Nirvana foi un grupo estadounidense cun estilo musical que mesturaba a actitude punk e rock'n'roll, denominado posteriormente grunge, que tivo o seu mellor momento a comezos dos anos noventa. O grupo formouse en Aberdeen, Washington, no ano 1987. O seu líder foi Kurt Cobain, acompañado de Krist Novoselic (baixo) e Dave Grohl (batería). Dave non formou parte da primeira formación do grupo, tempo no que se produciu o disco Bleach, no que aínda tocaba a batería Chad Channing, senón só a partir do segundo disco, Nevermind, o cal levounos á fama, co himno xeracional "Smells Like Teen Spirit". O seu terceiro e derradeiro álbum de estudio foi In Utero, para moitos o seu mellor traballo. A banda foi formada no medio underground da cidade de Seattle, nos Estados Unidos. A historia da banda rematou coa polémica morte de Kurt Cobain en abril do ano 1994.

Traxectoria Nirvana foi unha das bandas máis importantes da historia do rock, tendo contribuído de forma directa na redefinición do xénero a finais do século pasado. A súa carreira meteórica e o seu líder, Kurt Cobain, son parte importante da historia da música recente, e continúan hoxe en día despertando discusións e adoración, así como o seu reducido legado continua influenciando e sendo reverenciado por seareiros e artistas en todo o mundo.

A infancia de Kurt Cobain Kurt Donald Cobain naceu o 20 de febreiro de 1967 en Aberdeen, aproximadamente a 220 quilómetros ao sur de Seattle, no estado de Washington. Debido aos constantes problemas entre os seus pais (un mecánico e unha secretaria que se separarían cando Kurt tiña 7 anos), el viviu en varios lugares diferentes, e dende cedo amosouse un rapaz moi inquieto e con problemas de saúde, que o obrigaban a tomar sedantes e outros remedios para calmar a súa hiperactividade e facer que se concentrase na escola. Pero os esforzos con respecto aos seus estudos foron en van, e posteriormente desligouse da vida escolar.

Kurt pasaba gran parte do seu tempo só, escoitando música, pintando e escribindo nos seus diarios, a maioría das veces, na casa de parentes ou mesmo na dos seus amigos, que aceptaban coidar do rapaz. A súa difícil infancia veríase reflectida anos máis tarde en varias cancións que compuxo para a banda. Así, aínda moi noviño, tivo contacto co rock e escoitaba bandas como The Beatles, The Monkees, The Clash, Kiss, Black Sabbath, Sex Pistols e Led Zeppelin. Aos 14 anos regaláronlle unha guitarra polo seu aniversario.

Adolescencia Kurt foi medrando, e na súa adolescencia acabou envolvéndose no escenario musical underground da rexión, onde fixo varias amizades e chegou a traballar colaborando con algunhas bandas. Entre elas estaba The Melvins, un dos máis importantes nomes da zona e que serviu de inspiración para gran parte das bandas que máis tarde formarían a escena de Seattle, que se fixo coñecido mundialmente, e entre elas o propio Nirvana. Nesa época Kurt chegou a formar unha banda, chamada Fecal Matter, co baixista de The Melvins, Dale Crover, e gravou precariamente algún material.

Kurt e Krist coñécense Foi Buzz Osborne (vocalista de The Melvins) quen lle presentou en 1985 ao seu futuro mellor amigo, Krist Novoselic. Foi tamén Buzz quen lle amosou outras bandas que serían máis tarde a influencia principal de Nirvana, como The Stooges, Black Flag e Flipper. Kurt comezou a adquirir consciencia dos principios do punk rock e tamén a renegar e agochar o seu pasado de fan de bandas mainstream, conflito ese que perduraría e influenciaría boa parte da súa vida.

Meses despois de coñecerse, Kurt e Krist mudáronse para Olympia, atraídos polo escenario musical desa cidade. Formaron a súa primeira banda en 1986, chamada Stiff Woodies. Cobain tocaba a batería e Krist o baixo, e os outros instrumentos tocábanos diferentes amigos que entraban da banda para despois saír. Da mesma maneira que mudaban as formacións, mudaba o nome da banda: pasaron tamén por Skid Row e Sellouts. Durante esas mudanzas, as posicións entre os membros tamén cambiaban, e ao final de 1986, o grupo estaba composto por Cobain cantando e tocando a guitarra, Krist tocando o baixo e Aaron Burkhart na batería. Coa saída de Aaron, Chad Channing asumiu as baquetas, e a banda trocou o nome definitivamente para Nirvana.

O ano de 1986 tamén marcou a fundación de Sub Pop Records, discográfica creada polos amigos Jonathan Poneman e Bruce Pavitt. Este último viñera para Seattle xunto con Kim Thayil, quen máis tarde formaría Soundgarden. O obxectivo do selo era axudar a bandas independentes no inicio da súa carreira e sería a responsable de amosar a Nirvana ao mundo pouco tempo despois.

Os inicios da banda 1987 marca o inicio da meteórica carreira de Nirvana, inicio non moi diferente ao de todas as bandas independentes: concertos e pequenas presentacións en bares, festas e universidades locais. O seu son xa se caracterizaba por ser unha mestura da agresividade e rebeldía do punk rock co peso e enerxía do metal/hard rock. Tamén comezaba a destacar a figura de Kurt Cobain, líder e principal compositor da banda. Aos poucos Nirvana foise facendo un oco no circuíto underground da rexión.

Foi a través desa relativa fama como o produtor Jack Endino coñeceu ao grupo. Despois de presentarse a eles e facerse amigos, axudounos na produción dalgunhas cintas demo coas cales convenceu ao seu amigo Jonathan Poneman, da Sub Pop, para asinar un contrato con Nirvana. O primeiro froito dese contrato foi un vinilo lanzado en novembro de 1988 a través do famoso The Singles Club, coas cancións "Love Buzz" (versión dunha banda neerlandesa chamada Socking Blue) e "Big Chesse".Azerrad, 1994. p. 85 O lanzamento final dese sinxelo estivo marcado por algúns problemas debido ás dificultades financeiras da discográfica. A pesar de facer un bo traballo de divulgación de varias bandas que non atopaban apoio nas grandes discográficas, a Sub Pop continuaba a ser un pequeno selo con escasos recursos, o que dificultaba levar a cabo algúns dos propósitos dos seus fundadores. Ese feito ocorreu tamén con Nirvana, que non só viu atrasado o lanzamento de "Love Buzz", senón que tamén tivo que aceptar un aumento no prezo final de venda, para tentar evitar unha posible perda de cartos investidos polo selo.

Finalmente non foi o que aconteceu. O sinxelo vendeuse ben (ademais dos 1 000 exemplares orixinais editáronse 200 máis), principalmente debido ao feito de que Nirvana xa posuía un pequeno público, nado das famosas e incendiarias presentacións da banda en Olympia e Seattle.

Debido ao éxito, a Sub Pop decidiu arriscar e investir nun álbum para a banda, á parte de promover un mellor esquema de divulgación para eles. Cos cartos gañados co The Singles Club (que despois de Nirvana lanzou tamén material de Mudhoney, The Flaming Lips, Afghan Whigs e Tad), a Sub Pop pagou a estadía en Seattle dun famoso editor inglés da revista New Music Express. O obxectivo era facerlle coñecer a fervente escena underground da rexión. O editor, chamado Everett True, ficou impresionado con bandas como Mudhoney, Nirvana e Soundgarden, e fíxoas noticia en Europa. O embrión do éxito do "grunge", termo que viña sendo utilizado (reza a lenda, acuñado por Mark Arm) para referirse á escena musical do nordeste dos Estados Unidos, comezou a se desenvolver aí. As bandas de Seattle pasaron a facer xiras maiores e comezaron a ver os seus nomes escritos e recoñecidos en varias revistas e publicacións dos Estados Unidos e de Europa.

Así, mentres Nirvana continuaba facendo concertos, o grupo comezou a pensar tamén na gravación do seu primeiro disco, ofrecido pola Sub Pop. A banda contou tamén co apoio financeiro de Jason Everman (que máis tarde tería unha rápida pasaxe como baixista de Soundgarden), que acabou sendo citado no libreto do álbum como guitarrista. Realmente el só tocou co grupo nunha ocasión: na gravación dunha versión de Kiss, a canción "Do You Love Me?", que entrou nun disco tributo á banda lanzado pouco antes da gravación do primeiro álbum de Nirvana.

O primeiro álbum, Bleach A finais de 1988 Nirvana entrou no estudio para gravar o seu primeiro LP co produtor local Jack Endino.Azerrad, 1994. p. 90-1 Finalmente, o álbum titulado Bleach foi lanzado en xuño de 1989 (a Sub Pop aínda arrastraba os vellos problemas financeiros que atrasaron a súa chegada ás tendas, a pesar de que a situación estaba mellorando). O disco vendeu preto de 35 000 copias. Trátase dun pequeno clásico aínda que ten un son bastante rudo e primitivo. Despois da saída do álbum a banda iniciaría a súa primeira xira polos Estados Unidos.Azerrad, 1994. p. 111

En abril de 1990 Nirvana comezou a traballar no seu seguinte álbum co produtor Butch Vig nos Smart Studios de Madison, Wisconsin.Azerrad, 1994. p. 137 Cobain e Novoselic desencantáronse coa batería de Channing, e Channing expresou a súa frustración por non participar na composición de cancións. Cando os bootlegs das demos de Nirvana con Vig comezaron a circular pola industria musical e a chamar a atención das grandes discográficas, Channing deixou a banda.Azerrad, 1994. p. 138-139 Ese mes de xullo, Nirvana gravou o sinxelo "Sliver" co batería de Mudhoney, Dan Peters.Azerrad, 1994. p. 142 Dale Crover encargouse da batería de Nirvana na xira de sete datas pola costa oeste americana con Sonic Youth ese agosto.Azerrad, 1994. p. 141

En setembro de 1990 Buzz Osborne, dos Melvins, presentoulles a Dave Grohl, que estaba buscando unha nova banda tras a disolución do seu anterior grupo, o conxunto de hardcore punk de Washington, D.C. Scream.Azerrad, 1994. p. 151 Poucos días despois de chegar a Seattle, Novoselic e Cobain fixéronlle unha audición, comentando Novoselic posteriormente, "Soubemos en dous minutos que era o batería axeitado". Grohl dixo despois para a revista Q "Lembro estar na mesma habitación con eles e pensar, 'Que? Iso é Nirvana? Estás de broma?' Porque na portada do seu disco parecían leñadores psicópatas... Pensei, 'Que, ese tipo pequeno e ese gran fillo de puta? Estás puteándome'. Rin. Estaba como, 'De ningún xeito'".Q, outubro de 2010

Contrato cunha gran discográfica Desencantados con Sub Pop, e coas sesións nos Smart Studios xerando interese, Nirvana buscou un acordo cunha gran discográfica xa que ningún selo independente podía rescindir o seu contrato.Azerrad, 1994. p. 136-137 Cobain e Novoselic consultaron á representante de Soundgarden e Alice in Chains, Susan Silver, para obter consello.True, Everett (13 de marzo de 2007). Nirvana: The Biography. Da Capo Press. pp. 191-192. ISBN 9780786733903Cross, Charles R. (15 de agosto de 2001). Heavier Than Heaven. New York City: Hyperion Books. pp. 486-488. ISBN 0-7868-6505-9 Atopáronse con Silver nos Ánxeles e ela presentounos ao axente Don Muller e ao avogado de negocios musicais Alan Mintz, que estaba especializado en atopar contratos para novas bandas. Mintz comezou a enviar a maqueta de Nirvana a grandes selos que buscaban contratos. Seguindo repetidas recomendacións de Kim Gordon de Sonic Youth, Nirvana asinou con DGC Records en 1990.Azerrad, 1994. p. 162 Cando Nirvana foi incluído no Salón da Fama do Rock and Roll en 2014, Novoselic agradeceu a Silver durante o seu discurso por "presentalos na industria musical axeitadamente". Sub Pop tamén gañou co cambio, xa que o pequeno selo sacou bastantes cartos pola rescisión do contrato con Nirvana.