ABRIXAS (acrónimo de A Broadband Imaging X-ray All-sky Survey) foi un observatorio espacial alemán de raios X lanzado o 28 de abril de 1999 mediante un foguete Kosmos 3 desde o cosmódromo de Kapustin Yar. O observatorio deixou de funcionar pouco despois do lanzamento.
Características A misión de ABRIXAS era realizar observacións astronómicas en raios X na banda de enerxías entre 0,5 e 10 keV cunha resolución de 30 segundos de arco. A misión complementaría o estudo en raios X de entre 0,1 e 2 keV feito polo observatorio espacial ROSAT e tería durado 3 anos como mínimo, durante os que se esperaba descubrir 100 000 novas fontes de raios X.
A batería da nave sobrecargouse accidentalmente tres días despois do lanzamento, deixándoa incomunicada e inutilizable. Fixéronse intentos de recuperar o contacto co satélite no momento en que os paneis solares quedaron iluminados polo Sol, pero non deron resultado. O proxecto, cun custo de 20 millóns de dólares, foi abandonado. ABRIXAS reentrou na atmosfera terrestre o 31 de outubro de 2017.
Instrumentos A carga científica foi desenvolvida por MPE/Garching e o Instituto de Astrofísica de Potsdam, e consistía nun detector CCD de 36 cm² (idéntico ó da cámara EPIC do XMM-Newton.
Notas
Categoría:Observatorios espaciais Categoría:Satélites artificiais de Alemaña