miniatura|Vista xeral. O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado aproximadamente en 1914, a instancias dos benfeitores e emigrantes betanceiros na Arxentina os Irmáns García Naveira.

O Pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago (Xunta de Galicia)

Os impulsores

miniatura|Busto de Juan María García Naveira, impulsor do Pasatempo, no Museo das Mariñas. Os impulsores do parque foron os irmáns Juan e Jesús García Naveira, nados en Betanzos a mediados do século XIX, no seo dunha familia labrega. Ambos emigrarían á Arxentina, onde residiron ata o seu retorno á súa vila natal en 1893. Logo do seu regreso, ambos irmáns comezaron a súa actividade filantrópica na vila, destinada principalmente nos colectivos máis desprotexidos na época: as nenas e nenos, as mulleres, e as persoas anciás.

Nome O nome orixinal do parque era "Pasatiempo", en castelán. Este nome posiblemente faga alusión ao teatro "El Pasatiempo", un teatro fundado na cidade de Buenos Aires en 1876 e situado na rúa Paraná, ao que posiblemente os irmáns García Naveira, como moitos outros españois da época, acudiran durante a súa estadía na Arxentina.

O parque recibiu diversas denominacións que atenderon ás súas características ou ao seu uso. Coñeceuse como "xardín" polas súas decoracións vexetais, tamén como "granxa" por contar con diferentes tipos de animais. Debido ás súas características foi chamada "quinta" pola súa similitude coas ostentosas facendas rústicas, mais logo do abandono do parque na década de 1930, a veciñanza denominouno "horta de don Juan" en referencia ao seu principal impulsor, Juan María García Naveira, e ao uso que se lle comezou a dar a algunhas partes do parque, nas que se comezaron a cultivar hortalizas e lúpulo.

Algunhas personalidades referíronse ao parque de distintos xeitos, como o fotógrafo Ksado, que en 1922 o definiu como "finca-museo", ou Luis Seoane, que dende o exilio referiuse a el como "parque enciclopédico".

Na actualidade o espazo recibe o nome de "Parque do Pasatempo", en galego.

Localización miniatura|Ponte Nova sobre o río Mendo ao seu paso por Betanzos.

O Parque do Pasatempo está situado na zona coñecida como O Carregal, situada na área da desembocadura dos ríos Mendo e Mandeo, onde un estreitamento reduce o avance da auga do mar terra dentro favorecendo a sedimentación do fondo do estuario.

A zona do Carregal fora obxecto dun proxecto de acondicionamento para o uso humano no sécuulo XVIII, cando o enxeñeiro Lemaur quixo gañar o espazo á marisma para pastos, cultivos e como zona habitable, mais sen éxito. Non foi ata o século XIX, da man de Juan García Naveira, cando se retomou a idea de urbanizar a área dentro do seu programa de axuda social que o levou a construír diversos edificios públicos na vila, así como o Parque do Pasatempo.

Historia Construción e inauguración miniatura|Inscrición do Parque do Pasatempo sinalando o ano de inicio das obras. Adoita situarse o inicio das obras do Parque do Pasatempo no ano 1893, o mesmo ano do regreso dos irmáns García Naveira a Galicia, sendo xa uns emigrantes ricos, uns indianos. Coñecemos pola documentación existente que Juan comezou a mercar terreos para a construción dos xardíns que conformarían o parque na época na que tomou a decisión de regresar a Galicia, aínda que a adquisición das terra e a execución das obras foron tarefas longas e complexas que les dilataron ata a década de 1910. Con todo, O Pasatempo foi concibido como un parque aberto a todo o mundo e non como xardín privado.

Pénsase que o deseño do parque foi encargado a especialistas en pedagoxía, se ben descoñécense os profesionais que estiveron dirixindo as obras de construción do xardín, polo que tamén e probable que foran os propios irmáns os que tomaban as decisións da súa construción. O que si se sabe é que as obras para a súa construción deron traballo a 200 persoas, entre elas persoas sen emprego, ás que se lles ofrecía ir ao parque a aprender un oficio mentres se formaban en clases nocturnas. Un elemento novidoso da construción do parque foi o cemento Portland, que ata o momento nunca se empregara en Galicia.

Se ben a ausencia dun arquivo na familia dificulta saber máis sobre o parque, estímase que tiña unha extensión de nove hectáreas no momento da súa inauguración en 1914. Sábese que nese momento o parque tivo unha gran repercusión, e a revista viguesa Vida Gallega chegou citar o parque ata en cinco ocasións, o que significaba un grande éxito, xa que a revista era moi popular tanto en Galicia como entre as comunidades emigrantes da América, Madrid e Lisboa, feito que fixo que O Pasatempo traspasara fronteiras e chamase a atención de personalidades como o fotógrafo Ksado, que fixo unha reportaxe gráfica do parque, que describe como "finca-museo". O parque contaba con numeroso elementos como fontes, estanques, gruta, paseos arborados, un labirinto, invernadoiros, pavillóns, relevos alegóricos e un zoo, polo que foi denominado por algúns como Luis Seoane "parque enciclopédico", un lugar no que os irmáns García Naveira amosaron os lugares e as cousas do mundo que eles coñeceran.

Decadencia A morte do mecenas Juan García en 1933 deu comezo á decadencia do parque. Se ben pensouse que durante a guerra civil española o campo de concentración de Betanzos, que estivo en funcionamento dende agosto de 1937 ata canto menos maio de 1939, durante un tempo encontrábase dentro das instalacións do parque, agora sábese que en realidade estivo nunha leira da familia Naveira e que se encontraba a carón do parque. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos, aínda que o parque mantívose nun estado bastante aceptable ata o ano 1955, cando se construíu unha estrada que atravesaba o parque, partindo en dous o recinto orixinal do Pasatempo, ademais foi neste momento cando se comezaron a extraer pezas do parque. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.

Na década de 1950 construíuse unha estrada que partiu o parque en dous, un feito que propiciou a perda da maior parte do recinto.

miniatura|Os leóns do Pasatempo na entrada da Santa Cova de Covadonga (Asturias). O abandono do parque motivou o traslado de numerosas pezas a outros lugares, como a estatua dos irmáns García Naveira, que pasou a presidir a praza que leva o seu nome. Un caso salientable é o das estatuas de dous leóns realizadas en mármore de Carrara que flanqueaban a entrada do parque, e que en 1970 Juan Jesús García Iribarne, fillo de Juan García, vendeu polo equivalente a 3 000 euros dúas, que foron trasladados ao Santuario de Covadonga. A pesar dos intentos levados a cabo polo Concello de Betanzos, que tentou negociar a recompra das estatuas, a oposición do arcebispado de Oviedo impediu o regreso dos leóns á súa localización orixinal. Outros elementos que non foron trasladados a outros lugares, como a estatua da Caridade, pasaron a estar rodeadas de anuncios publicitarios ao carón da estrada. miniatura|esquerda|O Estadio Municipal García Irmáns foi construído nos terreos que ocupaba o parque en 1989. Non foi ata 1986 cando o Concello mercou o parque para intentar a súa reconstrución, con dous proxectos diferentes, que remataron fracasando. O Concello non tería atendido as recomendacións do cronista de Betanzos, que tiña un proxecto de restauración e financiamento, para que nos terreos do parque non se construíra equipamento público.

O 10 de abril de 1989 presentaron o proxecto para o novo estadio municipal de fútbol, construído nos terreos que ocupou o Estanque dos Papas do parque, e que se acabou denominando Estadio Municipal García Hermanos en honor aos filántropos betanceiros.

O resultado da rehabilitación vén sendo discutido dende fai anos, así como o feito de que o propio Concello de Betanzos non solicitara para el ningún tipo de catalogación. En febreiro do ano 2017, coa caída dun dos muros que limitan coa estrada, a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo, que realiza actividades de difusión, limpeza e potenciación do parque, así como a investigación do seu pasado a través da revista Casa dos Espellos, solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural para o xardín, algo que o Concello de Betanzos viña prometendo dende 1981. Finalmente, o 6 de febreiro de 2020 foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de Xardín Histórico aínda que o parque está pechado ao público dende o derrubamento provocado nun dos estanques en outubro do 2018.

O 27 de febreiro de 2019 o Concello de Betanzos decidiu pechar a área histórica do parque logo de producirse un desprendemento na área do templete do estanque, onde no momento se estaban a realizar traballos de vaciado da auga. Dada a súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC), dende o Concello notificouse a situación a Patrimonio co obxectivo de que os técnicos a avaliaran e sinalaran as medidas a adoptar.

Recuperación O 9 de xuño de 2020 o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou o decreto polo que o Parque do Pasatempo pasaba a estar declarado como Ben de Interese Cultural (BIC). Deste xeito continuábanse os trámites iniciados polo Concello de Betanzos ante Patrimonio. A decisión, prevista inicialmente para finais do mes de febreiro, atrasouse ata o verán a causa da paralización da Administración motivada polo confinamento ante a pandemia de COVID-19. Este feito supuxo, en palabras da alcaldesa betanceira, María Barral, un paso importante para:

No 2021 foi adxudicada a redacción do Plan Director ao arquitecto Mario Crecente, ao tempo que comezaba a restauración do Estanque do Retiro, dirixida polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Vieites, executada pola empresa Parteluz. A restauración do estanque corresponde á primeira fase dun proceso de restauracións que demorarán varios anos.

Se ben o parque non fora concibido como xardín senón como parque enciclopédico, durante as restauracións dos anos noventa se plantaran árbores que chegaron a supoñer unha ameaza para algúns dos seus elementos, como as grutas. Ademais estas árbores impedían a visualización de varios relevos dun dos muros, no que Juan García Naveira quixera representar catro grandes obras da enxeñaría: a canle de Panamá, a mesquita de Muhammad Alí, a pirámide de Queops e a Gran Muralla Chinesa. En febreiro de 2023 retirouse parte desta vexetación, o que fixo posible ver de novo este relevos, protexer as grutas, e que o león colosal fora visible dende o exterior do parque,

A finais de outubro de 2022 presentouse o plano director do Parque do Pasatempo, un proxecto a 15 anos vista redactado por Mario Crecente no que se marcaban as directrices para o mantemento, conservación e posta en valor do parque, que pasaría a acoller distintas actividades como obradoiros representacións teatrais. No acto de presentación, a directora de Turismo e Patrimonio Cultural de Betanzos, Nava Castro, sinalou o investimento de 1,4 millóns de euros procedentes do plano Xacobeo Next Generation.

En marzo de 2024 o Concello de Betanzos solicitou unha axuda de tres millóns de euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cos que se mellorarían os accesos, suprimiríanse barreiras arquitectónicas, melloraríase a rede de servizos, restauraríanse elementos artísticos, e se crearía un centro de recepción de visitantes. Este proxecto incluía a posible recuperación, restauración e reubicación de pezas que se encontraban no parque e que foron cedidas a particulares, e valoraríase a posibilidade de incluír elementos que se perderon pero dos que se conservan imaxes cunha calidade suficiente como para poder realizar reproducións fieis dos orixinais.

Características Visión xeral