A psicoloxía social é un campo destacado da psicoloxía. Xurdiu para establecer unha ponte entre a psicoloxía e a socioloxía. O seu obxecto de estudo é o comportamento dos individuos cando están en interacción. A Psicoloxía Social pode ser definida como o condicionamento que os procesos mentais impoñen á vida social do home, ao mesmo tempo que as diversas formas da convivencia social inflúen na manifestación concreta dos mesmos.

Historia A psicoloxía social naceu a mediados do século XIX, na Alemaña, grazas ao traballo de Wilhelm Wundt, quen creou o primeiro laboratorio de psicoloxía en Leipzig.

Afirmou Allport en 1954 que «os psicólogos sociais consideran a súa disciplina como un intento de comprender e explicar como os pensamentos, sentimentos e conduta dos individuos son influenciados pola presenza actual, imaxinada ou implícita doutros seres humanos».(p. 5, 1954), Allport, G. The historical background of modern social psychology. En G. Lindzey (Ed.), Handbook of social psychology (pp. 3-56), Vol. 1. Reading, Mass.: Addison-Wesley. Nunha segunda edición de 1968, Allport presenta unha lixeira ampliación desta definición, afirmando que «A psicoloxía social é unha disciplina na cal as persoas tentan comprender, explicar e predicir como os pensamentos, sentimentos e accións dos individuos son influenciados polos pensamentos, sentimentos e accións percibidos, imaxinados ou implícitos doutros individuos» (Raven & Rubin, p. 16, 1983). A segunda definición que revisaremos é a de Baron & Byrne (1994), quen expoñen que a tarefa central dos psicólogos sociais é comprender como e por que os individuos se comportan, pensan e senten como o fan, en situacións que implican outras persoas.Baron, R. & Byrne, D. (1994). Social psychology: Understanding human interaction (7th. ed.). Boston: Allyn and Bacon.

Respecto da definición inicial deste artigo, o termo «científico» refírese ao método empírico de investigación. Os vocábulos «pensamento», «sentimento» e «comportamento» inclúen todas as variables psicolóxicas que se poden medir nun ser humano. A afirmación de que outras persoas poden ser «imaxinadas» ou «implícitas» suxire que, de maneira inevitable, estamos influenciados socialmente, mesmo cando:

a) non hai outros individuos presentes —como cando vemos a televisión na casa—.

b) seguimos normas culturais interiorizadas.

A psicoloxía social tamén é definida como «a ciencia que estuda os fenómenos sociais e intenta descubrir as leis polas que se rexe a convivencia». Investiga as organizacións sociais e trata de establecer os patróns de comportamento dos individuos nos grupos, os roles que desempeñan e todas as situacións que inflúen na súa conduta.

Tipicamente, os psicólogos sociais explican o comportamento humano como resultado da interacción de estados mentais e situacións sociais inmediatas. Na heurística de Kurt Lewin, o comportamento pode ser visto como unha función da persoa e do medio, C=f(P, M). En xeral, os psicólogos sociais teñen preferencia polos achados empíricos baseados en laboratorios. As súas teorías tenden a ser específicas e enfocadas, en vez de globais e xerais.

A psicoloxía social é un proxecto interdisciplinario que salva o espazo entre a psicoloxía e a socioloxía. Durante os anos inmediatamente posteriores á Segunda Guerra Mundial, houbo unha colaboración frecuente entre psicólogos e sociólogos.Sewell, W. H. (1989). Some reflections on the golden age of interdisciplinary social psychology. Annual Review of Sociology. Vol. 15 Porén, as dúas disciplinas adoptaron unha actitude cada vez máis especializada, illándose a unha da outra. Nos últimos anos, os sociólogos centráronse nas macrovariables (por exemplo, a estrutura social), avanzando cara a unha extensión moito maior. Non obstante, os enfoques sociolóxicos da psicoloxía social convértense nunha importante contraparte da investigación psicolóxica nesta área.

Ademais da ruptura entre a psicoloxía e a socioloxía, houbo unha diferenza bastante menos pronunciada no énfase entre os psicólogos sociais estadounidenses e os psicólogos sociais europeos. Facendo unha ampla xeralización, pódese dicir que, tradicionalmente, os investigadores estadounidenses se centraron máis no individuo, mentres que os europeos prestaron máis atención aos fenómenos a nivel de grupo.Moscovici, S. & Markova, I. (2006). The making of modern social psychology. Cambridge, UK: Polity Press

Aínda que o actual predominio anglosaxón nesta disciplina pretendeu establecer a súa orixe nos Estados Unidos, a realidade é que serán os traballos de Gustave Le Bon, especialmente a súa obra Psicoloxía das Masas (1895), e moi especialmente os de Gabriel Tarde, en particular obras como As Leis da imitación (1890) e A opinión e a multitude (1901), os que a inician. Nos Estados Unidos, o primeiro estudo publicado nesta área foi un experimento sobre o fenómeno de facilitación social.Triplett, N. (1898). The dynamogenic factors in pacemaking and competition. American Journal of Psychology. 9, 507-533 Durante os anos 1930, moitos psicólogos da Psicoloxía da Gestalt, entre eles Kurt Lewin, fuxiron da Alemaña nazi cara aos Estados Unidos. Foron fundamentais no desenvolvemento do campo como algo distinto das escolas de psicoloxía condutista, comportamental e psicanalítica que eran dominantes nese momento, e a psicoloxía social continuou mantendo o legado dos seus intereses na percepción, na cognición e no acto de consciencia individual e colectivo. As actitudes e unha variedade de fenómenos de grupos pequenos foron os temas máis estudados durante esta época.

Durante a Segunda Guerra Mundial, os psicólogos sociais estudaron a persuasión e a propaganda para os militares estadounidenses. Despois da guerra, os investigadores interesáronse por unha variedade de problemas sociais, incluíndo as cuestións de xénero e o prexuízo racial. Durante os anos sesenta, existiu un interese crecente por unha variedade de novos temas como a disonancia cognitiva, o efecto espectador e a agresión. Porén, nos anos setenta, a psicoloxía social nos EE.UU. chegara a unha crise. Houbo un intenso debate sobre a ética e a deontoloxía na experimentación no laboratorio, sobre se as actitudes predín realmente o comportamento ou non, e sobre canta ciencia podía facerse nun contexto cultural.Gergen, K. J. (1973). Social psychology as history. Journal of Personality and Social Psychology, 26, 309-320 Paralelamente, un enfoque situacionista radical desafiou a relevancia do eu e da personalidade na psicoloxía.

Na década de 1960, Enrique Pichon-Rivière creou a Psicoloxía Social Arxentina, cos vínculos como obxecto de estudo e con foco nos grupos, institucións e comunidade.

A psicoloxía social alcanzou a madurez na teoría e no método durante os anos 1980 e 1990. Actualmente, coidadosos estándares éticos regulan a investigación, e xurdiron máis perspectivas pluralistas e multiculturalistas. Os investigadores modernos interésanse por unha variedade de fenómenos, pero a atribución, a cognición social e o concepto do eu son quizais as áreas que máis aumentaron durante os últimos anos. Os psicólogos sociais mantiveron os seus intereses aplicados, con contribucións á psicoloxía da saúde e ambiental, ademais da psicoloxía xurídica, e unha estreita relación coa psicoloxía clínica, especialmente desde a psicanálise e as súas posteriores correntes e tendencias (ex. a Gestalt) que, finalmente, foron as que deron orixe á psicoloxía social.

«Estuda a interrelación dinámica entre o individual e o social e a súa relación coa historia, a cultura, a política, a lingua e outros aspectos presentes na realidade. Desde a perspectiva da psicoloxía social estúdanse os comportamentos individuais e sociais, a formación dos grupos, os fenómenos de masa e outras problemáticas da escena contemporánea. Desde o seu comezo, a psicoloxía social foi entendida como un campo de confluencia entre a psicoloxía e a socioloxía. Porén, nas últimas décadas son moitas máis as disciplinas que o constitúen: antropoloxía, lingüística, historia, comunicación, economía. A psicoloxía social constrúe coñecementos de formas interdisciplinarias e aplícaos a distintos campos da realidade. A cultura de finais do século XX e dos primeiros anos do novo milenio viuse afectada por cambios acelerados e definitivos, a unha velocidade que non se producira en épocas anteriores da humanidade, ocasionados en gran parte polos avances tecnolóxicos e produtivos e posibilitados, moi especialmente, polos medios de comunicación. Isto determinou cambios na forma de ser das persoas e nos grupos que moldearon novas “subxectividades” en relación con este particular momento histórico-social».

«A chamada globalización é un fenómeno que comezou na esfera económica e consiste na expansión dos grandes mercados de capitais máis alá das fronteiras dos seus propios países, producindo un forte impacto nas demais nacións, nun intercambio claramente favorable para aquelas con economías máis potentes. Este fenómeno global estendeuse moi axiña aos ámbitos político, cultural, social, ecolóxico e a case todas as esferas da sociedade. Unha das consecuencias dese modelo foi a fragmentación da sociedade e a exclusión de grandes sectores da poboación do mundo laboral, así como a falta de satisfacción das necesidades básicas. Este foi o panorama na Arxentina e en moitos países de América Latina ao comezo do século XXI. Nos últimos meses de 2008 produciuse unha importante crise financeira nos países máis ricos do mundo, con inevitables consecuencias para o resto; ata o momento non é posible avaliar o impacto destes cambios económicos noutras esferas da sociedade. Por iso, estudar os comportamentos sociais sen incluír a dimensión histórica é insuficiente. Por exemplo, as marcas que imprime a globalización na mocidade son moi distintas das que “subxectivaron” as xeracións de 1960 e 1970».

«A perspectiva histórico-social incidiu nos novos desenvolvementos teóricos e nos traballos de campo da psicoloxía social».

En 1895, o científico social francés Gustave Le Bon (1841-1931) presentou, no seu pioneiro traballo sobre a Psicoloxía das Multitudes. Nel formulaba a proposición básica para o entendemento dunha psicoloxía social: sexan cales sexan os individuos que compoñen un grupo, por semellantes ou dispares que sexan o seu modo de vida, as súas ocupacións, o seu carácter ou a súa intelixencia, o feito de teren sido transformados nun grupo fainos posuidores dunha especie de mente colectiva que os fai sentir, pensar e actuar de maneira moi diferente daquela pola cal cada membro del, tomado individualmente, sentiría, pensaría e actuaría, en caso de que se encontrase en estado de illamento. Esa proposición e os argumentos de Le Bon para xustificala, serviu de parámetro para o estudo sobre Psicoloxía de Grupo publicado por Sigmund Freud en 1921.

A Psicoloxía Social acada especial desenvolvemento nos Estados Unidos de América a comezos do século XX, sendo Floyd Allport considerado o precursor desta disciplina con carácter científico. Porén, será o psicólogo alemán Kurt Lewin o fundador da psicoloxía social moderna.

Complexidade

A influencia dos estereotipos sobre as condutas de exclusión, tal como se analiza nos traballos de Mullen e colaboradores, pon de manifesto a actuación conxunta de varios procesos de distinta natureza que se entrecruzan entre si. Algúns deles son individuais, teñen que ver con cognicións (por exemplo, a complexidade dos etnofaulismos) e con emocións (por exemplo, a súa valencia), pero outros son estruturais; é dicir, reflicten dimensións permanentes e globais da sociedade. É o que ocorre cos antecedentes da complexidade dos estereotipos, xa que conta cunha das ramas da psicoloxía e a socioloxía.