As avelaíñas, matacandís ou velairiñas son insectos tamén chamados bolboretas nocturnas, pertencentes á orde dos lepidópteros. Teñen hábitos nocturnos, se ben é certo que tamén hai especies crepusculares e diúrnas. Antes estaban clasificadas no grupo Heterocera, que xeralmente era considerado suborde, pero este é un grupo polifilético, que xa non se utiliza nas clasificacións máis modernas.
Moitas especies de avelaíñas son moi ben coñecidas no seu estadio larval a causa dos danos que causan á froita e outros produtos da agricultura, ou mesmo aparellos domésticos como roupa e libros, dada a voracidade das eirugas.
Clasificación Malia as súas diferenzas, a división dos Lepidópteros en avelaíñas e bolboretas pertence porén á taxonomía popular, non ten base científica. Ás veces, e para formalizar dalgún xeito a distinción popular, úsanse os nomes Rhopalocera (bolboretas) e Heterocera (avelaíñas). Tamén houbo moitas tentativas de subdividir os Lepidópteros en grupos como os Microlepidópteros e Macrolepidópteros; Frenatae e Jugatae, ou Monotrysios e Ditrysios. O fallo deses nomes á hora de persistir nas clasificacións modernas débese a que ningún deles representa un par de grupos monofiléticos. A realidade é que as bolboretas son un pequeno grupo que xurdiu das avelaíñas, e estas últimas son a gran maioría das especies de lepidópteros. Taxonomicamente, as avelaíñas non son un grupo monofilético. Calcúlase que hai arredor de 160.000 especies de avelaíñas.
Importancia económica da avelaíña Pragas de avelaíña As avelaíñas, e especialmente as súas eirugas, son unha praga capital para a agricultura en moitas partes do mundo. A eiruga da especie Lymantria dispar causa importantes danos nos bosques do nordés dos Estados Unidos, onde é unha especie invasiva. Nos climas temperados, a carpocapsa (Cydia pomonella) causa danos devastadores, especialmente nos cultivos froiteiros. Nos climas tropical e subtropical, a Plutella xylostella é quizais a peor praga nos cultivos e colleitas de brasicáceas (familia que engloba as coles, repolos e outras plantas da mesma clase, tamén chamadas crucíferas).
Varias das avelaíñas da familia das Tineidae están comunmente consideradas como pragas porque as súas larvas devoran tecidos como roupa e cobertores de fibras proteínicas naturais como a la ou a seda. Porén, adoitan atacar menos os materiais mesturados que conteñan fibras artificiais.
Existen estudos que amosan que poden ser repelidas polo olor da madeira de cedro e cimbro, pola lavanda, ou por outras esencias naturais. Porén, moitos consideran que é improbable que isto preveña unha infestación. A naftalina considérase o produto máis efectivo, pero hai dúbidas en canto ós seus efectos na saúde humana. As larvas de avelaíña poden eliminarse conxelando os obxectos infestados durante varios días a unha temperatura inferior ós −8 °C.
As avelaíñas teñen unha constitución robusta e a miúdo son máis resistentes ós pesticidas que as moscas ou os mosquitos.
Os vermes da seda Algunhas especies de avelaíña son criadas en granxa pola súa rendibilidade económica. A máis coñecida delas é o verme da seda, a larva domesticada da Bombyx mori, que se cría pola seda coa que constrúe a súa crisálida. A industria da seda produce ao redor dos 130 millóns de quilos de seda crúa ó ano, cun valor aproximado de 250 millóns de dólares.
Con todo, non toda a seda é producida pola Bombyx mori. Hai varias especies de Saturniidae que tamén son criadas pola súa seda, como a avelaíña do ailanto (grupo de especies da Samia cynthia), o verme de seda do carballo (Antheraea pernyi), a Antheraea assamensis e o verme da seda xaponés (Antheraea yamamai).
O verme mopane, eiruga da Gonimbrasia belina, pertencente á familia das Saturniidae, é un recurso alimenticio moi importante no sur de África.
Galería de imaxes
Véxase tamén Outros artigos Traza
Notas
Categoría:Lepidópteros Categoría:Avelaíñas