Saudade foi unha revista galega que se publicou en México entre 1942 e 1953. Estaba editada polo Grupo Saudade e Irmandade Galeguista de Cidade de México.

Historia e características A publicación da revista Saudade desenvolveuse en dúas etapas. A primeira delas entre os anos 1942 e 1944, na que se publicaron os números 1 ó 5; a segunda entre 1952 e 1953, na que saíron os números 5 bis e 7. O número 6 non parece que fora publicado nunca.

Tivo como editor responsable nos dous primeiros números a Xosé Caridad Mateo, pasando a ocupar o posto Ramiro Illa Couto no terceiro número, e Ramón Cabanillas Álvarez nos números catro e cinco. A redacción estaba integrada por Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo, Ramiro Illa Couto e Ramón Cabanillas Álvarez, e con eles colaboraban Marcial Fernández Vázquez, Manuel Porteiro Viñas e Bieito Búa Rivas.

Na súa segunda etapa estivo dirixida por Marcial Fernández Vázquez, Luís Soto Fernández incorporouse á redacción e contou con colaboracións de galeguistas do interior.

Dentro da liña editorial de Saudade estivo sempre a defensa da lingua e o seu mantemento e difusión fóra de Galicia. No número 7 Ramón Cabanillas di que a lingua é a defensa e o máis transcendente signo de identidade do país. A lingua é unha bandeira ideolóxica que centra frases propagandísticas e textos doutrinais ao longo dos sete números da publicación. Mesmo con frecuencia os anuncios das páxinas publicitarias levan textos en galego. As achegas de colaboradores non galegos foron tamén traducidas ó galego. Hai poucos textos en castelán.

Saudade tomou como motivo principal a publicación de contidos relacionados co ámbito galego, máis concretamente os de interese para os exiliados galegos en México. Trátase de páxinas de carácter cultural, defensoras e divulgadoras da lingua en América, con atención particular á creación literaria. A súa orientación política é de signo galeguista e nacionalista, e a súa posición antifascista intensifícase nos dous derradeiros números.

Contidos Saudade caracterizouse como revista de contido poético, con máis do 30% dos textos publicados na revista. Os textos en prosa eran minoritarios e consistían en artigos de crítica e ensaio, narrativa e poética. A temática galega foi constante nas páxinas dedicadas a escritores, á emigración, historia, folclore, economía, música, lingua, política de Galicia, celtismo e atlantismo etc.

As ilustracións son relativamente escasas, sempre en branco e negro e normalmente de pequeno formato. Predominan as inspiradas en figuras, paisaxes e escenas galegas. A fotografía foi empregada en contadas ocasións. Colaboraron os ilustradores Arturo e Uxío Souto, Manuel Colmeiro, Zarzalejo, Carlos Maside, Cándido Sánchez Mazas ou Ramiro Illa Couto, que normalmente non asinaban as súas obras.

Véxase tamén Bibliografía

Alonso Girgado, L. et al. (eds.). Saudade (Verba galega nas Américas). México DF, 1942-1953.. CIRP, 2008, ISBN 978-84-453-4557-3.

Outros artigos Publicacións impresas da diáspora galega

Categoría:Prensa galega da emigración Categoría:Medios de comunicación de México