O Bismarck foi un acoirazado alemán e un dos barcos de guerra máis famosos da segunda guerra mundial. Era o principal barco da súa clase, e foi chamado así polo chanceler alemán do século XIX Otto von Bismarck. O Bismarck desprazaba máis de 50.000 toneladas totalmente cargado e foi o barco de guerra máis grande encargado no seu tempo.

O Bismarck tomou parte nunha única operación durante a súa breve carreira. Xunto co cruceiro pesado Prinz Eugen deixou Gotenhafen (Gdynia) na mañá do 17 de maio de 1941 para a Operación Rheinübung, durante a cal intentou interceptar e destruír os convois en transito entre Norteamérica e o Reino Unido. Cando o Bismarck e o Prinz Eugen intentaron entrar no Atlántico foron descubertos pola Royal Navy e produciuse a batalla do Estreito de Dinamarca. Durante o curto encontro, o cruceiro de batalla HMS Hood, buque insignia da Home Fleet e orgullo da Royal Navy, foi afundido despois de varios minutos de disparos. En resposta, o primeiro ministro británico Winston Churchill deu a orde "Afundir o Bismarck!", estimulando a súa busca incesante por parte da Royal Navy.

Dous días despois, co Bismarck case ao alcance de augas máis seguras, biplanos Swordfish da Fleet Air Arm lanzados dende o portaavións HMS Ark Royal torpedearon o barco e danaron o seu temón, permitíndolle ás unidades pesadas británicas alcanzalo. Na batalla acaecida na mañá do 27 de maio de 1941, o Bismarck foi fortemente atacado durante dúas horas antes de afundirse. A súa destrución apareceu nas portadas dos xornais de todo o mundo.

Fabricación e entrada en servizo O deseño do Bismarck comezou a principios dos anos 30, despois de que Alemaña desenvolvese a a clase Deutschland de "acoirazados de peto" e a clase Scharnhorst de acoirazados. O Bismarck foi planeado como o prototipo para outros acoirazados previstos polo Plan Z, como a clase H. A quilla do Bismarck foi colocada no estaleiro Blohm & Voss en Hamburgo o 1 de xullo de 1936. Botouse o día 14 de febreiro de 1939 e foi bautizado por Dorothea von Löwenfeld, unha neta de Otto von Bismarck. O acoirazado foi posto en servizo no 24 de agosto de 1940 co Kapitän zur See Ernst Lindemann ao mando.

Cando o Bismarck entrou en servizo, era o buque de guerra máis grande ata a data. Segundo o Plan Z, pretendíase que fose parte dun escuadrón de acoirazados rápidos que actuase en primeira liña de batalla con acoirazados maiores en segunda liña; porén, co estoupido da guerra en 1939 e o aumento da demanda da industria armamentística alemá, o Plan Z xa non era práctico. Como resultado, o Bismarck foi usado como cazador de barcos comerciais. Era razoablemente axeitado para esta tarefa, sendo máis rápido que calquera acoirazado da Royal Navy, e as súas cualidades de resistencia eran realmente boas para o seu tempo e mellores cas dos acoirazados británicos que podían darlle caza.

Oficiais superiores Comandante da Frota: Admiral Günther Lütjens Xefe do Estado Maior da Frota: Kapitän zur See Harald Netzband Capitán: Kapitän zur See Ernst Lindemann Primeiro oficial: Fregattenkapitän Hans Oels Oficial de navegación: Korvettenkapitän Wolf Neuendorff Enxeñeiro xefe: Korvettenkapitän Dipl-Ing Walter Lehmann Primeiro oficial de artillaría: Korvettenkapitän Adalbert Schneider

Operación Rheinübung Ruptura no Atlántico O Bismarck completou as preparacións para a súa saída cara ao Atlántico no golfo de Gdansk, reabastecéndose de combustible e deixando o porto de Gotenhafen (na actualidade Gdynia) para a súa primeira e única misión, co nome en código Rheinübung nas primeiras horas do 19 de maio de 1941. Estaba acompañado só polo cruceiro pesado Prinz Eugen. Outros barcos capitais, como os acoirazados Gneisenau e Scharnhorst, que ían participar na operación, non estaban dispoñibles por problemas mecánicos e danos de combate. Por outra banda, os plans de usar o barco irmán do Bismarck, o Tirpitz, foron deixados de lado porque aínda non rematara as probas no mar. A pesar destes contratempos, a misión seguiu adiante baixo o mando do Almirante Günther Lütjens. Os alemáns tiñan varios obxectivos: destruír o maior número de buques aliados posible e forzar aos británicos a suspender os convois, aínda que fose temporalmente; compensar a súa débil presenza de submarinos no Atlántico; desviar forzas navais británicas do Mediterráneo para reducir os riscos da planeada invasión da illa de Creta e para permitir o apoio e reforzo dos Afrika Korps de Rommel en Libia; e desgastar os buques de guerra británicos forzados a estender as súas patrullas. Para a primeira parte da viaxe, ata Noruega, preferiuse a ruta do Báltico en lugar de cruzar pola canle de Kiel para chegar ao mar do Norte.

Os británicos souberan polo sistema Ultra (que conseguía descifrar as mensaxes en código Enigma) sobre a vixilancia aérea do estreito de Dinamarca e da base da Royal Navy en Scapa Flow, así como os plans de saída cara ao Atlántico do Bismarck (porén, os británicos non desencriptaron mensaxes de Enigma sobre do Bismarck durante Rheinübung). Os cruceiros pesados británicos equipados con radar capaces de reabastecerse de combustible en Islandia, foron enviados a patrullar o estreito de Dinamarca. Os escuadróns non equipados para reabastecerse en combate agardaron un avistamento dos buques despregados. O 20 de maio de 1941, o cruceiro sueco HMS Gotland atopou e rastrexou o grupo de combate alemán dirixíndose cara ao noroeste pasado Gotemburgo. Un oficial noruegués en Estocolmo decatouse do avistamento por unha fonte militar sueca e informou ao agregado naval británico, que inmediatamente chamou ao Almirantado.

Alertado por este informe, ás 03:30 do 21 de maio, o Almirantado pediu un recoñecemento aéreo da costa norueguesa. Un Spitfire de recoñecemento atopou e fotografou ao Bismarck no fiorde de Grimstad (60°19.49′N 5°14.48′E), preto de Bergen ás 13:15, e menos de dúas horas despois o Bismarck e o Prinz Eugen atracaron na cidade norueguesa. Con esta importante información, a Home Fleet británica enviou aos acoirazados HMS Prince of Wales e HMS Hood, escoltados por un feixe de destrutores, cara Islandia. Catro cruceiros foron cubrir a vía de escape cara ao Atlántico Norte do estreito de Dinamarca e o oco entre as Feroes e Islandia.

As ordes operacionais do Bismarck non requirían que se abastecese en Bergen (o Prinz Eugen fíxoo por necesidade), e o acoirazado non tomou combustible extra no día que pasou no Grimstadfiord. Este feito tería posteriormente consecuencias serias para o barco, sobre todo porque saíra dende Gotenhafen sen que os tanques estivesen completamente cheos e xa consumira unha décima parte da súa carga durante a viaxe ata Noruega. O Almirante Lütjens sabía que un barco de abastecemento, o Weissenberg, estaba agardando por eles no Ártico, a polo menos un día de navegación. Foi estraño que, aínda tendo esta información, non aproveitase esa oportunidade de recargar o Bismarck para a que podería ser unha perigosa viaxe. Por outra banda, a súa decisión de parar en Bergen revogou unha decisión anterior de dirixirse directamente cara ao Ártico e o Weissenberg. Isto tamén lles fixo perder un día e expúxoos á detección da vixilancia aérea británica. miniatura|300px|Mapa da Operación Rheinübung e operación británicas para dar caza ao Bismarck Ás 19:45 do 21 de maio Lütjens botouse ao mar, separándose da súa escolta de destrutores a primeiras horas do 22 de maio. Dirixíndose cara ao norte, e posteriormente cara ao noroeste a 24 nós, a frota alemá avanzou a bo ritmo e sen incidentes polo mar de Noruega cara ao estreito de Dinamarca entre Islandia e Groenlandia, a porta de entrada ao Atlántico. Este tortuoso curso ía en contra das recomendacións do Grupo Norte de entrar no océano pola ruta que ía entre Islandia e as illas Feroe. Tamén estaba demasiado ao sur para citarse co Weissenberg e recargar o Bismarck. Porén, mentres estiveron en augas do círculo polar ártico, o Bismarck e o Prinz Eugen non foron detectados polo recoñecemento aéreo británico, que estaba demasiado ao sur. Coa mente no asalto de convois, Lütjens agardaba unha ruptura doada no Atlántico axudada pola brétema, pero eses plans foron frustrados.

O recoñecemento aéreo por debaixo das nubes realizado pola Fleet Air Arm da Royal Navy o 22 de maio comprobou que o Bismarck saíra de Bergen. Con esta información a frota de combate da Home Fleet, incluídos o acoirazado HMS King George V e o portaavións Victorious, fíxose ao mar. Ao Escuadrón de Acoirazados, xa de camiño cara Islandia, ordenóuselle cubrir o estreito de Dinamarca. Unha misión de bombardeo realizada o 22 de maio pola RAF foi infrutuosa, xa que os alemáns xa marcharan.

Na tarde do 23 de maio, a forza alemá foi detectada polos cruceiros pesados HMS Suffolk e Norfolk, que estiveran patrullando o estreito de Dinamarca na espera dunha ruptura alemá. O Norfolk, que se achegara demasiado aos barcos alemáns, foi atacado brevemente polos canóns pesados do Bismarck. O Norfolk estivo a piques de quedar fóra de combate cando un proxectil do Bismarck rebotou na auga e golpeou a ponte, pero non chegou a estoupar e non causou vítima algunha. Os cruceiros británicos, superados en capacidade de fogo polos alemáns, retiráronse a unha distancia segura e agocháronse do inimigo mentres chegaban as súas unidades máis pesadas. Porén, o radar frontal do Bismarck comezou a fallar debido ao retroceso dos disparos dos seus canóns durante a escaramuza, polo que Lütjens viuse na obriga de ordenar ao Prinz Eugen que se adiantase para que o seu radar lle proporcionase cobertura ao escuadrón. Esta decisión confundiu posteriormente aos británicos sobre a identidade dos barcos alemáns, xa que as súas siluetas eran semellantes.

Batalla do Estreito de Dinamarca A aproximadamente as 05:30 do sábado 24 de maio, cando os alemáns estaban a piques de abandonar o estreito de Dinamarca, os hidrófonos do Prinz Eugen detectaron a presenza de dous barcos máis a babor. Cara ás 05:45 ambos estaban á vista, aínda que os alemán non identificaron á forza inimiga. Resultou ser un grupo de batalla británico formado polo novo acoirazado Prince of Wales e o envellecido cruceiro de batalla Hood, baixo o mando do Contraalmirante Lancelot Holland. O Prince of Wales fora recentemente rematado e aínda estaban traballando nel (de feito no encontro co Bismarck había ao redor de 100 traballadores civís a bordo completando o seu equipamento). O Hood fora construído como un cruceiro de batalla e modificado para darlle a protección dun acoirazado, pero aínda tiña unha blindaxe na cuberta relativamente débil. Os alemáns non se sorprenderon de ser detectados polos barcos británicos, pero que chegasen dous buques capitais ao seu encontro foi un acontecemento inesperado. 300px|miniatura|O Bismarck disparando ao Prince of Wales o 24 de maio de 1941 Ás 05:49 Holland ordenou fogo concentrado no barco líder inimigo, o Prinz Eugen, pensando que era o Bismarck. Afortunadamente para os británicos, o capitán do Prince of Wales decatouse rapidamente do erro e cambiaron o seu obxectivo. Holland modificou a súa orde para interceptar o barco correcto, pero non chegou a tempo da primeira salva do Hood.O Hood realizou os primeiros disparos da batalla ás 05:52, cando xa era de día, seguido pouco despois polo Prince of Wales. O alcance dos barcos alemáns era de aproximadamente 20 km. A primeira salva do Hood impactou preto do Prinz Eugen, causando danos menores pola metralla preto das torretas de popa.