A liña ferroviaria Monforte de Lemos-Redondela, coñecida historicamente como liña Monforte de Lemos-Vigo, é unha liña de ferrocarril de largo ibérico da rede ferroviaria de España, que une as cidades de Monforte de Lemos e Vigo, pasando por Ourense. Entrou en funcionamento en 1885, orixinalmente até Vigo, pero en 2011 o tramo final desmantelouse tras comezar a operar o eixe atlántico de alta velocidade. Ten 166,8 km de lonxitude, e facilita as conexións entre o sur de Galicia e a Meseta Central e o norte da Península Ibérica. Segundo a catalogación de Adif é a «liña 810».Red ferroviaria española Ministerio de Fomento

Historia

Antecedentes Os primeiros proxectos para unir ambas as cidades pasando por Ourense, con vistas a enlazar coa rede portuguesa en Valença grazas a un ramal dende Guillarei, datan dos estudos dos enxeñeiros Boguerín e Boquenio en 1859 e 1860. O 15 de outubro de 1861 realizouse unha poxa para a concesión e construción do tramo Vigo-Ourense, no que traballara Boguerín. O 2 de marzo de 1863 houbo unha segunda poxa outorgada a Juan Flórez Freire, membro do consello de administración da Compañía del Ferrocarril de Medina del Campo a Zamora, que tras a nova concesión pasou a chamarse Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo. Posteriormente adxudicouse o outro tramo do trazado, entre Ourense e Monforte de Lemos.

Construción Se ben as obras comezaron axiña, os traballos suspendéronse en varias ocasións por mor de diversos avatares económicos, como a quebra da banca de Rafael Bertrán de Lis ou a crise económica de 1873. En 1878 rematáronse os tramos Vigo-Guillarei, Guillarei-Caldelas de Miño e Caldelas de Miño-Salvaterra de Miño.Cronología básica del ferrocarril español de vía ancha Fundación de los Ferrocarriles Españoles En 1879 chegouse ás Neves, e en 1881 rematáronse os dous últimos tramos desta sección da liña entre Arbo e Salvaterra de Miño e entre Arbo e Ourense.

O tramo entre Ourense en Monforte de Lemos rematouse en dúas fases: en 1884 construíuse o tramo Ourense-Os Peares e en 1885 a prolongación até Monforte de Lemos. O 15 de maio dese ano consegiuse poñer en funcionamento a totalidade da liña.

Evolución Debido ás dificultades económicas, en 1928 a Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo pasou a depender da Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste, compañía estatal creada en auxilio das diferentes empresas privadas que xestionaba trazados, sen que iso mellorase sensiblemente a situación. En 1943 tanto Oeste coma o resto de compañías privadas españolas integráronse en RENFE, que xestionou a liña até a súa división entre Renfe Operadora e Adif a finais de 2004.

Melloras na liña A apertura en 2011 do eixe atlántico de alta velocidade trasladaron o remate da liña de Vigo a Redondela ao desmantelarse os últimos quilómetros. Entre novembro de 2022 e novembro de 2024 estivo cortada a circulación entre Ourense e Monforte de Lemos debido ás obras de modernización da liña para a chegada de trens de alta velocidade e a súa adaptación aos estándares do Corredor Atlántico. Os servizos nese tramo realizáronse en autobús e taxi. A vía levantouse e reconstruíuse de novo, incluíndo nova catenaria e pórticos aptos para catenaria 25 Kv, nova vía (carril, balasto e travesas), nova sinalización e reforma de estacións.

Características A liñea entre Monforte de Lemos e Redondela é un trazado de 166,8 km de vía única en largo ibérico (1668 mm), electrificado a 3000 V. Emprega un bloqueo automático en vía única con CTC (control de tráfico centralizado). A velocidade máxima permitida nesta liña convencional sitúase entre os 155 e 160 km/h en todo o seu percorrido.

Tráfico ferroviario A liña tivo historicamente un tráfico importante tanto de media distancia coma de longo percorrido, se ben diminuíu ao entrar en servizo a liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia. Por esta liña discorren o Alvia que une Vigo con Barcelona e a liña 6 (Vigo-León/Ponferrada). Ademais, parte do traxecto do tren Celta que une Vigo e Porto. Ademais, en 2010 unha media de dez trens de mercadorías empregaban esta liña.

Categoría:Liñas de ferrocarril en Galicia