Blas de Otero Muñoz, nado en Bilbao o 15 de marzo de 1916 e finado en Majadahonda, Madrid o 29 de xuño de 1979, foi un poeta en lingua castelá. Dúas son as súas obras principais, cada unha representativa dos seus dous ciclos poéticos principais: o desarraigado existencialismo de Ángel fieramente humano (1950) e a crítica social de Pido la paz y la palabra (1955).

Biografía Realizou os seus primeiros estudos nunha institución relixiosa da súa cidade natal para logo comezar Dereito en Madrid e rematala en Valladolid. Trala guerra civil exerceu brevemente de avogado nunha industria biscaíña e no 1952 tivo unha experiencia laboral nunha mina de ferro xunto cos pintores Agustín Ibarrola e Ismael Fidalgo.

Dende o punto de vista ideolóxico pasou dun cristianismo dramático a un marxismo militante.

Traxectoria poética Distínguense dúas etapas principais e unha xa terminal na evolución poética de Blas de Otero:

Etapa existencialista Crea nesta época unha poesía desarraigada, expresión do "eu" coas súas angurias existenciais. É, sobre todo, unha poesía metafísica, orientada a preguntarse polo sentido do home e do mundo. Escribe, así, poemas relixiosos dirixidos a un Deus arelado pero incomprensible, e tamén poemas amorosos, impregnados da mesma sede do Absoluto.

Predominan nesta etapa as formas clásicas, principalmente o soneto. A linguaxe é violenta, dramática e cunha forte densidade estilística.

Etapa de poesía social O poeta abandona o seu "eu" e pásase ao "nós". Os versos expresan agora arelas de paz, liberdade e xustiza social. Dirixe a súa poesía á "inmensa maioría" (en contraste con Juan Ramón Jiménez, que adicaba a súa obra á "minoría, sempre"). Deste xeito, procura unha linguaxe máis sinxela, máis accesible. Concibe a poesía como loita e construción; efectivamente, xunto a esa actitude crítica (ata onde a censura lle deixou) aparece a chamada á esperanza, o desexo de transformar o mundo a través da poesía.

Emprega neste período o verso libre e as formas dos cantares populares.

Derradeira etapa Inicia esta etapa en 1965. Sen rexeitar a loita política, Otero desbota a poesía como medio para cambiar o mundo. Sabe que esa "inmensa maioría" non le os seus versos, polo que decide ser revolucionario na súa obra doutro xeito: na linguaxe poética e o enriquecemento formal das súas creacións, a través de imaxes insólitas, ritmos novos e mesmo toques surrealistas. Na temática, sen renunciar de todo aos problemas sociais e políticos, volve a cobrar presenza o íntimo.

Prefire no seu derradeiro ciclo poético as formas métricas moi libres, de considerable amplitude.

Significación Blas de Otero resume á perfección a evolución da poesía en lingua castelá a partir de 1939, da anguria vital á poesía social para rematar coa procura de novas formas. A súa obra conseguiu unir conciencia ética e rigor estético, converténdoo en figura clave da literatura do seu tempo.

Obras Etapa existencialista Ángel fieramente humano (1950). Redoble de conciencia (1951). Ancia (1958) (Fusión nun só volume dos dous anteriores, con algúns poemas novos).

Etapa de poesía social Pido la paz y la palabra (1955). En castellano (1959). Esto no es un libro (1963). Que trata de España (1964).

Derradeira etapa Mientras (1970). Historias fingidas y verdaderas (1970). Poesía con nombres (1977). Viejo camarada (1978).

Véxase tamén

Bibliografía Lázaro, F. e Tusón, V. (1982). Literatura Española. Ed. Anaya.

Ligazóns externas

Fundación Blas de Otero

Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1979 Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Premio Fastenrath