La battaglia di Algeri é un filme italoalxeriano de 1965, dirixido por Gillo Pontecorvo, en branco e negro, baseado na guerra de Independencia de Alxeria.

A idea de filmar esta película naceu dun proxecto do primeiro goberno independente de Alxeria, dirixido por Ahmed Ben Bella, que foi proposto a directores italianos de cine social.

A primeira idea partiu do futbolista retirado, e antigo dirixente da FLN, Yacef Saadi. En 1964 o goberno de Alxeria encargou a Saadi buscar un director italiano que rodase a que sería a primeira película de ficción alxeriana.

O resultado foi unha das mellores películas sobre colonialismo, terrorismo e movementos revolucionarios. Aínda estar rodada coma se fose un documental, a acción non perde ritmo en ningún momento da película.

A película gañou o León de Ouro á mellor película no Festival Internacional de Cine de Venecia de 1966.

Sinopse

Ali La Pointe (Brahim Hadjadj) é un ladrón analfabeto cun longo historial delituoso, que malvive nas rúas de Alxer. Tras ser detido, nun dos seus ingresos a prisión contempla dende a ventá da súa cela a execución dun preso vinculado ao nacionalismo alxeriano. Este feito faille tomar conciencia da opresión colonial francesa sobre Alxeria, e decide enrolarse despois de fuxir, na Fronte de Liberación Nacional, para rematar sendo, na fin da película, un dos seus máximos responsables.

A trama comeza polo final, situando a acción no 7 de outubro de 1957, dende onde se inicia un flashback que mostra a toma de conciencia e implicación no movemento nacionalista alxeriano do personaxe principal.

Galardóns 1966 - Premio "FIPRESCI Price" a Gillo Pontecorvo; Premio "León de Ouro" a Gillo Pontecorvo (Festival de Cine de Venecia) 1967 - Premio "Silver Ribbon" a Marcello Gatti por mellor fotografía en branco e negro; Premio "Silver Ribbon" a Gillo Pontecorvo como mellor director; Premio "Silver Ribbon" a Antonio Musu como mellor produtor (Italian National Syndicate of Film Journalists); Un nomeamento ao "Óscar" como mellor película en lingua estranxeira (Academy Awards, USA) 1968 - Premio "Kinema Junpo Award" á mellor película en lingua estranxeira (Kinema Junpo Awards) 1969 - Un nomeamento ao "Óscar" a Gillo Pontecorvo como mellor director; un nomeamento ao "Óscar" a Francisco Solinas e Gillo Pontecorvo por mellor argumento e guión 1972 - Premio "UN Award" (BAFTA Awards)

Comentarios Un dos seus protagonistas Youcef Saadi, caracterizado na película como Saadi Kader, foi un dos fundadores do FLN alxeriano. A súa exhibición en Francia foi vetada até 1971 e incluso o xeneral Massu (encarnado na película no personaxe do Coronel Mathieu) escribiu un libro homónimo á película no que definía os métodos de tortura usados polo exército francés en Alxeria como unha crueldade necesaria: Non me asusta a palabra tortura, pero penso que na maioría dos casos os militares franceses víronse obrigados a utilizala para vencer ao terrorismo alí, afortunadamente, os nosos métodos foron infantís comparados cos que practicaron os rebeldes. A situación levounos a certa ferocidade, é certo, pero permanecemos dentro da lei do ollo por ollo, dente por dente. As escenas de torturas foron censuradas nos Estados Unidos e no Reino Unido. En España non foi exhibida até moito despois da morte de Franco. Segundo informacións, o filme foi utilizado polo Departamento de Defensa de EUA para ilustrar a formación das tropas destinadas a lugares como Iraq .

Véxase tamén Outros artigos Filmes propostos ó mellor filme internacional na 39ª edición dos Óscar Filmes de Italia propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Ligazóns externas La batalla de Argel, por Álvaro Vargas Llosa

Categoría:Filmes de 1965 Categoría:Filmes en lingua italiana Categoría:Filmes en lingua árabe Categoría:Filmes de Italia Categoría:Filmes de Alxeria Categoría:Filmes rodados en Alxeria Categoría:Filmes sobre terrorismo Categoría:Filmes dirixidos por Gillo Pontecorvo Categoría:Filmes con banda sonora de Ennio Morricone Categoría:Filmes gañadores do León de Ouro Categoría:Filmes ambientados en 1954 Categoría:Filmes ambientados en 1956 Categoría:Filmes ambientados en 1957 Categoría:Filmes ambientados en 1960