San Xoán de Amorín é unha parroquia do concello de Tomiño na provincia de Pontevedra. Segundo o IGE, en 2022 tiña 1.314 habitantes (691 homes e 623 mulleres), o que supón un aumento respecto do ano 1999 cando tiña 729 habitantes. Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.

Patrimonio A igrexa de San Xoán de Amorín foi construída no ano 1780. Presenta trazos barrocos, pero conserva o carácter románico. Con anterioridade estaba localizada no barrio do Baceiro. Na actualidade, atópase nunha explanada arredor do adro. Alí érguense árbores de distintas especies. Este recinto está presidido por un cruceiro de 1900.

O castelo, do que só fican ruínas, foi construído enteiramente polo capitán xeneral de Galicia Vicente Gonzaga cara ao ano 1657. Foi ampliado, máis tarde, cunha obra coroada por don Luis de Poderico. Tras a ampliación, o primitivo edificio, viuse mellorado cun recinto de dous baluartes enteiros, dous medios e tres revelíns de revestimento exterior, todo isto co seu correspondente foxo e camiño cuberto. Así mesmo, construíuse unha plataforma de artillaría cara ó río. Este castelo tiña varias dependencias interiores, como a casa do Gobernador, cuarteis e corpos de garda. Trátase dunha fortaleza de construción terreña con profundos foxos. Xa nos informes militares do século XVIII descríbeno nun estado ruinoso. Na actualidade, esta fortificación atópase mergullada entre a vexetación.

As areeiras de Amorín son un embarcadoiro fluvial así denominado porque, antigamente, unha empresa adicábase á extracción de area do río neste lugar. Esta tarefa, moi expandida o longo do Miño, caeu en desuso. Aquí, os pescadores do Miño, concentran unha pequena frota pesqueira de embarcacións en forma de media lúa, de orixe nórdico que navegan a remo, a vela ou a motor. Cos trasmallos, lampreeiras, alcharifes e outras redes pescan peixes sabre, lampreas, salmóns, meixóns, e demais especies do río.

Lugares e parroquias miniatura|Cruceiro, ano 1900. Lugares da parroquia de Amorín

Parroquias de Tomiño

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Tomiño

Categoría:Parroquias de Tomiño Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xoán