Jesús Aguilar Rodríguez, nado en Monzón de Campos (Palencia) o 15 de setembro de 1942 e finado en Valladolid o 5 de maio de 1999, foi un futbolista español, que xogaba de porteiro.

Traxectoria Comezou a súa carreira como gardameta de fútbol na Cultural Leonesa, pasando en 1963 ao Valladolid, da Primeira División. Na súa primeira campaña no club valisoletano só xogou un partido, ante o Athletic Club, sendo os gardametas titulares no resto de partidos Justo e Pedro Calvo. O equipo acabou descendendo ao remate da tempada, e na categoría de prata Aguilar asentouse na titularidade, na que se mantivo durante os seguintes seis anos. Disputou un total de 189 partidos oficiais co club, descendendo á Terceira División ao remate da súa última campaña en Valladolid, en 1970.

Na tempada 1970/71 foi contratado polo Deportivo da Coruña, da Segunda División, onde tivo como adestrador a Arsenio. Tras uns partidos no banco, quitoulle a titularidade a Joanet e foi o gardameta do equipo entre as xornadas 9 e 31, ata que perdeu o posto en favor do coruñés Seoane. Pechou a súa primeira campaña no club cun total de 24 partidos disputados e o ascenso á Primeira División.

Xa na máxima categoría, non contou con ningunha oportunidade na tempada 1971/72, sendo Seoane o titular absoluto, pero unha lesión deste na 1972/73 permitiulle volver á portería do equipo, mantendo o posto aínda trala recuperación de Seoane, ata que tamén el se lesionou. O Deportivo acabou descendendo a Segunda esa tempada e a Terceira na seguinte, na que de novo se alternaron na portería Aguilar e Seoane. Pechou o seu paso polo club con 83 partidos disputados en catro anos.

En xullo de 1974 foi traspasado xunto a Beci e Tauler ao Linares, da Terceira División, a cambio do centrocampista Castillo. Militou durante catro anos no club andaluz, conseguindo un ascenso á nova Segunda División B en 1977. Trala súa retirada en 1978 continuou vencellado ao club como adestrador e directivo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1942 Categoría:Nados en Monzón de Campos Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Linares CF Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Linares CF Categoría:Finados en 1999