Edelmiro López Iglesias, nado en Bilbao en 1960, é un economista e político nacionalista galego. É autor de varios libros e numerosos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.
Traxectoria Doutorouse en Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario de Licenciatura e de Doutoramento. Desde 1984 vén desenvolvendo a súa actividade profesional como profesor no Departamento de Economía Aplicada da propia USC. Ademais de 1999 a 2005 ocupou o posto de Director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).
A súa investigación viuse centrando nos campos da economía e política agraria, o desenvolvemento rural e a economía galega, nos que ten dirixido catorce proxectos de investigación financiados por diversas entidades e participado como investigador noutros quince. Ten realizado estadías en diversas Universidades e centros de investigación estranxeiros, e actuado como consultor de diferentes organismos internacionais no ámbito das políticas agrarias e de desenvolvemento rural.
De agosto de 2005 a abril de 2009 ocupou o cargo de Director Xeral de Desenvolvemento Rural na Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, asumindo tamén as responsabilidades de Director Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e Director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo encargado da xestión en Galiza das axudas da Política Agraria Común (PAC).
Categoría:Políticos do BNG Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1960