Miguel Juan Sebastián Piñera Echeñique, nado en Santiago de Chile o 1 de decembro de 1949 e finado o 6 de febreiro de 2024 na comuna de Lago Ranco, rexión de Los Ríos, foi un político chileno. Foi presidente de Chile no período 2010-2014 e, de novo, entre 2018 e 2022.

Traxectoria miniatura|Sebastián Piñera Mocidade Fillo de José Piñera Carvallo, un funcionario público de orixe galega e militante da Democracia Cristiá chilena, e Magdalena Echenique Rozas, de orixe vasca. Ao pouco de nacer, a familia trasladouse a Nova York onde o pai foi destinado a unha praza do organismo público para o que traballaba, a Corporación de Fomento da Produción (CORFO). De regreso a Santiago de Chile, ingresou no católico Colexio do Verbo Divino, xestionado polos verbitas e un dos centros de maior prestixio no país. Posteriormente, marchou de novo de Chile acompañando ao seu pai, nomeado embaixador en Bélxica (1965-1966) e ante a ONU (1966-1970).

En 1968 ingresou na Facultade de Economía da Pontificia Universidade Católica de Chile acadando o título de enxeñeiro comercial e o Premio Raúl Iver ao mellor alumno da promoción. Continuou os estudos nos Estados Unidos, grazas a unha bolsa Fulbright, facendo un mestrado e doutoramento en Economía na Universidade de Harvard. Alí foi advertido polo seu profesor Kenneth Arrow, logo Premio Nobel de Economía, do golpe de Estado do 11 de setembro de 1973. En decembro de 1973 casou con Cecilia Morel, a que coñecía dende a adolescencia, e ambos continuaron residindo en Estados Unidos mentres Sebastián Piñera remataba a súa formación académica.

Carreira profesional Entre 1971 e 1998 foi profesor de Economía na Universidade Católica de Chile, na Universidade de Chile e na Universidade Adolfo Ibáñez. Compatibilizou a tarefa docente co traballo nalgunhas altas institucións económicas como o Banco Interamericano de Desenvolvemento (1974-1976), o Banco Mundial (1975-1978) e na Comisión Económica para América Latina e o Caribe (CEPAL) das Nacións Unidas (1976).

No sector privado, empezou a súa carreira no mundo dos negocios inmobiliarios, e foi entón banqueiro e investidor do mercado. A finais da década de 1970 e principios da de 1980 participou na sociedade Bancard S.A. a maior emisora de tarxetas de crédito do país. Membro da directiva do Banco de Talca, en 1982, foi ordenada a súa detención: a entidade concedera préstamos a empresas (algunhas ficticias) por valores que quintuplicaban o capital do banco. Logo de estar prófugo 24 días, a Corte Suprema concedeulle amparo e non foi condenado. Máis de vinte anos despois, a na altura ministra de Xustiza, Mónica Madariaga, afirmou que presionara ao tribunal para lograr a liberdade de Sebastián Piñera a instancias do seu irmán, José, quen fora tamén ministro de Augusto Pinochet. Estas acusacións foron negadas polo contorno de Piñera.

Posteriormente, aínda que o sector financeiro e inmobiliario coparon boa parte dos seus investimentos, diversificou a súa carteira. En 1994, mercou o 16% do capital da compañía aérea nacional, LAN Chile, á empresa escandinava SAS, da que acabou sendo accionista maioritario e multado por mercar accións con información privilexiada. Tamén foi accionista da empresa de telecomunicacións Entel S.A., mercou o club deportivo Colo-Colo, un dos máis seguidos de Chile nun intento por gañar popularidade, empresas eléctricas e unha canle de televisión, Chilevisión.

Antes das eleccións á Presidencia da República de 2009 conformou un fideicomiso ao que trasladou a xestión da súa carteira de investimentos desprendéndose da posibilidade de ser informado sobre eles e os seus rendementos. Mais deixou á marxe deste fondo a súa participación en LAN Chile, Chilevisión e en Colo-Colo que serían vendidas durante os primeiros meses da súa presidencia en 2010.

Grazas a súa traxectoria empresarial, Sebastián Piñera acumulou unha das maiores fortunas de Chile, cunha contía que Forbes estima arredor dos 2 700 millóns de dólares.

Vida política

Inicios: da disidencia á ditadura a senador Malia a que o seu irmán máis vello, José Piñera, foi ministro de Augusto Pinochet (do que logo acabaría distanciándose), Sebastián Piñera afirma ser opositor o réxime militar que controlou Chile entre 1973 e 1990. Participou, canda o seu pai, nun histórico acto do antigo presidente Eduardo Frei Montalva contra a ditadura en 1980. Durante os derradeiros anos do réxime mantívose próximo ao Partido Demócrata Cristián, sobre todo ao sector de Eduardo Frei Ruiz-Tagle, e segundo Patricio Aylwin mesmo tenteou a súa incorporación á formación. Ademais, votou polo "non" e financiou a campaña deste no plebiscito de 1988 sobre a continuación de Pinochet como presidente.

Un ano despois, con todo, aproximouse á dereita que colaborara co pinochetismo asumindo a xefatura de campaña de Herman Büchi, o candidato presidencial que se enfrontou á oposición liderada por Patricio Aylwin. Os consellos de Piñera pasaban por evitar o continuísmo co réxime ofrendo unha imaxe máis independente. Aínda que nas eleccións, as primeiras dende 1970, Herman Büchi foi derrotado co 29,4% fronte o 55,17% de Aylwin, o propio Piñera foi escollido senador de Renovación Nacional, partido dereitista relacionado co réxime militar. Exerceu o ese cargo entre 1990 e 1998 representando o distrito Santiago Oriente.

Escándalo Piñeragate En 1992 propúxose como precandidato de Renovación Nacional ás eleccións da Presidencia da República de 1993. Piñera era unha figura popular dentro de Renovación Nacional, formando parte dun grupo de políticos novos alcumado pola prensa como "a patrulla xuvenil" e que se fixeran co control do partido. Outra integrante deste grupo era a deputada Evelyn Matthei, que tamén optaba as primarias para ser a candidata á xefatura do Estado. Mais o seu proxecto viuse malogrado polo escándalo chamado Piñeragate ou Kiotazo.

Unha conversa telefónica privada entre Piñera e un executivo amigo del foi filtrada pola televisión Mega: durante un programa en directo e en presenza do propio Piñera, o dono da cadea, Ricardo Claro, puxo unha cinta nunha radiocadea coa gravación da chamada. Nela, Piñera trazaba un plan para desacreditar á contrincante como unha política pouco coherente e sen criterio. Logo da revelación, Piñera emprendeu accións legais para aclarar se fora vítima de espionaxe constatándose a participación dun suboficial do exército, Fernando Díez, na intercepción do seu teléfono. Ademais, como recoñecería a propia Evelyn Matthei, ela recibiu a gravación e foi quen a remitira ao dono de Mega Televisión para facela pública. O escándalo fixo que ambos se retiraran da carreira electoral e foi interpretado como un intento das forzas armadas para impedir que sectores políticos máis liberais e menos vencellados ao pinochetismo, como o que encarnaba Piñera, se fixeran co control da dereita chilena.

Intentos por ser o candidato a Presidente do centro dereita En 1998 a detención de Augusto Pinochet en Londres por orde do xuíz español Baltasar Garzón, convulsionou a política chilena. Na altura senador, Sebastián Piñera, participou de xeito destacado nas mobilizacións que pedían a liberación do ditador. Nunha delas fixo un discurso no que arroupou á familia Pinochet e cuestionou a a actuación da Xustiza española amparándose na soberanía de Chile.

En 1999 foi candidato presidencial de Renovación Nacional para a Alianza para Chile, a coalición de dereita na que tamén se integraba a Unión Demócrata Independente, que propuxo a Joaquín Lavín. Este último sería o gañador das eleccións internas, aínda que sería derrotado nas eleccións presidenciais por Ricardo Lagos da Concertación, coalición de centro esquerda. Entre 2001 e 2004 foi presidente de Renovación Nacional e en 2005, foi o candidato á Presidencia do Estado por ese partido. Nas eleccións, as que o centro dereita concorría dividido entre Piñera e Lavín pola UDI, saldouse coa vitoria de socialista Michelle Bachelet co 46,5%, obtendo Piñera o 25,41%, quen sacou máis de dous puntos a Joaquín Lavín. Na segunda volta, Bachelet impúxose co 53,5 fronte o 46,5% de Sebastián Piñera.

Pasamento Faleceu ás 14.47 horas locais do 6 de febreiro de 2024 nun accidente dun helicóptero Robinson R66 sobre o Lago Ranco, na rexión de Los Ríos. A meteoroloxía era mala, cunha forte choiva e refachos do vento. Segundo as primeiras informacións, o helicóptero, guiado polo propio Sebastián Piñera, precipitou contra o lago despois da engalaxe. Canda Sebastián Piñera, estaban na aeronave outras catro persoas, tres das cales lograron sobrevivir.

Presidente de Chile Primeiro período (2010-2014) En 2009 optou á presidencia de novo como candidato da coalición entre Renovación Nacional, UDI e ChilePrimeiro. Na primeira volta, o 13 de decembro de 2009, acadou o 44,05% dos votos fronte o candidato do centro esquerda, Eduardo Frei Ruiz-Tagle (29,60%), pasando ambos á segunda. Finalmente o 17 de xaneiro de 2010, logrou ser escollido Presidente co 51,61%. Foi a primeira vitoria electoral da dereita en 20 anos desde a restauración da democracia.

Os seus primeiros catro anos de goberno (2010-2014) estiveron marcados pola reconstrución derivada do terremoto de febreiro de 2010, o rescate de 33 mineiros no norte de Chile e folgas en escolas e universidades en 2011, así como un crecemento económico moi destacado.

Reconstrución logo do terremoto de febreiro de 2010 Na madrugada do 27 de febreiro de 2010, tivo lugar un sismo a 12,5 quilómetros do litoral chileno cunha magnitude de 8,8. O terremoto foi acompañado por un tsunami que afectou especialmente á costa das rexións de Maule e Biobío. Considérase que foi o peor desastre natural de Chile dende o terremoto de Valdivia de 1960 e causou a morte mais de 500 persoas. Sebastián Piñera xurou como Presidente de Chile días máis tarde, o 11 de marzo, ante o Congreso Nacional reunido en Valparaíso, acto que foi sorprendido polas réplicas do terremoto.

A reconstrución foi o primeiro grande desafío do seu executivo. Deste xeito, presentou o plan "Chile unido reconstrúe mellor" que pretendía dar cobertura a case 200 000 familias que se viran afectadas pola traxedia natural. Este contemplaba daba axudas ás familias para acometer obras nas vivendas afectadas así como dotar de fogares provisionais ás que o precisaran. Este esquema completouse co bono "Mans á obra" cun importe total de 15 millóns de dólares que se destinarían á merca de material de obra para ás familias afectadas. Estas axudas foron acompañadas cun cobizoso programa de reconstrución que destinaba máis de 9 000 millóns de dólares para vivenda, sanidade, educación, infraestruturas.

Rescate dos mineiros de Copiapó miniatura|Sebastián Piñera amosa a mensaxe dos mineiros atrapados en San José (22-8-2010) O 5 de agosto de 2010 houbo un colapso na mina de cobre San José en Copiapó, no deserto de Atacama, que deixou atrapados a 33 operarios. Os primeiros intentos de rescate fracasaron dado que o día 7 de agosto un segundo derrubamento fixo imposible a saída dos mineiros pola cheminea de ventilación e levou a suspender a operación. Sebastián Piñera cesou a tres altos cargos do Servizo de Nacional de Xeoloxía e Minaría por erros na supervisión da explotación. Unha vez retomados os traballos de auxilio, estes se centraron en sondaxes que permitiran establecer contacto cos traballadores: finalmente, o 22 de agosto foi atopado un papel escrito que dicía "estamos ben no refuxio os 33" o que confirmaba que os mineiros estaban con vida. O documento foi feito público polo presidente Piñera. A partir de entón, as comunicacións co grupo foron posibles e comezou unha complexa tarefa para levar á superficie aos mineiros que se completou o 13 de outubro, logo de 69 días despois do accidente. O éxito do rescate deu gran popularidade ao mandatario tanto a nivel nacional como internacional, pois a saída dos mineiros foi televisada en directo acadando unha audiencia que se estima en mil millóns de espectadores.