Emma Charlotte Duerre Watson, nada o 15 de abril de 1990 en París, Francia, é unha actriz e activista inglesa. É coñecida pola súa participación en producións cinematográficas de éxito mundial e filmes independentes, así como pola súa loita a favor dos dereitos da muller. O longo da súa traxectoria recibiu diversos premios e recoñecementos, entre os que destacan un Premio Young Artist e tres MTV Movie Awards. Segundo as revistas Forbes e Vanity Fair, Watson atópase entre as actrices mellor pagadas do mundo, e en 2015 a revista Time incluíuna entre as 100 persoas máis influentes do mundo dese ano.
Watson acudiu á Dragon School e recibiu formación de interpretación na Stagecoach Theatre Arts de Oxford. Acadou recoñecemento internacional sendo aínda unha nena cando conseguiu o seu primeiro papel profesional interpretando a Hermione Granger na serie de filmes de Harry Potter, cando daquela só tiña experiencia en obras de teatro escolares. Tamén protagonizou en 2007 a adaptación televisiva da novela Ballet Shoes e puxo a súa voz no filme The Tale of Despereaux (2008). Despois de finalizar a saga de Harry Potter, entre 2011 e 2014, Watson compaxinou o seu tempo entre o cinema e continuar os seus estudos, graduándose en literatura inglesa en maio de 2014 pola Universidade Brown. Ese mesmo ano, foi "embaixadora de boa vontade" na axencia ONU Mulleres e axudou a lanzar a campaña HeForShe, que loita pola igualdade de xénero. En 2018, axudou no proxecto Time's Up UK como fundadora. Watson tamén participou no órgano consultor para o G7 polos dereitos das mulleres en 2019, falando con líderes sobre política exterior.
Watson tamén traballou como modelo en campañas para Burberry e Lancôme. Ademais, puxo o seu nome a unha liña de roupa sostíbel para a marca People Tree. En 2020, uniuse ao cadro de directores de Kering, unha marca de luxo na que avoga pola moda sostíbel.
Traxectoria En 1999 comezaron os castings para Harry Potter e a pedra filosofal, a adaptación cinematográfica do supervendas homónimo da novelista inglesa J. K. Rowling. Os encargados do casting atoparon a Watson a través da súa profesora de teatro en Oxford e os produtores ficaron gratamente abraiados pola confianza en si mesma que tiña a rapaza. Tras oito audicións, o produtor David Heyman comunicoulles a Watson, Daniel Radcliffe e a Rupert Grint, que foran seleccionados para interpretar a Hermione Granger, Harry Potter e Ron Weasley, respectivamente. A autora da novela, Rowling, xa mostrara o seu apoio a Watson dende que viu a súa primeira proba. miniatura|esquerda|Pegadas das mans e pés de dos protagonistas da saga Harry Potter. O debut de Watson como Hermione Granger chegou en 2001, coa estrea de Harry Potter e a pedra filosofal, película que bateu récords de público durante a súa primeira fin de semana, sendo a produción máis exitosa dese ano. A crítica eloxiou, maioritariamente, o traballo da tríade protagonista, facendo fincapé na interpretación de Watson. O xornal inglés The Daily Telegraph describiu o seu traballo como «admirable», e IGN afirmou «fíxose dona da función». Watson foi nomeada a cinco premios polo seu traballo, acadando o Young Artist á Mellor interpretación xuvenil-Protagonista (Young Artist Award for Leading Young Actress). miniatura|Watson na estrea de Harry Potter e o Cáliz de fogo en novembro de 2005. Ó ano seguinte, Watson retomou o papel de Hermione en Harry Potter e a Cámara dos Segredos, a segunda entrega da serie. Aínda que o filme recibiu diversas críticas mixtas, en xeral, valorouse positivamente o traballo do elenco e Watson recibiu un premio Otto polo seu labor, outorgado pola revista alemá Die Welt.
En 2004 estreouse Harry Potter e o preso de Azkaban. Watson destacou a personaxe de Hermione nesta terceira entrega, que definiu como "carismático" e "un gran papel para interpretar". A pesar de que a crítica comezou a cuestionar o traballo do protagonista Daniel Radcliffe, Watson continuou recibindo críticas positivas; The New York Times eloxiou a súa interpretación, destacando que "afortunadamente o insípido traballo do señor Radcliffe queda compensado pola aguda impaciencia e rapidez da señorita Watson". Aínda que Harry Potter e o preso de Azkaban permanece, a xaneiro de 2008, como o filme con menos público da serie, representou o maior éxito de Watson, recibindo dous premios Otto e o premio á Actuación xuvenil do ano da revista Total Film (Child Performance of the Year).
Coa estrea en 2005 de Harry Potter e o Cáliz de fogo, tanto Watson como a serie superaron tódolos rexistros anteriores. A película bateu récords de público na súa primeira fin de semana, tanto nos Estados Unidos como no Reino Unido. Nomeada en tres premios polo Cáliz de fogo, Watson foi galardoada cun Otto de bronce. No 2006 interpretou a Hermione en The Queen´s Handbag, un mini episodio especial de Harry Potter para celebrar o oitenta aniversario da raíña Sabela II.
A quinta entrega, Harry Potter e a Orde do Fénix, estreada en 2007, foi todo un éxito financeiro: estableceu a cifra récord, a nivel mundial, de $333,7 millóns na súa primeira fin de semana. Watson gañou o primeiro National Movie Award á mellor interpretación feminina e o premio á mellor actriz nos Nickelodeon Kids' Choice Awards. En xullo de 2007, Watson e os seus compañeiros Daniel Radcliffe e Rupert Grint, deixaron as pegadas das súas mans, pés e variñas fronte ó Grauman's Chinese Theatre en Hollywood.
A gravación do sexto título da serie de filmes de Harry Potter comezou a finais de 2007. Harry Potter e o misterio do príncipe estreouse o 15 de xullo de 2009,, aínda que a súa estrea estaba prevista para novembro de 2008. The Washington Post publicou que Watson dera "[a súa] mellor actuación até o momento", mentres que The Daily Telegraph indicou que os actores principais estiveran "novamente liberados e con enerxía, con ganas de dalo todo para o que resta da saga".
A gravación do final da saga comezou o 18 de febreiro de 2009 e rematou o 12 de xuño de 2010. Por motivos financeiros e de guión, o libro orixinal foi dividido en dous filmes que se gravaron de xeito consecutivo. Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) estreouse en novembro de 2010, mentres que Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) fíxoo en xullo de 2011. Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) foi un éxito comercial e recibiu moi boas críticas, sendo o filme con maior éxito no que participou Watson até o momento.
Filmografía miniatura|Watson en 2012. Cinema Ano Título Personaxe Notas 2001 Harry Potter e a pedra filosofal Hermione Granger 2002 Harry Potter e a Cámara dos Segredos 2004 Harry Potter e o preso de Azkaban 2005 Harry Potter e o Cáliz de fogo 2007 Harry Potter e a Orde do Fénix 2008 The Tale of Despereaux Princesa Pea Voz 2009 Harry Potter e o misterio do príncipe Hermione Granger 2010 Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) 2011 Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) My Week with Marilyn Lucy 2012 The Perks of Being a Wallflower Samantha "Sam" Button 2013 The Bling Ring Nicki Moore This Is the End Emma Watson 2014 Noah Ila 2015 Colonia Lena Regression Angela Gray 2017 Beauty and the Beast Belle The Circle Mae Holland 2019 Little Women Margaret "Meg" March
Televisión Ano Título Personaxe Notas 2007 Ballet Shoes Pauline Fossil Telefilme 2015 The Vicar of Dibley Iris Episodio: "The Bishop of Dibley" 2022Harry Potter 20th Anniversary: Return to Hogwarts Emma Watson Episodio especial (reunión)
Vídeos musicais Ano Título Personaxe Artista 2010 "Say You Don't Want It" Dama One Night Only
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Guía dos actores de Harry Potter
Categoría:Actores de Inglaterra Categoría:Actores infantís de Inglaterra Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en París Categoría:Modelos femininas de Inglaterra Categoría:Feministas do Reino Unido Categoría:Activistas do Reino Unido