Vicente López Novo, coñecido como Rufino, nado en Ribeira cara a 1918 e finado en Loureiro (Luou, Teo) o 19 de maio de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria Militante da CNT. Formou parte da V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia liderada por Benigno Andrade "Foucellas" e José Remuiñán Barreiro "Ricardito" á que se incorporou con Julio Bazarra Constenla. Nos primeiros meses de 1948 "Foucellas" decidiu dividir o grupo e constituír dúas partidas: unha comandada por Miguel Nicolás Esperante "Corcheiro" e a outra por Vicente López; pero coa morte de "Corcheiro" en Silleda o 9 de abril, as dúas partidas volveron reunificarse. O grupo foi avistado pola Garda Civil en Loureiro (Luou) o 19 de maio de 1948. A benemérita incendiou a casa onde se refuxiaban os guerrilleiros e Vicente morreu polos disparos das metralladoras xunto a Manuel Agrasar Cajaraville, Florentino Menéndez e Ricardo Fernández Carlés; tamén morreu o garda civil Manuel Gardón Castro. "Foucellas" e "Ricardito" lograron fuxir.
O corpo de Vicente foi exhumado no ano 2025, xunto co dos seus compañeiros, da foxa común do cemiterio de Luou onde foran soterrados tras caer abatidos, despois do traballo levado a cabo polo grupo de investigación HISTAGRA.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Ribeira Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 1948 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes