo. Logo Kain faría o mesmo cos outros cinco guerreiros Sarafan. Resucitados como vampiros, ningún dos "irmáns" recordaba o seu pasado como Inquisidores Sarafan. Transformados nos lugartenentes da nova lexión de Kain, cada un creou o seu propio clan vampírico, e en menos de cen anos reduciron a humanidade ao bordo da extinción, conquistando todo Nosgoth.

Logo de milenios de servizo a Kain, Raziel tivo unha aceleración na súa evolución vampírica, crecéndolle un gran par de ás nas costas. O día en que os líderes dos clans se reunían ante Kain, Raziel apareceu exhibíndoas, e foi executado publicamente por Kain, supostamente por celos, aínda que logo desvelaríase que todo estaba deliberadamente planeado por Kain, para desencadear os efectos que o axudarían na súa procura dunha saída ao destino que se lle impuxera. Guindado ao Lago dos Mortos, a alma de Raziel quedaría atrapada neste por outros milenios máis, ata a súa liberación como espectro.

O Segador de Almas

Liberado da Roda do Destino, Raziel atópase fronte ao Deus Ancián, un monstruoso ser que insta a Raziel a que aniquile a Kain e aos seus irmáns, baixo a escusa de restaurar o equilibrio de Nosgoth. Agora como criatura dos planos espectrais, Raziel xa non era máis un vampiro, e a súa sede era máis sinistra agora: no canto de sangue, Raziel debería alimentarse de almas.

En busca de vinganza, Raziel vai explorando todo Nosgoth, agora desértico e corroído, e no seu camiño descobre que o seu clan foi reducido a un só vampiro, o último fillo vampiro de Raziel que sobreviviu grazas a que Dumah o adoptara como seu, e a quen Raziel asasina, logo continúa a súa viaxe aniquilando os seus irmáns polo camiño (fóra Turel, quen para ese momento non se atopaba nesa liña de tempo), e enfróntase a Kain no Santuario dos Clans. Durante a batalla, a Soul Reaver de Kain rompe xusto cando Kain pretendía darlle o golpe mortal (por mor dun paradoxo temporal, como Raziel se daría conta máis adiante), e Raziel é enviado de regreso ao plano espectral, onde atopa o espírito voraz da Soul Reaver e únea ao seu brazo, transformándoa na súa arma simbiótica. Despois, Raziel terá o seu primeiro encontro co espectro de Ariel, quen lle será de axuda, dándolle mensaxes crípticas sobre os distintos lugares de Nosgoth.

Durante a súa viaxe, Raziel descobre a tumba dos mártires Sarafan, descubrindo a súa orixe pasada, o que incrementa o seu odio por Kain. Buscando vinganza pola súa execución e pola súa blasfema resurrección, Raziel chega á Caverna do Oráculo, onde está escondida a Cámara do Cronoplasto de Moebius. Alí espérao Kain quen o advirte sobre os acontecementos vindeiros, e logo esvaece no fluxo espazo-temporal. Raziel vese obrigado a seguilo cara ao seu descoñecido pasado.

Alma viaxeira do tempo

Desviado do seu camiño polo mesmísimo Moebius, Raziel chega ao pasado de Nosgoth, 30 anos antes da caída dos Alicerces. Raziel intenta matar a Moebius coa súa segadora pero esta é inutilizada pola vara maldita de Moebius quen falsamente se mostra sorprendido ante Raziel pola desaparicion da segadora. Raziel novamente trata de matar a Moebius coas súas mans pero Moebius revélalle que sería Kain o seu asasino; despois de todo "a todos nos chega a hora" desta forma responde Moebius. Ante un incrédulo Raziel, Moebius explica como a curación de Nosgoth dependía da morte de Kain e comeza a súa manipulación sobre o espectro, alentándoo a asasinar o seu mestre. Durante o seu camiño pola gorida de Moebius, Raziel atopa a tumba de Guillerme o Xusto, sobre a cal está a Soul Reaver desa época, rota logo da súa batalla contra Kain. Creando un novo paradoxo temporal, a Soul Reaver física e a espectral atada á man de Raziel únense, logrando reparar a Soul Reaver física; nese instante aparece Moebius, Raziel enfurecido pídelle unha razón para non matalo nese mesmo instante. Moebius engana a Raziel para que este lle perdoe a vida cando Raziel solta a Reaver física e marcha mentres Moebius rumorea que esa sería a súa única oportunidade de matalo. Logo disto, Raziel ábrese camiño cara aos alicerces, onde o está a esperar Kain. O espectro chega xusto no momento no que Ariel era asasinada, os Alicerces quedaban corruptos pola tolemia de Nupraptor e Kain nacía como humano. Kain comeza entón a amosar a Raziel algúns datos que aprendera ao longo dos séculos para atopar unha saída ao dilema que Moebius lle obrigou a aceptar, saída na que Raziel xogaría un papel fundamental.

Eventualmente, Raziel atópase co Deus Ancián, ante quen se mostra un pouco rebelde a medida que vai adquirindo información. Durante a súa viaxe, Raziel chega a unha antiga forxa elemental aliñada coa Reaver, e alí atópase co vampiro Vorador. Este revélalle, aínda que de xeito críptico, parte da profecía vampirica, ademais de darlle un novo obxectivo: buscar o vampiro Janos Audron. De regreso á gorida de Moebius, na capela de Guillerme, Kain interponse no seu camiño, explicando esta vez as razóns polas que o transcurso da historia pode ser alterado malia que esta sexa imposible de cambiar ao estaren todas as almas encadeadas a un destino premeditado. Kain revelou que dúas Soul Reavers en contacto, dúas entidades prisioneiras intentando devorarse a unha á outra, son capaces de provocar un paradoxo temporal capaz de cambiar acontecementos. Ese lugar estaba destinado a ser o escenario no que Raziel matase a Kain e restablecese o equilibrio de Nosgoth, con todo Raziel tomou a decisión de non facelo, cambiando así o transcurso da historia. Kain, reconfortado, decidiu seguir cos seus propios plans e deixou a Raziel continuar a súa busca.

Ao chegar ás cámaras de fluxo temporal, Raziel atopou a Moebius a quen obrigou a configurar a máquina para retroceder uns cinco séculos no pasado, aínda que Moebius traizoouno e enviouno un século cara ao futuro. Tras comprender a traizón, Raziel buscou unha forma de regresar pola súa conta e risco á época á que ansiaba acceder. Na súa viaxe atopouse cun novo engano de Moebius en forma de espírito, e de novo coa pantasma de Ariel nos Alicerces.

Finalmente, Raziel pode escapar desa época utilizando un dispositivo de fluxo temporal abandonado, e regresar á do apoxeo dos Sarafan, seiscentos anos no pasado, na que Janos Audron aínda non morrera. Para chegar ata o vello vampiro, Raziel tivo que construír un camiño que lle permitiu acceder desde a base do refuxio de Janos ata a altísima cámara onde este agardaba. Raziel reuniuse con Janos, quen o aleccionou sobre a función que os Alicerces realizaban e o erro que supoñía que estivesen baixo control humano e non vampírico. Así mesmo reveloulle a misión que o sustentou durante todos estes séculos: entregar a Reaver ao heroe que salvaría a raza vampírica, a Raziel. Foi entón cando o seu Eu anterior, Raziel o Sarafan, irrompe na sala, á que accedeu grazas ao camiño que Raziel espectro construíra. Guindado por Janos a unha cámara adxacente para protexelo, Raziel puido regresar xusto a tempo para ver ao seu antigo Eu inmobilizar a Janos utilizando a vara de Moebius, partir o seu peito en dous, arrincar o seu corazón e fuxir con este á fortaleza Sarafan.

Raziel viu morrer a Janos nos seus brazos non sen antes aceptar a misión que este preparara para el e renegar con odio visceral do seu anterior pasado, o cal cría puro e nobre. Alimentado pola ira, Raziel regresou á fortaleza Sarafan en busca de vinganza. Alí atopou a Reaver, exposta sen protección ningunha. Nese intre Moebius aparece, defendido por Malek, e prívao da súa espada espectral, obrigándoo a asir a Reaver, para despois encerralo. A única saída de Raziel condúceo a encarar os seus antigos irmáns Sarafan, a quen mata con satisfacción ao comprender o destino que os agardaba. Para rematar, Raziel atopou o seu Eu Sarafan, con quen se enfrontou e asasinou, pechando o ciclo da súa historia. Este feito provocou que a historia forzase que a Reaver consumise a alma de Raziel xa que doutro xeito todos os acontecementos que ocorreran a partir deste momento deixaran de existir. Raziel comprendeu entón que a entidade que sempre posuíra a Reaver era e fora el.

Na liña de tempo non alterada, a Reaver consome a alma de Raziel, pechando o círculo da Soul Reaver. Na liña alterada, Kain aparece e salva a Raziel. Isto causa un paradoxo que cambiou os futuros acontecementos a partir dese intre, creando un futuro caótico onde os hylden toman o poder de Nosgoth (os acontecementos relatados en Blood Omen 2).

O círculo do destino

Raziel permaneceu no reino espectral por un período igual ao de cincocentos anos no plano físico ata que conseguiu escapar da carga do Deus Ancián. Debido á súa rebelión, o Deus Ancián quitoulle a Raziel os portais para entrar no reino físico aínda que este atopou un modo algo máis basto de levar a cabo tal acción: mediante a súa proxección en cadáveres en descomposición.

Tras atopar a Vorador, Raziel pídelle explicacións sobre a forma de cambiar o seu destino e evitar así converterse no famento espírito cativo da Reaver; Vorador non ten as respostas. Con todo, conduciu a Raziel ante o corpo inerte de Janos Audron e reveloulle a forma de facelo resucitar e obter dese modo as respostas que requiría: recuperar o corazón de Janos roubado e devolvelo ao cadáver do lendario vampiro.

Así pois, Raziel diríxese á catedral do Averno onde supostamente esta o Corazón da Escuridade. Nas catacumbas desta catedral atópase con Turel, o único dos seus irmáns que non aniquilara no futuro. Turel, agora parasitado por entidades hylden, era coñecido como o avatar de Hash'ak'gik. Logo dunha batalla forzada, Raziel absorbe a alma do seu irmán, aínda que algúns dos hylden que infectaban a Turel contaxiaron parcialmente a Raziel. Á saída do foso, Raziel sorprendeu a Mortanius a quen preguntou pola situación do Corazón da Escuridade. A sorpresa foi maiúscula ao coñecer que dito órgano fora utilizado por Mortanius para resucitar a Kain como vampiro e que era en realidade o corazón que latexaba dentro de Kain. Loitando por vencer as forzas que o posuían, Mortanius esvaeuse para seguir cos seus plans deixando a Raziel confuso.