Wladimir Peter Köppen, nado en San Petersburgo o 25 de setembro de 1846 e finado en Graz, Austria, o 22 de xuño de 1940, foi un xeógrafo, meteorólogo, climatólogo e botánico ruso de ascendencia alemá que desenvolveu a súa carreira científica en Alemaña e Austria. A súa grande contribución foi a clasificación climática de Köppen, aínda usada hoxe en día, con algunhas modificacións, para clasificar os climas da Terra, baseándose case en exclusiva nos datos de temperaturas e precipitacións.

Traxectoria De pais alemáns, naceu en Rusia e estudou en Crimea. Doutorouse en Leipzig en 1870 cun estudo sobre os efectos da temperatura no crecemento das plantas. En 1875 empezou a traballar no Observatorio Naval alemán de Hamburgo, onde se fixo responsable do seu servizo de predición meteorolóxica.

A partir de 1884 empezou a traballar nunha clasificación exhaustiva dos climas da Terra, empresa que non culminou ata o 1918, cando publicou a versión completa da súa clasificación, aínda que posteriormente el mesmo lle fixera varias modificacións, datando a última de 1936.

Tamén realizou estudos de paleoclimatoloxía xunta ao seu xenro Alfred Wegener, famoso pola súa teoría da deriva continental e colaborou co climatólogo alemán Rudolf Geiger na elaboración dos cinco volumes da súa obra Handbuch der Klimatologie (Manual de Climatoloxía, en tradución literal ao galego).

Véxase tamén

Ligazóns externas Clasificación climática de Köppen

Categoría:Climatólogos de Alemaña Categoría:Meteorólogos de Alemaña Categoría:Botánicos de Alemaña Categoría:Botánicos de Rusia Categoría:Xeógrafos de Rusia Categoría:Xeógrafos de Alemaña Categoría:Nados en 1846 Categoría:Nados en San Petersburgo Categoría:Finados en 1940