Benedito Spinoza, Bento Spinoza ou Bento de Espinoza, en hebreo Baruch, tamén coñecido en latín como Benedictus de Espinoza, nado en Ámsterdan o 24 de novembro de 1632 e finado na Haia o 21 de febreiro de 1677, foi un filósofo neerlandés de orixe sefardí, un dos grandes racionalistas da filosofía moderna canda a René Descartes e Gottfried Wilhelm Leibniz. Está considerado o fundador da crítica bíblica moderna. É coñecido polas súas posicións panteístas e o seu monismo neutro, e por escribir a súa Ética baixo a forma de postulados e definicións, como se fose un tratado de xeometría.

Traxectoria

Orixe familiar Naceu no seo dunha familia de orixe xudía sefardí procedente de Portugal que escaparan da Inquisición da Coroa de Castela, e como moitos outros, foron forzados a converterse ao cristianismo, aínda que continuaron practicando o xudaísmo en segredo. Logo de enfrontarse á persecución da Inquisición tamén no Reino de Portugal, fuxiron a Ámsterdam.

A nai de Spinoza, Hannah, faleceu cando el tiña case seis anos. Segundo algunhas fontes a orixe do apelído remóntase á localidade burgalesa de Espinosa de los Monteros. Segundo Olga Gallego, a orixe familiar é ourensá, baseándose en documentos do século XVII. O seu pai, Michael ou Miguel, converteuse nun mercante e chegou a ser un dos directores da sinagoga de Ámsterdam. Segundo autores como Frederick Copleston e Xosé Manuel Domínguez entre outros, podería ter sido un galego da provincia de Ourense. En 1909, o historiador Benito Fernández Alonso informou sobre documentos enviados por un catedrático de Feldkirch, Vorarlberg, que indicaban que o pai de Spinoza era ourensán, posibelmente dunha aldea que comeza por "Vid". Segundo Fernández Alonso, Miguel Espinosa vivía na parroquia de Videferre, en Oímbra. Non existen rexistros bautismais que confirmen esta teoría debido a que o arquivo parroquial ardeu en 1705 durante a guerra de Sucesión. Non obstante, a académica Gallego apunta que os Espinosa eran coñecidos como marranos, xudeus acusados de se converter ao cristianismo 'superficialmente'.

Bento Spinoza era políglota, falaba portugués ou galego-portugués,No século XVII, as falas galegas e portuguesas eran moi próximas, e se as orixes familiares eran galegas, terían trazos na súa variante lingüística. castelán,O castelán que falaba probabelmente era próximo ao castelán ibérico da época. A comunidade sefardita das Provincias Unidas difería das do Imperio Otomán, pois predominaban nela os conversos que retornaran ao xudaísmo, sen tantos elementos de lingua sefardí ou do xudeo-portugués. latín, neerlandés e probabelmente hebreo, lingua na que tería estudado a Maimónides na súa xuventude, pola súa educación multicultural na comunidade sefardita de Ámsterdam.

Xudaísmo e excomuñón No verán de 1656, a comunidade xudía castigouno co chérem ou hérem (equivalente á excomuñón) polas súas afirmacións de que Deus é o mecanismo da natureza e do universo, que carece de personalidade, e a Biblia é un traballo metafórico e alegórico que se usou para ensinar a natureza de Deus, dúas proposicións baseadas nunha argumentación cartesiana. Despois da súa excomuñón adoptou o primeiro nome Benedictus, asinando con el (o equivalente en latín ao seu nome orixinal Bento ou Baruch, que significa "ben dito" ou "bendicido", tanto en portugués como en hebreo).

Logo da edición do seu Tractatus Theologico-Politicus deixou de publicar ao non recibir críticas favorables ao seu tipo de cartesianismo. A Ética publicouse despois da súa morte, na Opera posthuma editada polos seus amigos.

Filosofía

Deus sive Natura Determinismo Spinoza cría profundamente no determinismo, que propuña que absolutamente todo o que acontece ocorre a través da operación da necesidade. Para el, mesmo o comportamento humano está totalmente determinado, a liberdade é a nosa capacidade para saber que somos determinados e comprender porque actuamos como actuamos. Deste xeito, liberdade non é a posibilidade de dicir "non" a aquilo que nos acontece, mais si a posibilidade de dicir "si" e comprender completamente porque as cousas deberán acontecer dese xeito.

Ética A filosofía de Spinoza ten moito en común co estoicismo, mais difire moito dos estoicos nun aspecto importante: rexeitou a afirmación de que a razón pode dominar a emoción. Polo contrario, defendeu que unha emoción pode ser superada soamente por unha emoción maior. Para el, a distinción crucial era entre as emocións activas e pasivas, sendo as primeiras aquelas que son comprendidas racionalmente e as outras as que non o son.

O desexo e a afectividade Para Spinoza todo ser particular (todo individuo) é unha expresión (un modo) da substancia. Polo que todo ser prolonga por si mesmo a forza desbordante da Natureza creadora, é dicir, trata de perseverar no seu ser, de afirmarse e realizarse cada vez máis. O ser humano non escapa a esta lei. Por iso Spinoza puido dicir que "a esencia do home é o desexo".

A afectividade non é outra cousa que a modulación do desexo: cando o desexo, entendido como potencia individual de existir cada vez máis de acordo coa natureza propia de cada un, exprésase e realízase, sentimos alegría; cando se ve contrariado, expresamos tristura. Todos os matices da afectividade consisten na diferenciación interna desas dúas tonalidades fundamentais que son a alegría e a tristura. Así o bo para un ser é o que lle permite existir cada vez máis en conformidade coa súa natureza e que experimenta como unha necesidade positiva. Unha necesidade e unha forza cuxa fonte última é a propia Natureza-Deus-Substancia. Spinoza di que "non desexamos unha cousa porque sexa boa, senón o contrario: porque a desexamos dicimos que é boa".

Aquí o xerme dun individualismo moral radical, pero é mester coidarse de interpretalo superficialmente. En efecto, debe estar orientado polo coñecemento verdadeiro de si mesmo. O saber filosófico supremo que permite a cada un recoñecerse como expresión da substancia; esta é o último obxecto e a fonte primeira do desexo humano.

Obras Compendium grammatices linguae hebreae (Compendio de gramática hebrea). Tractatus de Deo et homine ejusque felicitate (1852) De Emendatione intellectus (Tratado da reforma do entendemento), 1661, publicado no 1677. Tractatus theologico-politicus (Tratado teolóxico-político, 1670). Renati Des Cartes Principia Philosophiae... , (Principios da filosofía de Descartes, 1663). Cogitata metaphysica, (Pensamentos metafísicos, 1663). Ética demostrada segundo a orde xeométrica, 1677. Politica, id est tractatus politicus (Tratado político, 1677). Tractatulum de iride.

Varios

Referente de Einstein Cando o rabino H. Goldstein, de Nova York, lle preguntou a Albert Einstein en 1921 se cría en Deus, respondeu: “Creo no Deus de Spinoza, que se revela por si mesmo na harmonía de todo o que existe, e non no Deus que se interesa pola sorte e polas accións dos homes”

Retrato na moeda neerlandesa O retrato de Spinoza estaba impreso nos antigos billetes de 1000 floríns, a moeda oficial dos Países Baixos ata á introdución do euro no 2002.

Relación con Galiza Spinoza escribiu, entre outras linguas, en portugués ou galego-portugués e, como se dixo, tivo probabelmente orixes familiares ourensás.

O ilustrado galego Benito Xerónimo Feijoo foi o introdutor en España do spinozismo, a través do seu Teatro Crítico Universal.

Desde 2008, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela convoca o Premio de Ensaio Bento Spinoza. Foi presentado durante a visita de Stephen Hawking a Compostela e convócase xunto a outros premios como o Premio Stephen Hawking de Xoves Investigadores e o Premio Literario San Clemente.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Beth Haín

Categoría:Filósofos dos Países Baixos Categoría:Nados en 1632 Categoría:Finados en 1677 Categoría:Nados en Ámsterdam Categoría:Personalidades soterradas na Igrexa Nova de Delft