A castañeta ou palometa (Brama brama, Bonaterre 1788) é un peixe mariño da familia dos brámidos (Bramidae), de corpo moi comprimido lateralmente e cor gris escura, polo que resulta inconfundible.

Descrición O talle habitual oscila entre os 30 e os 50 cm e pesos dun quilogramo, con máximos de 70 cm. Presenta un corpo alto, ovalado e comprimido lateralmente. Ten unha aleta dorsal única e as aletas pectorais grandes; a aleta caudal, profundamente dividida.

A pel é dura e cuberta de grandes escamas. A cor gris escura, case negra no dorso e aclarando no ventre.

Hábitat e distribución Vive entre os 100 e os 400 m de profundidade, en augas abertas e formando pequenos bancos. Achégase á costa só en época de reprodución. Aliméntase de pequenos peixes, cefalópodos e pequenos invertebrados mariños.

A especie está amplamente distribuída, sobre todo no Atlántico, sur do Pacífico e mar Mediterráneo.

Pesca e aproveitamento Péscase na primavera e no verán, normalmente con palangre. O talle mínimo é de 18 cm. As vendas nas lonxas galegas no ano 2010 ascenderon a 7 357 103 kg, case o dobre dos anos anteriores (entre 3,5 e 4,5 millóns de quilos).

Foi unha especie abundante e popular, pola calidade da súa carne e o prezo accesible. Trátase dun peixe semigraxo, cun 5% de graxa, que achega 125 calorías por 100 gramos.

A carne da castañeta pode estar parasitada pola larva dun cestodo cuxo hóspede definitivo son os grandes seláceos. Trátase dunha tenia Gymnorhynchus gigas Juana Mª Pereira Bueno e Ignacio Ferre Pérez: Parásitos del pescado. Universidad de León, 1997, px, 21., cuxa larva na castañeta adopta a forma dun longo verme branco que se estende entre as fibras musculares. Non é prexudicial para o home pero pode chegar a dar unha imaxe moi desagradable e, en caso de invasión masiva, o comiso do peixe.

Especies afíns Outros peixes parecidos á castañeta son os seguintes: Castañeta encarnada (Beryx decadactylus), con forma semellante pero de cor vermella característica. Palometa do Pacífico (Brama japonica), dun tamaño duns 60 cm. Péscase no océano Pacífico. Teratichthys steindaxhneri, semellante á anterior en forma e distribución, pero de maior tamaño.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999. RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba. ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema: Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia), 2005.

Ligazóns externas Pescade Galicia.com Eroski "Un caso de invasión masiva de larvas do cestodo 'Gymnorhynchus gigas' en músculos de 'Brama raii'", en Acta Ichthyiologica et Piscatoria (1976)

Categoría:Percoideos Categoría:Peixes de Galicia Categoría:Animais descritos en 1788