Luis Sánchez Bellón, nado na Coruña o 25 de xullo de 1937, é un exfutbolista galego. Xogaba de extremo esquerdo.
Traxectoria Nacido na Coruña, xogou no Oza Juvenil antes de marchar a Asturias, onde fichou polo Sporting de Gijón. Con este club debutou na Segunda División na oitava xornada da tempada 1955/56. Continuou no Sporting na tempada seguinte, na que o equipo se proclamou campión e ascendeu a Primeira, aínda que non chegou a xogar ningún partido durante a campaña. Nas catro seguintes tempadas xogou no Avilés, as tres primeiras na Segunda e a última na Terceira División.
No verán de 1961 fichou polo Deportivo da Coruña, co que debutou nun encontro amigable contra o Racing de Ferrol en Riazor. Con todo, non tivo sitio no equipo coruñés e en novembro saíu cedido xunto con Aneiros ao propio equipo ferrolán, que militaba na Terceira División. Regresou á Coruña menos de dous meses despois para reforzar o Deportivo, que estaba a sufrir numerosas lesións no seu cadro de xogadores. Marcou un gol no seu primeiro partido oficial co equipo branquiazul, nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor (2-0), e xogou a maioría dos restantes partidos da tempada, marcando un total de catro goles e contribuíndo a que o equipo se proclamase campión de Segunda.
Na tempada 1962/63 debutou co Deportivo na Primeira División, disputando 19 encontros e descendendo ao final da competición. Na derradeira xornada contra o Betis resultou gravemente lesionado, pero con todo, o club renovou o seu contrato. Reapareceu nos terreos de xogo en outubro de 1963, nas filas do Fabril, na Terceira División. Xogou o resto da tempada co filial coruñés, coincidindo na dianteira con Beci e Pellicer. O equipo quedou na segunda posición do seu grupo e xogou a fase de ascenso a Segunda, caendo eliminado contra a Gimnástica de Torrelavega despois de dous partidos de desempate no Molinón.
Continuou no Fabril na seguinte tempada, reincorporándose ao primeiro equipo do Deportivo para os partidos da Copa do Xeneralísimo, contra Granada e Sporting de Gijón. Na tempada 1965/66 foi suplente no Deportivo, participando só en partidos amigables, e en marzo foi cedido xunto con Carlos ao Racing de Ferrol.
A continuación regresou ao Avilés, onde xogou as seguintes dúas campañas, antes de pechar a súa carreira no Eldense en 1969.
Palmarés Sporting de Gijón Segunda División (1): 1956/57. Deportivo da Coruña Segunda División (3): 1961/62, 1963/64, 1965/66.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFUtbol .
Categoría:Nados en 1937 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do CD Eldense Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes