As termas romanas de Lugo son os restos do antigo balneario romano situado á beira do río Miño, preto da antiga ponte romana. Estas termas romanas foron declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, e agora forman parte das instalacións do Hotel Balneario de Lugo. A construción destes baños é contemporánea á fundación da cidade, ao redor do ano 15 a.C.. O recinto mellor conservado das instalacións é o apodycterium, o vestiario.

Descrición A instalación de termas e balneario era esencial dentro da Roma antiga, polo que se abriron ao tempo que se fundaba Lucus Augusti. Recibían auga dun manancial termal con propiedades mineromedicinais, con augas sulfurado-sódicas e carbonatadas que abrollan a 43,8 °C. Estas augas son explotadas aínda hoxe dentro do Hotel Balneario de Lugo.Termas romanas de Lugo. Asturnatura

O apodycterium é a área mellor conservada. Este lugar para espirse consiste nunha gran sala con pavimento de opus signinum, material de uso común composto de rebo de tella e ladrillo con cal. Ao fondo da sala hai dúas portas en arcos que dan paso a diversas estancias, incluída unha parede composta de dezaoito furnas que se usaban a modo de armario para gardar a vestimenta e os obxectos persoais.

Outra das zonas visitables é a antiga sala de baños, con forma abovedada. Había tres áreas diferenciadas: o frigidarium, para baños fríos; o tepidarium, para baños mornos, e o caldarium, para baños quentes. En épocas posteriores esta sala foi convertida en capela cristiá.

Notas

Véxase tamén Bibliografía e (1997): "Las termas romanas de Lugo", en : Termalismo antiguo. Actas I Congreso Peninsular. ISBN 9788436236033 e (2000): "Un nuevo espacio en las termas de Lugo", en Fernández Ochoa, C. e García Entero, V.: II Coloquio Internacional de Arqueología en Gijón. Termas romanas en el Occidente del Imperio. Concello de Xixón. ISBN 9788489880379

Outros artigos Termas romanas Balnearios de Galicia

Ligazóns externas As Termas na páxina web do Hotel Balneario de Lugo "Termas Romanas" Turgalicia

Categoría:Monumentos de Lugo Categoría:Arquitectura civil en Lugo Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Lugo Categoría:Augas termais de Galicia Categoría:Termas romanas Categoría:Edificacións da Roma Antiga en Galicia