Vilarelho da Raia é unha freguesía portuguesa do municipio de Chaves, con 17,75 km² de área e 619 habitantes (2001) do que resulta unha densidade de 34,9 hab/km². Forman parte da freguesía as aldeas de Vilarelho da Raia, Cambedo, Vila Meã e Vilarinho da Raia.
Está situada en Trás-os-Montes, na Raia coa fronteira galega, a 200 m da parroquia de Rabal (Oímbra). A mediados do século XX foi un lugar de moito contrabando.
Eclesiasticamente pertence ó arciprestado do Alto Tâmega na diocese de Vila Real.
Historia Até 1836 pertenceu ó concello de Chaves. Despois formou parte do antigo concello de Ervededo desde a súa creación en 1836 até a súa extinción en 31 de decembro de 1853, cando pasou de novo para o de Chaves.
En 1848 absorbeu a freguesía de Vila Meã.
En 1868, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, en troco do Couto Mixto foron anexados a Portugal as partes galegas dos chamados pobos promiscuos, lugares que estaban situados na mesma fronteira, entre Galicia e Portugal. Deste xeito, foille incorporada a outra parte de Cambedo, que pertencía á parroquia de Oímbra. Eclesiasticamente seguiu a pertencer á freguesía oimbrá e por tanto á diocese de Ourense. Así, en 1914 aínda dependían do párroco de Oímbra unhas 20 familias portuguesas. Porén, coa entrada de Portugal en 1910 nun novo réxime e as crecentes dificultades dos párrocos para cruzar a fronteira, a parte galega acabou sendo incorporada tamén á arquidiocese de Braga o 27 de novembro de 1914.
A freguesía eclesiástica pertencía ó arcebispado bracarense até que en 1922 pasou a formar parte da nova diocese de Vila Real, igual cás demais freguesías do distrito homónimo.
Demografía 1801 1849 1864 1878 1890 1900 1911 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2011 Habitantes 457 559 771 966 1319 1117 1115 1094 1212 1570 1298 1637 1260 632 720 619 558
Patrimonio A igrexa Matriz, baixo a advocación de Santiago o Maior, foi construída en 1698. Outros templos do concello son as capelas do Señor das Almas, de Nosa Señora das Neves, de Santa Catarina e de San Gonzalo. A Água da Faxa é unha fonte de pedra con espazos para os baños e augas ferrosas, localizada entre Vilarelho da Raia e Cambedo.
Existe un museo etnográfico e arqueolóxico.
Festas e romarías San Xosé (19 de marzo), Santiago (25 de xullo) e Senhor das Almas (penúltima fin de semana de agosto, cun grande espectáculo de pirotecnia).
Colectivos Asociación Social e Cultural de Vilarelho da Raia.
Lugares e freguesías Lugares de Vilarelho da Raia
Freguesías de Chaves
Notas
Categoría:Freguesías de Chaves