Ramón Vázquez García, máis coñecido como Ramón, nado en Alcalá de Guadaíra o 14 de febreiro de 1964, é un exfutbolista español. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.
Criouse na canteira do Sevilla FC, club no que desenvolveu case toda a súa carreira futbolística. A súa progresión truncouse por unha grave lesión de xeonllo en 1992.
Traxectoria Seu pai era o futbolista Eugenio Vázquez, que xogou entre outros no Betis, mentres que súa nai traballara un tempo na casa de Ramón Sánchez-Pizjuán, presidente do Sevilla FC.
Criouse futbolisticamente na canteira do Sevilla FC, debutando co primeiro equipo en Primeira División na tempada 1982/83. Combinou o filial co primeiro equipo ata 1985, cando saíu cedido ao Recreativo de Huelva, na Segunda División. Co club decano fixo unha gran tempada, anotando 15 goles, e ao seu regreso en Sevilla gañou a titularidade e sumou 16 goles en liga e un en Copa.
Continuou no club hispalense ata 1992, contabilizando un total de 244 partidos e 51 goles. En xuño de 1992 comprometeuse co Deportivo da Coruña para a tempada 1992/93 pero disputou antes un último partido co Sevilla, correspondente á derradeira xornada da 1991/92 fronte ao Valladolid. Nese partido sufriu unha grave lesión tras unha entrada de Vicente Engonga, rompendo os ligamentos do seu xeonllo esquerdo. Un ano e un mes despois, e sen se ter estreado co Deportivo, foi traspasado ao Racing de Santander, que acababa de ascender a Primeira. Con todo, volveu ao Deportivo uns días despois, ao non pasar con éxito o seu xeonllo o recoñecemento médico.
Finalmente, debutou co Deportivo no Teresa Herrera 1993, na final de consolación fronte á Lazio. Entrou no campo preto do final, como substituto de Alfredo e anotou o gol do empate e logo o derradeiro e decisivo lanzamento na quenda de penaltis. Disputou tamén o Trofeo Juan Acuña fronte ao Universidad Católica de Chile, xogando de novo os minutos finais e marcando outro gol. Con todo, non entrou nos plans de Arsenio e foi cedido ao Albacete, onde dispuxo de poucos minutos durante a tempada. En agosto de 1994, con 30 anos, anunciou a súa retirada.
Tras a súa retirada volveu ao Sevilla FC, incorporándose á secretaría técnica do club.
Selección española Foi internacional coa selección española en tres ocasións. Debutou con esta o 21 de xaneiro de 1987 fronte aos Países Baixos no Camp Nou. Marcou un único gol coa selección, nun amigable fronte a Inglaterra no Santiago Bernabéu.
Vida persoal Seu pai, Eugenio Vázquez, foi futbolista entre outros do Betis e o Recreativo de Huelva. O seu fillo Javi Vázquez, tamén futbolista, milita no UD Ibiza.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en futbol.sportec.es
Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados en Alcalá de Guadaíra Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Sevilla Atlético Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España