Gabriel Gómez Estévez (Gabriel G. Esteves), nado en París o 9 de abril de 1980, é un escritor galego. Traxectoria Fillo de emigrantes, naceu en París pero pasou a súa infancia e adolescencia en Vigo. En 1998 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente segue a vivir na mesma cidade.

Ten traballado como profesor, asesor lingüístico, corrector, tradutor, monitor cultural e camareiro.

Escritor en lingua galega, leva escribindo desde cativo. Na carreira dá algún recital de poesía, colabora coa revista A Caramuxa, voceiro do grupo literario Colectivo Sacou, e gaña o seu primeiro premio no campo da narrativa, grazas a unha serie de relatos reunidos baixo o título O amor a través dos tempos. Unha vez acabada a carreira, en 2005 gaña o premio Na Vangarda, que promove a novos creadores (actual Xuventude Crea) co relato Moçalomihi, onde traslada o conflito árabe-israelí a un mundo alternativo. En 2018 ve publicada a súa primeira obra, Matrioskas, unha novela coral coa cidade de Santiago de Compostela como pano de fondo. En 2020 gaña o premio Selic coa súa obra Baleiro, novela futurista distópica ambientada tamén na capital de Galiza. En 2021 leva o segundo premio do Manuel Murguia grazas ao relato A caverna de Lara, onde se contan os efectos da pandemia de COVID-19 nunha adolescente. Nese mesmo ano, queda finalista nos premios Bellvei Negre e Sed de Mal con outra novela distópica, esta volta de xénero negro, titulada Os fillos de Crono. A finais de 2021 sae publicada en castelán.

Obra Matrioskas, Ed. Do Peirao, 2018. Baleiro, Ed. Positivas/Concello de Santiago de Compostela, 2021. Los hijos de Crono, Ed. Atlantis, 2021. Obra colectiva Na vangarda, 2005, Xunta de Galicia, co relato Moçalomihi.

Premios Primeiro premio do certame literario Voces da Terra en 2000, convocado polos CAF de Filoloxía da USC, por O amor a través dos tempos. Primeiro premio do certame Na vangarda no 2005, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, na categoría de relato longo, co relato Moçalomihi. Premio Selic de novela en 2020, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, coa obra Baleiro. Segundo premio do certame Manuel Murguia de narracións breves en 2021, organizado polo Concello de Arteixo, co relato A caverna de Lara. Finalista no premio Bellvei Negre de novela en 2021, promovido desde o Concello de Bellvei e organizado pola emisora Bellvei Radio, coa novela Los hijos de Crono. Finalista no premio Sed de Mal de novela en 2021, convocado polo Festival Octubre Negro en Madrid, Ediciones Atlantis e o Colectivo de Escritores Lee o Muere, coa novela Los hijos de Crono.

Notas

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1980 Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados na diáspora galega