Hugin e Munin son, na mitoloxía nórdica, un par de corvos asociados co deus Odín. Hugin e Munin viaxaban ao redor do mundo, coñecido como Midgard, escolmando as novas e recompilando información para Odín. Os datos sobre Hugin en Munin encóntranse nas Eddas, compilacións de poemas do século XIII, principais fontes do actual coñecemento da mitoloxía nórdica; na Edda en prosa e no Heimskringla, escritos no século XIII por Snorri Sturluson; no Terceiro Tratado Gramatical, compilado no século XIII por Óláfr Þórðarson; e na poesía dos escaldos.
Ambas as aves eran enviadas á alba a recoller información e regresaban pola tarde. Pousábanse nos ombreiros do deus e rumoreaban todas as noticias. O nome Hugin provén do nórdico antigo Huginn e significa "pensamento", mentres que Munin significaría en nórdico antigo "memoria" ou "mente".
Na Edda poética, un Odín disfrazado expresa o seu temor pola hipótese de que non poidan regresar dos seus voos diarios. A Edda en prosa explica que Odín é coñecido como "deus-corvo" debido á súa asociación con Hugin e Munin. Tanto na Edda prosaica como no Terceiro Tratado Gramatical, os dous corvos son descritos pousados nos ombreiros de Odín. No Heimskringla, detállase que Odín dera a Hugin e a Munin a capacidade de falar.
Outros retratos de Odín cos corvos poden encontrarse en bracteatas douradas do período das migracións, en placas do casco da Era de Vendel, nun par de broches idénticos en forma de ave da idade do ferro xermánica, en obxectos da Era viquinga representando a un home de bigote con casco e unha parte do século X ou XI da Cruz de Thorwald. O papel de Hugin e Munin como mensaxeiros de Odín tense asociado a prácticas xamánicas, ao estandarte do corvo nórdico, ao simbolismo xeral do corvo entre os pobos xermánicos, e aos conceptos nórdicos de fylgja e de hamingja.
Características 230px|miniatura|Odín entronizado e suxeitando a súa lanza Gungnir, cercado polos seus corvos, Hugin e Munin, e lobos, Geri e Freki; ilustrado por Carl Emil Doepler en 1882. No poema Grímnismál da Edda poética, o deus Odín (disfrazado de Grímnir) achega ao mozo Agnarr informacións sobre os compañeiros de Odín. El fálalle ao príncipe sobre os lobos de Odín, Geri e Freki, e na estrofa seguinte do poema, declara que Hugin e Munin voan diariamente por todo o mundo Midgard. Grímnir di que se preocupa coa hipótese de que Hugin nunca máis regrese e tamén teme por Munin:
Tradución ao inglés de Benjamin Thorpe:
Hugin and Munin fly each day over the spacious earth. I fear for Hugin, that he come not back, yet more anxious am I for Munin.Tradución ao inglés de Henry Adams Bellows:
O'er Mithgarth Hugin and Munin both Each day set forth to fly; For Hugin I fear lest he come not home, But for Munin my care is more.Tradución ao galego:
Hugin e Munin voan todos os días ao redor do mundo; temo por Hugin que non regrese, aínda máis temo por Munin. Orixinal:
Huginn ok Muninn fljúga hverjan dag Jörmungrund yfir; óumk ek of Hugin, at hann aftr né komi-t, þó sjámk meir of Munin.Edda poética - Grímnismál, estrofa 20.
Na primeira parte da Edda prosaica, Gylfaginning (capítulo 38), a figura entronizada de Hár conta a Gangleri (rei Gylfi disfrazado) que dous corvos chamados Hugin e Munin sentan nos ombreiros de Odín. Os corvos contan a Odín todo o que ven e oen. Odín envía a Hugin e Munin para fóra ao amencer e os paxaros voan por todo o mundo antes de volver á hora do xantar. Como resultado, Odín é informado de moitos eventos. Hár engade que é a partir desta asociación que Odín é coñecido como "deus-corvo". A estrofa mencionada enriba de Grímnismál é así citada.
Na segunda parte da Edda prosaica, Skáldskaparmál (capítulo 60), Hugin e Munin aparecen nunha lista de nomes poéticos para corvos. No mesmo capítulo, preséntanse fragmentos da obra de Einarr Skúlason. Neses fragmentos, Munin é citado como nome común de 'corvo' e Huginn é citado como un kenning de 'prea'.
Na Saga dos Ynglings do libro Heimskringla, proporciónase un relato evemerizado da vida de Odín. O capítulo 7 describe como Odín tiña dous corvos e que lles concedera o don da fala. Eses corvos voaban por toda a terra e levaban informacións, facendo que Odín tornase "moi sabio no seu coñecemento".
No Terceiro Tratado Gramatical, un verso anónimo menciona que os corvos voan dende os ombreiros de Odín; Hugin procura homes aforcados e Munin corpos mortos. O verso di: Dous corvos voaron dos ombreiros de Hnikar [Óðinn]; Hugin ao aforcado e Munin ao morto [lit. cadáveres].
Rexistro arqueolóxico miniatura|Unha bracteada (DR BR42) que representa unha figura referida a un cabalo rodeado por un paxaro. miniatura|Placa dun casco da era Vendel caracterizando unha figura montando a cabalo, suxeitando unha lanza e un escudo, e confrontada cunha serpe. miniatura|Unha parte da Cruz de Thorwald (á esquerda), vestixio dunha parte da pedra rúnica erguida en Kirk Andreas na Illa de Man. As bracteadas de ouro (tipos A, B e C) do período de migración (séculos V e VI) posúen unha representación dunha figura humana sobre un cabalo, termando dunha lanza e rodeada por un ou, moitas veces, por dous paxaros. A presenza de aves levou á identificación iconográfica da figura humana co deus Odín, flanqueado por Hugin e Munin. Como descrición dos corvos na Edda en prosa de Snorri, unha ave é ás veces representada no oído do ser humano ou na orella do cabalo. As bracteadas foron encontradas en Dinamarca, Suecia e Noruega, amais unha pequena cantidade encontrada en Inglaterra e no sur de Dinamarca.
O xermanista austríaco Rudolf Simek afirma que estas bracteadas poden representar a cura dun cabalo de Odín e as descricións das aves a través do cabalo poden indicar que os corvos estaban curando o cabalo. Simek di que iso pode indicar que os corvos de Odín non foron inicialmente meros compañeiros de Odín no campo de batalla, senón tamén "axudantes de Odín na súa función de veterinario".
As placas do casco da era de Vendel (dos séculos VI ou VII) encontradas nunha sepultura en Suecia amosan unha figura con casco sostendo unha lanza e un escudo, montando un cabalo e escoltada por dous paxaros. A placa foi interpretada como Odín acompañado por dous paxaros: os seus corvos.
Un par de broches idénticos en forma de ave da idade do ferro xermánica de Bejsebakke, no norte de Dinamarca, poden ser representacións de Hugin e Munin. A parte traseira de cada ave presenta un motivo de máscara e os pés das aves teñen forma de cabezas de animais. As plumas das aves tamén están compostas por cabezas de animais. Xuntas, as cabezas dos animais nas plumas forman unha máscara na parte posterior do paxaro. As aves teñen un peteiro forte e colas en forma de abano, indicando que son corvos. Os broches estaban destinados a ser empregados en cada ombreiro, de acordo coa moda da idade de ferro xermánica. O arqueólogo Peter Vang Petersen comentou que se ben o simbolismo dos broches está aberto ao debate, a forma dos peteiros e as plumas da cola confirman que as representacións dos broches son corvos. Petersen afirma que "os ornamentos en forma de corvo usados en parella, segundo a moda da época, un en cada ombreiro, fan que os pensamentos se dirixan cara aos corvos de Odín e ao culto de Odín na idade do ferro xermánica". Petersen di que Odín está asociado ao disfrace e que as máscaras sobre os corvos poden ser retratos de Odín.
Os fragmentos do tapiz de Oseberg, pertencentes á era viquinga, no enterramento do barco de Oseberg en Noruega, presentan unha escena que contén dúas aves negras que asoman sobre un cabalo, talvez, orixinalmente conducindo un carro (como parte dunha procesión de carruaxes de cabalos no tapiz). Na súa análise do tapiz, a estudosa Anne-Stine Ingstad interpreta estes paxaros como Hugin e Munin voando sobre unha carroza cuberta que contén unha imaxe de Odín, comparando as imaxes de Nerthus testemuñadas por Tácito no século I.
Durante unhas escavacións en Ribe, Dinamarca, recuperouse un molde de fundición de metal da Era Viquinga e 11 moldes idénticos. Eses obxectos mostran un home con bigote empregando un casco que posúe dous adornos para a cabeza. O arqueólogo Stig Jensen propón que eses ornamentos da cabeza deben interpretarse como Hugin e Munin, e o portador como Odín. El observa que "hai representacións similares en todos os lugares aos que van os viquingos; do leste de Inglaterra a Rusia e naturalmente tamén no resto de Escandinavia".
Unha parte da Cruz de Thorwald (unha parte sobrevivente da pedra rúnica erguida en Kirk Andreas, na Illa de Man) mostra un home barbado sostendo unha lanza cara a abaixo sobre un lobo, co pé dereito na boca do animal e un gran paxaro no ombreiro. Andy Orchard comentou que esa ave pode ser Hugin ou Munin. A Rundata data a cruz no ano 940,Entrada Br Olsen;185A no Rundata 2.0 mentres que Pluskowski a data no século XI. Esta descrición tense interpretado como Odín, cun corvo ou unha aguia no seu ombreiro, consumido polo monstruoso lobo Fenrir durante os acontecementos do Ragnarök.
En novembro de 2009, o Museo de Roskilde anunciou o achado e posterior exhibición dunha figuriña de prata nielada encontrada en Lejre, Dinamarca, que bautizaron como Odin de Lejre. O obxecto de prata amosa unha persoa sentada nun trono. O trono presenta cabezas de animais e está flanqueado por dous paxaros. O Museo de Roskilde identifica a figura como Odín sentado no seu trono Hliðskjálf, acompañado polos corvos Hugin e Munin.
Teorías Certos estudosos teñen vinculado a relación de Odín con Hugin e Munin coa práctica xamánica. John Lindow, por exemplo, relaciona a capacidade de Odín de enviar o seu "pensamento" (Huginn) e a súa "mente" (Muninn) á viaxe en estado de transo dos xamáns. Con respecto á estrofa de Grímnismál onde Odín se preocupa polo regreso de Hugin e Munin, Lindow escribe: "sería consistente co perigo que o xamán afronta na viaxe do estado de transo".
Rudolf Simek é crítico con este enfoque, e afirma que "se fixeron tentativas para interpretar os corvos de Odín como a personificación do poder intelectual do deus, mais iso só se pode supoñer a partir dos seus propios nomes, Hugin e Munin, que moi probablemente non foron inventados antes dos séculos IX ou X" aínda que os dous corvos, como compañeiros de Odín, parecen derivar de tempos moi anteriores. No canto diso, Simek conecta a Hugin e Munin co maior simbolismo do corvo no mundo xermánico, incluíndo o estandarte do corvo (descrito en crónicas inglesas e en sagas escandinavas), unha bandeira que estaba tecida dun xeito que permitía que, cando ondease ao vento, parecese como se o corvo representado sobre ela batese as ás.
Anthony Winterbourne relaciona a Hugin e Munin cos conceptos nórdicos de fylgja, concepto con tres características: as habilidades de mudanza de forma, a boa fortuna e o espírito gardián; e o hamingja, a dobre pantasma dunha persoa que pode aparecer en forma dun animal. Winterbourne afirma que "a viaxe do xamán a través das diferentes partes do cosmos está simbolizada polo concepto hamingja da alma que muda de forma e gaña outra dimensión simbólica para a alma nórdica na descrición dos corvos de Odín, Hugin e Munin". En resposta á crítica de Simek dos intentos de interpretar os corvos "filosoficamente", Winterbourne afirma que: "tales especulacións [...] simplemente fortalecen o significado conceptual plausible por outras características da mitoloxía" e que os nomes Hugin e Munin "exixen máis explicacións das que xeralmente se ofrecen".