Manuel Castiñeiras Porto, nado en Santiago de Compostela o 7 de agosto de 1979, é un exfutbolista galego. Xogaba de defensa.
Desenvolveu gran parte da súa carreira na SD Compostela, dende as categorías inferiores, pasando polo filial e ata o primeiro equipo, co que disputou case 200 partidos en catro categorías diferentes, e do que foi capitán ata a súa retirada en 2015. Na actualidade é o director deportivo do club santiagués.
Traxectoria Formouse nas categorías inferiores da SD Compostela. Na tempada 1997/98, cando aínda xogaba cos xuvenís do club, comezou a disputar partidos co Compostela B en Terceira División e acabou por gañar a titularidade ao final da tempada, na fase de ascenso a Segunda B. Xogou no filial compostelán ata que na tempada 2001-02 subiu ao primeiro equipo, que acababa de descender a 2ª B. Logrou ese ano o ascenso a Segunda e xogou no equipo branquiazul os dous turbulentos anos seguintes nos que o club descendeu tres categorías, dúas delas por débedas.
No verán de 2004 fichou polo Eibar, de Segunda División, no que xogaba o tamén ex do Compos, Paco Corredoira. Estivo dúas tempadas no club vasco, nas que xogou como titular case todos os partidos, pero descendendo ao final da 2005/06, momento no cal fichou polo Tenerife, adestrado por Pichi Lucas. No club canario dispuxo de poucos minutos durante a campaña, vivindo ademais un momento tráxico no partido de ida fronte á Ponferradina, cando foi substituído na segunda parte para serlle comunicado que seu pai, que estaba vendo o partido nas bancadas do Toralín, acababa de falecer dun infarto.
No verán de 2007 fichou polo Racing de Ferrol, onde se reecontrou de novo con Corredoira. Militou alí durante tres tempadas, nas que o club perdeu dúas categorías. No inicio da segunda das súas tempadas en Ferrol, Castiñeiras sufriu unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito que o mantivo de baixa durante case toda a tempada.
Na tempada 2010/11 xogou co Cerceda en Terceira División, conxunto adestrado polo ex xogador do Compostela, Nacho. Tras rematar a competición en primeira posición volveu ao Compostela, que competía en Preferente baixo a dirección de Anxo Casalderrey. Disputou catro tempadas máis en Santiago, vivindo dous ascenso ata 2ª B e converténdose no capitán e emblema do equipo.
En xaneiro de 2015 retirouse do fútbol para facilitarlle ao club a fichaxe de Yacine Qasmi, pois a cota de fichas sénior estaba completa. Incorporouse de inmediato á secretaría técnica do Compostela e en maio de 2017 converteuse no director deportivo.
Selección galega En 2006 representou á selección galega no empate a un fronte ao Ecuador no estadio de Riazor.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do CCD Cerceda Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia